Letras, palabras, frases
Letra negra. Ollos que len. Frase enteira. Sentimento oculto. Tema musical, de jazz, que soa. Paxaros que cantan por entre as silveiras. Xente que baila tangos sobre unha arañeira. Quizais sexa mentira, quizais sexa verdade, quizais todo queda en nada; tan só o baleiro está aí, e no baleiro o silencio, e no silencio a morriña, e na morriña furga un parágrafo que pode dicir ou non dicir metáforas. Cada quen que asubíe a melodía que lle corresponda.

Letras maiúsculas e minúsculas. Letras con acentos. Letras con diérese. Letras remarcadas. Letras que din todo e letras sen significado. A trompeta deixa unhas notas de jazz que aloumiñan a alma, a esencia dun sentimento que vai e vén por entre os espazos en branco. Ás veces é complicado asimilar a realidade, como tamén é marabilloso subirse ó bambán da esperanza. Parágrafos máis extensos, máis cheos de incertezas, sen veracidade. Ou non. Ó mellor son parágrafos, extensos, si, pero cheos de contido, mesmo bonitos, sentimentais, con ensinanzas, quizais con retranca. De todo hai na viña daquel.
Letras que forman palabras. Palabras que forman frases. Frases que significan o que realmente se quixo dicir, aínda que sempre haberá alguén que lle intentará cambiar o significado, que lle busque unha metáfora. Frases que gaban o jazz, que se carriolan, que se bambean no baleiro. O baleiro sempre foi moi tentador; para os que senten señardade, para os que se acovardan. Frases que botan para atrás ou que te fan berrar. Frases bravas e fortes, pero cun fondo feble, fráxil. Frases lidas que dirán ou non dirán. Frases que rematan nun punto final.