Pingas de Orballo
Rivas Delgado, Antonio - jueves, 20 de marzo de 2025
Home de idiomas
Deixei de estudar latín porque me fago entender mellor con signos, con xestos, con acenos. Ou a berros. Nos berros -nos que nunca digo nada-, todos me entenden. Unha noite ata filosofei un pouco con eles, cos berros, porque non dicindo nada, a ver por que me entendían tan ben. Ó mellor era porque tamén sabían ler na mirada. Si, hai miradas que matan. E cando se berra, a ollada non adoita ser alegre; a non ser que sexa un berro gozoso, excitante, sexual, que de todo hai neste mundo de desvalidos.
Tamén deixei de estudar grego porque xa me chega co portugués. Como a xente de Portugal está á beira, a un paso de tartaruga, todo se pega. E detrás dunha palabra foi outra. E detrás da fronteira estaban eles, os portugueses. Son moi melosos falando, moi agudiños. A min gústame Portugal. Quérolle ós portugueses. Menos mal que nos queda Portugal, dixemos sempre.
Non hai moito estudei arameo. Sabía arameo e lía e escribía en arameo. Hai un tempo. Agora non; agora estudo, sei, leo e escribo en gaélico (non confundir co galego). Cando canse penso dedicarme ó urdú ou ó chino mandarín. Son home de idiomas e non só das linguas humanas, senón tamén dos sons animais. Sei ladrar coma os cans e oulear coma os lobos. Polo menos con eles comunícome así. Moito mellor que coa vara e os berros. Mesmo sei gruñir coma os xabaríns e os porcos. Asubío como un merlo e arrolo como as rulas.
Para o mes que vén iniciarei un curso en linguaxe extraterrestre. Quero estar preparado para cando asomen por estes lares. Que asomarán. Tempo ó tempo.
Un pero para todo
Deixo caer a mirada ó chan; pensativo. Ó mellor é que estou aburrido, ou sen ganas de facer nada. Non sempre un está espelido, e a nugalla asoma porque di que ten que asomar. Ás veces nin tan sequera somos donos dos nosos propios pensamentos, que xa é dicir. Podo dicir que penso e non penso en nada. Podo dicir que berro, cando, na realidade, a noite está preñada de silencio. Si, podía rachalo cun berro, pero que bonito é o silencio! E que ben se está cando se está en silencio. E quietiño. E coa ollada perdida. E coa cabeza baleira. Que descanso cando non se pensa en nada. Haberá algún momento no que non se pensa, no que queda a mente en branco? É raro, moi raro, pero...
Sempre hai un pero para todo. Mesmo para cando hai tenrura, hai señardade, hai sentimento, hai morriña, hai cariño, hai saudade. Tamén para cando hai carraxe e algarabía e ignorancia e ineptitude e deixamento e apatía. O pero é esa conxunción que introduce unha restrición ou unha oposición a algo que xa se dixo. E dá igual que se dixera algo bo como algo malo. Hai un pero para todo.
Ergo a mirada do chan e, non obstante, sigo aburrido, sen ganas de facer nada. E aquí si que non hai pero que valla. Sigo sen querer facer nada porque me dá a gana. Sigo aburrido porque non intento ser ameno, distraído, divertido, entretido, gracioso, simpático, pándego... e quixen escribir tamén "pavero", pero resulta que no Dicionario da Real Academia Galega non existe. Así é que merece un Pingas a parte porque ten o seu aquel. Tal palabra acaba de espreguizarme. Xa non estou aburrido.

Rivas Delgado, Antonio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora