Facendo Tempo
Estou aquí. Sentado. Esperando. Esperando non sei que. Nada; quizais a que o tempo pase. A facer tempo, como dirían outros. Facendo tempo; aínda que non se faga nada, algo se fai. Parece mentira, pero é así: non facer e facer ó mesmo tempo. Non fago nada, pero escoito un tema musical que John Williams compuxo para a película "A lista de Schindler" (que música!, que película!). Non fago nada, pero vexo como pasa a xente, os coches e como as pombas se buscan a vida.

Fago tempo pensando. Aínda que non faga nada, a cabeza traballa. Traballa moito e ben. Non sempre; ás veces é un desastre. É igual, dunha maneira ou doutra, traballa. Traballa sachando, traballa escribindo e traballa sen facer nada. Botei un cacho contemplando os biosbardos e souben nese momento -que quedei coa ollada perdida e sen facer nada- que estaba a facer algo: pensar nunha quimera.
Fago tempo e confiando en que non tardarei en facer realmente algo. Porque a vida ten que seguir e eu teño que erguer, deixar de estar sentado, para emprender o camiño que me leve ó meu destino. O destino deixarei que sexa unha incógnita. Tampouco é plan de descubrir todos os pasos que dou. Non vaia ser o demo que me secuestren. Se me secuestran, entón si que tería que facer tempo... esperando unha liberación. Certo, quen me vai querer!
Efectivamente, vou deixar de estar aquí porque chegou o momento de sentenciar co famoso dito de "marcho, que teño que marchar". Sentenza categórica e real. Tan real como o punto final.