Os espazos rurais baleiros e a fantasía (2)
Rubal, Pedro - viernes, 04 de abril de 2025
Na parte anterior, nº 1, pretendín situar ao lector das novas xeracións na realidade que enchía os baleiros rurais, acompañadas de escasas indicacións culturais, porque penso na dificultade de cubrir eses espazos baleiros, debido a unha evolución profundamente innovadora, con achegas doutros campos, desvinculadas da realidade contextual rural; e nela está integrada a cultural, que conta con contidos que contrastan con ela, propia e peculiar, moi distante da que hoxe estamos vivindo, que non parece articulable, consecuentemente, coa dun pasado xa bastante distante. E pensei que as dificultades de comprensión que esta opinión poda presentar, talvez sexan máis superables traéndolles aquí unha reflexión acerca do papel da fantasía no seu contraste coa realidade, xa que non parece igual VIVIR NUNHA REALIDADE FANTÁSTICA QUE NUNHA FANTÁSTICA REALIDADE. E non pensen que este é un xogo de sintagmas, xa que existen diferenzas, como as que se perciben no significado entre "un home grande e un gran home", analoxicamente; pero antes de facer uso destas expresións, quero dicir algo acerca da "fantasía".
Xa que hai que recoñecer que non parece nada fácil recuperar o que sería hoxe un presente, decidín intentar utilizar imaxinalo, facendo uso da "fantasía", como adxectivo co que se cualifica o quimérico, finxido, carente de realidade, sen outra consistencia que a que nos pode dar a imaxinación de cadaquén; pero tamén como substantivo, considerando a súa irrealidade. E, aínda que isto non achega ningunha solución, talvez podería servir para decatarse un pouco mellor do que perdemos e como debería establecerse unha substitución aproximativa, acredora a ser cualificada de fantástica, pero aquí como boa. Permítanme, pois, intentar valerme un pouco da imaxinación e da razón.
A "fantasía", como outros termos, enraizase no grego, e, etimoloxicamente, pode dárselle a significación de "figuración ou representación de algo", derivada de "phantazein", cuxa representación xorde de"phaineszei", "aparecer", é dicir, que nos representamos algo como "visión," "imaxe dun obxecto no espírito", e escríbese que non hai fantasía sen sensación, nin xuízo sen fantasía, que radica no noso poder de "suscitar" imaxes, aínda que non estean presentes; nela non hai crenza nin convicción e É MENOS SUBSTITUTIVA QUE ANTICIPADORA.
Para San Agustín, a fantasía é unha "vis animae", máis vinculada á sensibilidade que ao intelecto, e parece que os escolásticos distinguen entre unha fantasía sensible e intelectual. Desde finais do século XVIII, comezou a considerarse como unha "imaxinación desenfreada" e, incluso como creadora, no campo artístico, e produtora e creadora, no científico; non simplemente representante. Interésanos tamén traer aquí que o alpinista, filósofo e novelista inglés, das últimas décadas do século XIX e primeiras do XX, Edward Douglas Fawcett, designou como IMAXINACIÓN CÓSMICA a que concibe a REALIDADE ÚLTIMA, que todo o abarca, como realidade imaxinada, algo así como o ABSOLUTO, ao que semella en ter todas as condicións en ser espiritual.
O que eu lles quero resaltar agora é a diferenza que me parece que hai nas distintas funcións que se lle atribúen á fantasía na actualidade e as mesmas, ou semellantes, nesa vida humana que ocupou os baleiros rurais no pasado. E para non complicar moito a explicación da miña opinión, utilizo dous sintagmas que apuntei na parte 1 desta colaboración. Atribúo ao pasado rural a "realidade fantástica" , é dicir, unha realidade na que participamos, en maior ou menos grao, da algunha das funcións da fantasía, incluso da intelectual, na produtora e "anticipadora", en artistas e persoas con iniciativas, que gozaban dun aprecio especial, cun papel da sensibilidade que destacou o mesmo San Agustín, e moitos outros estudosos como Risco, Todorov, Tzvetan, etc.
A este respecto, podemos contrastar nas vellas cidades as rúas dos cabaleiros e a dos comerciantes, que se apiñaban como o xardín a unha nabeira, e non digan que todo isto non da conta da existencia dunha fantasía representando un contexto realista. Pero incluso podemos intentar a percepción desta realidade fantástica nun caso, se o prefiren, máis serio, no que a realidade está definida pola fantasía. A tuberculose, tan temida, intentaba sandarse cunha forte alimentación, e nin a realidade coñecida desa doenza era tal, nin a función da comida era unha verdadeira e adecuada terapia. Estaba presente unha certa fantasía, que cabe estender a moitos outros exemplos daquela vida. Así pois, vivíamos nunha realidade fantástica, aínda que esta fantasía tiña un carácter dubidoso, debido a seguridade que daban algúns casos que respondían as nosas presuncións realistas.
