Os espazos rurais baleiros e a fantasía (3)
Rubal, Pedro - viernes, 18 de abril de 2025
Pensei que esa dificultade de encher os "baleiros rurais" coa "fantástica realidade" ben merecía o intento de ampliar un pouco máis as razóns que me levaron por este camiño; pero para isto considerei necesario partir doutras perspectivas, e, a ser posible, desde aqueles principios, axiomáticos, ou non, dalgunhas etapas históricas, que fundamentan as diferenzas culturalmente contextuais, manténdose, incluso, a modo dun certo substrato. E a esta decisión impulsoume a lectura repetida das páxinas 189-193, na obra "El sentido de la vida", de G. Bueno, aínda que están orientadas a outra temática, e tamén un excelente traballo do filósofo, matemático e catedrático español, D. Javier Echevarría, en Wikipedia.
Cada etapa histórica ten o seu sistema de principios, considerados como máis adecuados, cambiando, incluso, a natureza dos mesmos. Así pois, empezo aquí ofrecéndolles, en fórmula da tradición indoeuropea, os correspondentes a Idade Media, coa denominación das tres virtudes teologais: Fe, Esperanza e Caridade; os tres principios da Revolución francesa: Liberdade, Igualdade e Fraternidade, e os elixidos como axiomas da Revolución científica (centrada en Newton): Inercia, Forza, e Acción Recíproca. A Revolución Tecnocientífica, na nosa etapa, require unha explicación especial, pola indefinición que supón a proximidade dos acontecementos e a valoración dos obxectivos en función dos resultados esperados; e a aplicación dos principios axiomáticos sinalados preséntase bastante dubidosa.
Esta Revolución caracterízase polo pluralismo axiolóxico, que arrastra non poucos conflitos. Considéranse como valores básicos a alegría, o amor, o benestar, a capacidade creativa, etc. Permanecen os relixiosos, os militares, os morais, os sociais, os políticos, os xurídicos, os económicos e os epistemolóxicos. Hai valores trans-sistémicos, considerados desde diversas acepcións. Designar os de cada tipo levaríanos a ofrecerlles un complicado cúmulo de ideas confusas.
Hai que ter presentes á tecno -matemática, -física, -bioloxía, - astronomía, -socioloxía, (...), ademais interveñen doce sistemas de valores diferentes, e xeran grandes e profundos debates humanos: Rexeitamento dos transxénicos, clonación humana, facer determinadas modalidades de reprodución humana, loita pola defensa dos valores ecolóxicos, receo nos usos da IA, etc. E sociolóxica e politicamente, témese a formación dos novos ricos investidos dun poder que, incluso, dexenere nun típico fascismo. Por outra parte, non hai que confundir o termo "técnica", empregado incluso nas actividades agropecuarias no rural, coa "tecnoloxía", que utilizamos nesta: facer un arado, é unha técnica (artesanal), e, xeralmente, esta técnica non evolucionou, como no caso da tecnoloxía, na que a coñecida como tecnociencia cambiou a estrutura práctica científica, non no coñecemento científico, onde as teorías seguen, como a da relatividade, a mecánica cuántica e a teoría de conxuntos. O cambio radical que se produciu na actividade científica, foi na estrutura do que fan os científicos: Non basta con investigar, hai que xerar innovacións que podan comercializarse.
Creo que é indiscutible que as liñas paramétricas que determinan o principios que estruturan os comportamentos humanos na Antigüidade, na Revolución científica (centrada en Newton) e na Revolución política, queda quebrada pola Revolución tecnocientífica, pois, aínda que aparecen en xogo case todos os valores considerados nas tres revolucións anteriores, os cambios da súa materia a aplicar terxiversa os seus significados, e establécense valores extrasistémicos desde diversas acepcións: a constitución dos físicos adecuase á fantasía convertida en realidade, e a regulación dos políticos devén incoherente na práctica cos obxectivos enunciados e perden confianza na estabilidade, porque nos cambios nas Grandes Revolucións os axiomas adoitan ser revolucionarios, para producir a sensación de que están fundamentadas.
É este un proceder que incide na constancia da fe e debilita a necesaria fortaleza da esperanza, e fai ilusoria a igualdade que, por si mesma, non xera a fraternidade, senón, incluso, a competencia. Isto exemplifícoo Javier Echevarría, acudindo a "Crítica do programa de Gotha", de Marx, que concibiu a sociedade comunista do futuro como unha "fraternidade" entre "desiguais", e, xustamente por isto, di que hai que dar a cadaquén segundo as súas necesidades e pedirlle segundo a súa capacidade. Poderíamos engadir que a fraternidade, como cooperación e solidariedade, implica un cooperante que non é igual que un cooperado, e o que se solidariza, polo menos economicamente, non é igual cuantitativamente que o beneficiario da solidariedade. Me permito afirmar que os principios da Revolución política son principios estruturais dunha sociedade de persoas considerada en abstracto, que só existe na realidade de individuos historicamente determinados segundo disposicións precisas. Os modos puros son utópicos e construídos sobre datos hipotéticos, tamén son "ucrónicos".
Por suposto, non parece fácil imaxinar a incorporación destas estruturas culturais aos "baleiros rurais", sobre todo tendo en conta as incertezas que xeran na sociedade, pese ao esforzo para levar á práctica unha serie de valores como principios éticos da Revolución tecnocientífica, tales como a responsabilidade, a precaución, capacidade de escoitar, diálogo, etc; pero isto é un a priori dun necesario contrato social entre tecnociencia e a sociedade, lonxe de ser unha realidade.
Non existe consenso acerca dos principios éticos, pero resaltan a transparencia, a xustiza e a equidade. E a IA debe ser ética, aínda que tamén aquí o consenso está lonxe de xerar unanimidade, posto que hai discrepancias no seu alcance: Insístese na transparencia, que esixe información; na xustiza, que rexeita o uso indiscriminado dela e vixía os danos; na responsabilidade, sen clarificar quen debe asumila, e na protección de datos, cuxa eficacia queda a mercé dunha regulación específica.
Así pois, todo isto parece un contido excesivo para encher o baleiro rural, desprazando a súa realidade fantástica, e cunha evolución inconexa coa que correspondería, sen ruptura, a esa realidade; pero creo que lles debo a vostedes, os lectores, unha máis extensa explicación das razóns que teño para manter esta opinión. Intento facelo na Parte seguinte.

Rubal, Pedro