José Manuel Espiño Meilán, lucense residente en Canarías desde hai case cincuenta anos, ten acreditado plenamenente o seu lucensismo na súa prolífica obra literaria, e tamén do xeito máis ostensible pola presencia na capital lucense en todo tipo de

acontecementos, visitas familiares e presentación de libros, de xeito que para os amigos é difícil saber se está en Lugo ou en Canarias.
Digo o anterior en canto a estancía física, porque animicamente está claro que posúe e vive as dúas sensibilidades, e coñece e disfruta d0as excelencias galegas e canarias nunha porcentaxe equivalente. E moitas das veces que ven a Lugo, ven cun libro debaixo do brazo, para presentarlle aos seus amtigos compañeiros, veciños e amigos lucenses a súa produción máis recente. Nesta ocasión preséntanos EL ARTE DE CAMINAR Y EL PLACER DE SENTIR.
Aínda coñecido por todos os presentes, digamos que o lucense José Manuel Espiño estudou Maxisterio en Lugo, especializándose -entre outras materias- en Ciencias da Natureza. Profesor en Las Palmas desde 1977, con decidida vocación naturalista, foi pioneiro nas Illas Canarias en conxugar educación e natureza, e convertiuse en especial divulgador da riqueza natural das Illas tanto no ámbito educativo como a través de conferencias, estudos ou tertulias, espallando entre os canarios as súas riquezas naturais.
Toda a súa obra esta baseada na natureza, historia, lendas e vida das Canarias, e tamén de Galicia, coa que segue plenamente conectado. E pode que teña na fala algo de acento canario pero eu non llo percibo porque conserva un galego de Lugo que da gloria escoitarlle tanto tempo despois, tantos anos de inmersión lingüística naquel paraíso natural que ben merece o nome de Illas Afortunadas.
Cando os galegos chegamos ás Canarias quedamos conquistados pola temperatura, o aire, o mar, polas plantas exóticas pero Espiño, desde a súa chegada, veu aquel país con ollos de naturalista, e dedicouse a descubrir a natureza das Illas para canarios e galegos. Creou o colectivo naturalista TURCÓN, do que é presidente de honra, co que fixo investigacions, publicacións, viaxes, estudos, acampadas, repoboacións, limpeza e accións reivindicativas e defensivas do medio natural. E fala con propiedade de areais, montañas, barrancos; de prazas arboradas, ecoauditorías, xardíns didácticos, aulas ecolóxicas ou educación ambiental.

E en ocasións coma esta, presenta libros. Onte comprobei que na Biblioteca Nacional de España teñen dez libros seus, con títulos que van desde Ventaiga ou Los silencios de Punta Arenas a Un centenar de lagartos, Kaiak, El barranco de los cernícalos, Volcanes, barrancos y playas de Telde ou, en galego O segredo dos trasnos. Sen esquecer, senón para citar especialmente Un Camino de leyenda ou Airam y el apostol, para espallar que nas Canarias teñen un Camiño de Santiago coa mesma dignidade que os Camiños na Península que comflúen en Compostela.
Na obra que presenta hoxe neste simbólico lugar -EL ARTE DE CAMINAR Y EL PLACER DE SENTIR- efectúa un paseo polo litoral de Telde, facendo vivir ao lector unha aventura inesquecible mergullado na natureza viva do territorio grancanario.
Jaime Checa Guerrero aporta a este libro ilustracións sobrias, fortes, nas que a pedra parece cobrar vida, e praias, puntas, xacementos, barrancos ou bahías son cadanseu impacto rotundo de natureza, que evidencia o agarimo de pedra e auga.
O autor elixe Telde, un dos guanartematos anteriores á conquista hispana, un litoral do leste grancanario, que nas últimas décadas progresou cultural e naturalmente mellorando de xeito osrensible, pero sen ter borradas importantes eivas. E o naturalista Espiño con este libro pretende contribuir á mellora do elemento natural, camiñándoo con coñecemento, "con andar pausado, os sentidos alerta e abertos ao senfín de estímulos da natureza".
Percorrer o litoral de Telde pola inmediata autovía -12 km.- leva uns minutos... Camiñando a costa, pode ser o doble de distancia, pero o que practique a arte de camiñar e disfrute do placer de sentir, gozará de todo un mundo: ducia e media de praias, duas penínsulas, quince puntas, unha ducia de barrancos e barranquiños, varios arrecifes mergullados, dez pequenas illas, dúas bahías, cinco bufadeiros, dous peiraos, dúas covas, unha duna e un cento de pozas. O que corre, perde un mundo; quen camiña, sente e vive.
A prosa de Espiño neste libro goza leda dos vexetais e dos animais, da forza da natureza, da vida que abrolla arredor do camiñante; pero é dura coas macrosuperficies, construcións desaforadas, vertidos ilegais, explotación dos recursos, co lixo (triste legado aos nosos descendentes, di o autor)... A súa é unha viaxe consciente, atenta, que pode pararse a mirar "As catedrais" (tamén nas Canarias), os acantilados de "Malpaso", con nome que ven ser aviso prudente; acantilados en retroceso, ou a sorpresa da cova da Raíña Mora, onde a lenda nos conquista e nos embarga.
É este libro unha orixinal guía de viaxe, memoria dunha viaxe contada para que o lector saiba o que pode contemplar... a realidade da natureza; a fermosura da paisaxe intocada; os restos de agresións bárbaras que se están corrixindo; as agresións que aínda se producen... É unha toma de conciencia sobre a natureza que se resiste a morrer, que se retrae agredida, pero se recupera cao cesar a agresión.
Pero creo que xa dixen demasiado, porque ler este libro é para os canarios unha obriga de país, de raza, de terra, de historia... e para os que vamos a esas terras como turistas, para que pensemos e ollemos, e aprendamos a ver mellor o que a contorna nos esta contando. É hora xa de que Espiño Meilán nos fale da ARTE DE CAMIÑAR, e do conseguinte PLACER DE SENTIR, como el o sabe facer, en Canarias ou Galicia, en Galicia e en Canarias, os dous universos aos que pertence; dos que entende, cos pes na terra e os ollos na fondura da paisaxe.
(Intervención de Xulio Xiz na presentación do libro deste título, de José Manuel Espiño Meilán, no Vello Cárcere de Lugo, o 18.03.2025).