Pois ben; outro sintagma era "vivir na fantástica realidade": se antes vivíamos nunha realidade fantástica, na que esta fantasía quedaba na penumbra da ignorancia e dos ocasionais acertos das nosas presuncións realistas, agora vivimos nunha "fantasía convertida en realidade virtual (RV)". E aínda que para abordar a fondo esta temática contextual, necesítase unha formación que eu non posúo, intentarei apuntarlles algo por se facilita a comprensión da postura que lles ofrezo aquí. Partamos, pois, de que o obxecto dunha aparencia real, xerado valéndonos da tecnoloxía informática, acompañado de certos estímulos, desencadea unha sensación da coñecida realidade artificial. A Enciclopedia Británica define esta realidade como "uso do modelado e a simbolización por computadora que nos permite interactuar con un contorno sensorial tridimensional artificial, ou non". O que parece que non está moi claro é determinar cales son os factores psicolóxicos principais neste proceso que interveñen no "sentido da presenza". E nesta realidade hai dous contornos, o do usuario dos aparatos e o virtual, que se comunican, e o usuario actúa co sistema de realidade virtual, mediante o que se chama INTERFAZ, unha especie de tradutor entre este e o sistema.
O desenrolo da realidade virtual supón un dos cambios tecnolóxicos máis importantes dos últimos anos e permite despregar toda a nosa creatividade A PARTIR DA IMAXINACIÓN e establecer un entorno que simula un mundo de diferentes obxectos, no que se integra un entorno visual. E desta maneira fai posible definir as relacións entre obxectos e a natureza das interaccións entre eles, acadando, incluso, representacións mediante gráficos tridimensionais. E se a todo isto sumamos a nanotecnoloxía e a nanociencia, con aplicación ao control da materia a nivel atómico e molecular, podemos valorar como vantaxes importantes xa na actualidade a posibilidade de manipular obxectos sen necesidade da súa dispoñibilidade física, análises minuciosos de feitos e procesos, aplicación en moitos campos como a medicina e a mesma produción agropecuaria, etc. Etc.
Creo que a diferenza que apuntaba na parte 1 entre vivir en contextos nos que predomina a "realidade fantástica" (o pasado rural) ou a "fantástica realidade" (os nosos tempos actuais) xustifica a opinión da imposibilidade de encher o "baleiro rural", utilizando contidos e estruturas desta última para ocupar o lugar da outra, sobre todo constatando que o baleiro non se produciu como consecuencia da evolución de todos os elementos integrantes daquel contexto, completamente abandonados polas novas xeracións, que lles impediu a súa PECULIAR ADAPTACIÓN aos novos tempos, e, por iso, os poucos que se establecen nese baleiro, "imitan", non "suceden", deixando outros baleiros que se interpoñen nos necesarios e naturais contrastes. Consecuentemente, isto motiva que, os que aínda seguimos sendo aldeáns, conceptuemos esta historia máis en perspectiva subxectiva (como acontecemento) que obxectiva (como un saber histórico do pasado), e sentimos que non se poda corrixir o sucedido, porque se resiste a ser unha pegada para nosoutros, a non ser un pasado que sentimos como presente.
Robin G. Collingwood, filósofo inglés, na súa obra "Idea da Historia", denomina RE-EFECTUACIÓN a esa posibilidade que ten o historiador de coñecer os "pensamentos humanos" que desencadearon os acontecementos históricos, mediante o estudo destes, e así pode situarse na causa deles, evitando entregarse só ao seu contexto, é dicir, pode entrar nos motivos que os impulsaron. Penso, pois, que isto avala a perspectiva subxectiva dos que aínda vivimos nas aldeas, e seguramente explica a opinión que deixei indicada, respecto a dificultade de cubrir o baleiro, se o exposto na Parte 1 tamén pode utilizarse para descubrir os motivos principais que levaban aos habitantes a vivir nesa realidade cualificada de fantástica, sobre todo considerando que os acontecementos históricos teñen unha parte externa (evidenciada nas pegadas) e outra interna (os pensamentos humanos).
E aínda que Collingwood creo que mantén a posibilidade de traer á realidade o conxunto dos pensamentos deducidos da análises dos acontecementos históricos, costumes, institucións, etc., non todos os autores que se ocuparon disto están de acordo co alcance da súa re-efectuación (re-enactment), como ocorre con Gadamer, Paul Ricoeur e o mesmo Heidegger, quen nega en "Ser y Tiempo" que a repetición do posible non é unha restitución do pasado nin tampouco unha vinculación do presente ao que quedou atrás. Indico isto, sen estenderme, porque parece avalar a miña modestísima postura.

Rubal, Pedro