Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As organizacións constitúenas persoas: a importancia de involucrarse

Garrido, Juan Antonio - miércoles, 26 de marzo de 2025
Nunha sociedade democrática, o bo funcionamento das organizacións é clave para garantir a xustiza social, especialmente en servizos básicos como a sanidade. As organizacións formámolas as persoas e a nosa implicación é a que determina o mellor ou peor funcionamento e cumprimento dos seus fins. Un termo que define ben o que estou a falar é involucrarse. E refírome á acepción de "participar nun asunto, comprometéndose nel". Nos últimos anos xubiláronse moitas persoas da Área Sanitaria de Ferrol, de distintos estamentos, cuxo traballo conformou a atención sanitaria a esta poboación durante décadas. Moitas delas traballaron desde os inicios do entón Hospital Arquitecto Marcide. Sirva este escrito, personalizado nunha delas, como recoñecemento a eses outros profesionais que se involucraron e sen os que non se entendería a atención sanitaria en Ferrol tal e como é agora. Todos os profesionais son necesarios, pero algúns fan progresar especialmente as organizacións.

Estes días despedimos pola súa xubilación a Carmen Solloso, coordinadora do Servizo de Urxencias do CHUF. Ademais de compañeiro no profesional, son amigo de Carmen, o que manifesto para mellor avaliación do contido desta comunicación. Algunhas afirmacións veranse impregnadas polo rumbo do agarimo, pero, xunto a iso, vou darlles algúns datos obxectivos, algún descoñecido pola maioría, que servirán para diminuír ese subxectivismo inevitable.

No seu caso particular involucrarse foi: implicarse na formación continuada propia e dos outros membros da organización, na formación de novos membros, na participación nos órganos de asesoramento e calidade, na colaboración cos equipos directivos, na redución de gastos... Pero tamén foi: comprometerse en que para conseguir os fins se manteña o respecto dos dereitos dos pacientes e dos profesionais. E máis aló das normas, implicarse en que se promova e se respecte a ética na toma de decisións, especialmente nas cotiás, e na incorporación da compaixón, que vai máis aló da empatía, no exercicio da profesión. A ética das e nas organizacións tamén a fan as persoas.

Coñezo a súa contribución profesional e persoal á sanidade pública de Galicia, máis aló de Ferrol, desde que empecei a traballar no entón Hospital A.Marcide en 1991. Só quero destacar que Carmen é unha desas persoas esenciais para que unha organización cumpra os seus fins. É unha persoa que se involucra. Ademais da súa implicación como profesional competente en Urxencias, un primeiro dato obxectivo é o seu compromiso en órganos e comités de acción transversal, tanto técnicos como na área de humanización e bioética, locais e autonómicos. Pero, ademais, a continuación, comunico datos relacionados con dúas das áreas que coñezo especialmente por estar comprometido persoalmente e con responsabilidade directa nelas.

A docencia de residentes é esencial no ámbito sanitario, non só para asegurar a substitución xeracional de especialistas adecuadamente formados senón como un dos motores e estímulos da organización. Esta docencia no servizo de urxencias cambiou ao asumir Carmen a coordinación do servizo. O seu carácter e espírito dialogante e cooperativo, a súa capacidade de "escoita vulnerable" entendida como capacidade de que o escoitarmos aos outros sexa capaz de modificar as propias formulacións, foron fundamentais para facilitar as relacións e a instauración dos procesos formativos e a súa avaliación.

Para finalizar, detereime nun feito descoñecido para a maioría pero que me permite terminar de ilustrar con obxectividade ese involucrarse do que estou a falar. Carmen é a única profesional de Galicia que, comprometéndose na posta en marcha dos Comités de Ética Asistencial (CEAs) da nosa Comunidade Autónoma desde o seu inicio, permaneceu implicada non xa na bioética cotiá senón na bioética institucional ata a súa xubilación.
Formou parte do grupo promotor do CEA da nosa Área Sanitaria, primeiro en constituírse en Galicia en novembro de 1996 (https://www.sergas.es/Bioetica/Documents/156/Bioetica_2022_online_GAL.pdf) e xubilouse sendo vogal e, ata poucos meses antes, a súa presidenta. Nesta longa traxectoria destaco tamén o seu traballo como vogal do Consello de Bioética de Galicia (CBG) entre 2015 e 2022. Documentos que fan constar as conclusións das deliberacións sobre aspectos esenciais da bioética clínica contaron co seu traballo e agora poden atoparse na Intranet da área Sanitaria de Ferrol ou na páxina de Bioética do CBG (https://www.sergas.es/Bioetica/Consello-de-Bioetica-de-Galicia-Documentacion-CBG-CGB?idioma=ga).

Aspectos como a confidencialidade, a atención e coidados ao final da vida, o consentimento informado, a distribución xusta de recursos sanitarios, etc., contaron co seu traballo. A súa implicación na bioética cotiá e o seu compromiso coa sanidade pública demostran como involucrarse fortalece o sistema sanitario e mellora a atención aos cidadáns.
Garrido, Juan Antonio
Garrido, Juan Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES