Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'O Piloto', 60 cabodano da súa morte

Rodríguez Porto, Ramón - jueves, 20 de marzo de 2025
A figura de "O Piloto", último guerrilleiro do réxime franquista morto por disparos da Garda Civil, aínda está presente nas vidas de moitos lucenses. Cando se cumpren 60 anos da súa morte, segue recibindo homenaxes, aínda que tampouco lle faltan detractores.

O 10 de marzo de 1965 falecía Xosé Castro Veiga, o último maqui abatido pola Garda Civil na historia de España. Nese mundo era coñecido coma "O Piloto". Ao día seguinte da súa morte, este mesmo xornal daba a noticia cun artigo no que decía: "sobre las 11.30 horas del día de ayer, al hacer frente a fuerzas del puesto de Chantada, al mando del teniente jefe de la linea de la Guardia Civil de dicha residencia, D. Alberto Díaz López, que le había conminado a que se entregara, ha resultado muerto en las inmediaciones del embalse de Belesar el tristemente célebre forajido José Castro Veiga, el Piloto, autor de numerosos asesinatos y atracos a mano armada. Se le ha ocupado una pistola ametralladora y otra calibre nueve milímetros de largo y abundante munición para las armas".
Xosé Castro Veiga, O Piloto, naceu no Corgo o 11 de febreiro de 1915. Aos 15 anos viaxou a Madrid para apuntarse na Escola de Aviación, onde ingresou e adquiriu o alcume. Serviu no bando republicano na Guerra Civil e fíxose cos galóns de cabo. No ano 1939 foi apresado en madrid e condenado a 30 anos de cadea, aínda que aos catro anos foi indultado. A partir dese intre permaneceu na capital contactando coa clandestinidade ata fuxir a Galicia no 1945.
Durante dous anos estendeu a organización do Partido Comunista de España e a resistencia antifranquista por diversos puntos do país. Estivo en contacto con Ramón Rodríguez "O Coruxás", outro histórico guerrilleiro, e finalmente Castro Veiga foi nomeado xefe do Estado Maior da II Agrupación Guerrilleira de Galicia, que actuaba no suroeste de Lugo.
Daquela época datan asaltos ao servicio de transportes La Directa, atracos e outras actividades por toda a comarca en nome da República. Curiosa resulta unha anécdota segundo "O Piloto" multou con 30.000 pesetas a un xuiz de Escairón, nunha actitude que mereceu as críticas dos seus compañeiros.

O DERRADEIRO
A andaina do guerrilleiro deu un xiro definitivo no verán de 1949, cando a Garda Civil desfixo a agrupación militar guerrilleira en Bóveda. Aquel día, tres dos seus compañeiros caeron na refrega, aínda que "O Piloto" conseguiu fuxir. Entón, botouse ao monte en solitario e a súa vida entrou na especulación e a lenda.
"O Piloto" ignorou as ordes do propio Partido Comunista (PC) de abandonar a resistencia armada e sobreviviu máis de tres lustros en numerosos agochos. A súa figura foi explotada polo réxime coma o derradeiro guerrilleiro, o derradeiro resistente que morreu coas armas na man, unha imaxe á que o PC tampouco renunciou.
Cada ano nestas datas dende 1985 é cando un grupo de amigos e simpatizantes de "O Piloto" lle tributan unha homenaxe colocando unha lápida sobre a súa tumba. Son habituais os actos na súa honra.

MAQUI OU BANDOLEIRO
"O Piloto" foi o derradeiro escapado, fuxido, maqui ou bandoleiro abatido pola Garda Civil en España, aínda que non o derradeiro que actuou. Foi no regato de Choupán, que separa as parroquias de Pesqueiras e San Fiz, en Chantada, onde Xosé Castro atopou a morte. Non tivo alternativa. Un certeiro tiro na testa acabou coa súa vida cando contaba con 51 anos.
"A las once de la mañana del día 10, un vecino de O Saviñao confió al exsubteniente don Ángel Fernández la noticia de que el tristemente forajido El Piloto, que durante años castigó toda esta comarca, estaba otra vez por aquí. Este se aseguró de llamar por teléfono a la Guardia Civil de Chantada. En tanto el paisano vio cómo El Piloto atravesaba la presa de Belesar y en su apariencia era un empleado o trabajador cualquiera, pues iba tocado con una bilbaína, una chaqueta de Mahón azul en buen estado y unos zapatos fuertes", contan as crónicas, que tamén falan de que ese veciño fora atracado pouco antes por "O Piloto".

O EXPEDIENTE
Nos informes sobre "O Piloto" contabilizáronse 20 homicidios, na súa maioría axustizamentos inscritos dentro da loita guerrilleira. Romántico e xusticieiro guerrilleiro para uns, vulgar criminal e atracador para outros, participaba en accións coma golpes económicos, enfrontamentos coa Garda Civil ou sabotaxes. As autoridades franquistas dicían que "comportabase con extraordinaria crueldade", como cando vingou a morte do seu compañeiro Emilio Goiás. Matou ao chivato, á muller deste, e queimou a súa casa.
Ante o cadáver de "O Piloto", o teniente da Garda Civil contaba a El Progreso entón que "la lista de sus crímenes es larguísima. En Reiriz (O Saviñao) mató a dos hermanos tras robarles, asesinó al dueño de una casa que se negaba a darle dinero, prendiendo además fuego a la casa. En Ribela cometió otro asesinato y en Ousende mató a dos hermanos".

MIRELLE, A SÚA PARELLA
A vida de "O Piloto" foi fantasmal. Daba un golpe e desaparecía. A Garda Civil manifestaba que se fixera rico a base de atracos e extorsións. Nos seus agochos sempre o agardaba "Mirelle", Ramona Curto, de O Saviñao, quen logo tivo que desaparecer e buscar apoios na guerrilla.

LITERATURA
De "O Piloto" téñense escrito numerosos artigos. Alfonso Eiré publicou en 2015 o libro "O Piloto, o último guerrilleiro", realizáronse diferentes documentais coma "O Piloto" de Antonio Reigosa, e está incluido no audiovisual "Bandoleiros e guerrilleiros".
Rodríguez Porto, Ramón
Rodríguez Porto, Ramón


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES