Reflexións do meu amigo Balbino acerca de...
Curros Neira, Jesús - martes, 18 de marzo de 2025
Europa, o europeísmo e o señor Trump
Anda estes días o presidente americano enguedellado nunha guerra comercial co noso continente europeo. Inda que, como sinala o meu amigo Balbino -que nesta leria da política internacional adoita estar ben informado porque, como xa dixen noutras ocasións, gústalle moito viaxar polo mundo adiante-, o ánimo guerreiro do señor Trump se dirixe realmente contra medio planeta, non só contra os pobres europeos. Imos ver:
Aos chineses súbelles os aranceis porque teme, seguramente con razón, que o xigante asiático acabe arrebatando a primacía industrial, económica e mesmo militar aos estadounidenses en non moito tempo.
Aos mexicanos bótalles en cara que non frenen a emigración ilegal e o tráfico de drogas que, como ocorre co temible fentanilo, están a destruír as vidas de millares de norteamericanos.
E mesmo un país tan pacífico e aburrido como é Canadá está envolto nestas guerras porque o shériff Trump pretende que o seu veciño do norte se converta no estado cincuenta e un da Unión, cousa que os canadienses non terminan de ver clara. Como tampouco os de Groenlandia, que acaban de votar a un partido que defende a independencia desa enorme illa de xeo que agora pertence a Dinamarca e que Trump olla con devezo.
Pero o que agora interésanos é falar do caso de Europa que, a fin de contas, é o que tócanos máis de preto. O último que se sabe é que, á vista da decisión adoptada polas autoridades de Bruxelas de subir os aranceis aos pantalóns vaqueiros, ás motos Harley e ao whisky americano, que alí chaman bourbon, Trump contraataca e ameaza con elevar os seus aranceis un douscentos por cen ao aceite de oliva, ao viño e a todas as bebidas alcohólicas europeas. Esta arroutada parécenos un tanto infantil, pero disque o personaxe, ese presidente noviño do trinque que pretende cambialo mundo, non deixa de ser un neno malcriado que semella que non madurou inda que teña xa algúns anos de máis. E, como ben apunta Balbino, quen diaños quere bourbon tendo whisky escocés? E, como engado eu, para que precisamos os pantalóns ianquis tendo aquí a Inditex?
Pero seica a cousa é máis complexa que todo esto. Sostén Trump que a Unión Europa creóuse para amolar aos Estados Unidos... Ben, a palabra exacta que el empregou non foi exactamente "amolar" senón outra moito máis malsoante. Pero a estas alturas creo que ninguén descoñece os modais de Trump, que non son precisamente versalleses. A opinión de Trump sobre Europa denota cal é o verdadeiro pensamento do presidente americano. El ve a Unión como a un inimigo que pon en perigo a hexemonía dos Estados Unidos. E, se cadra, tampouco neste caso fáltalle a razón ao shériff de Washington, se ben esto hai que aclaralo para que non pareza que poñémonos da súa parte:
Como apunta novamente Balbino, a Unión Europea naceu como un intento de impedir que estalase outro conflito neste continente tralo desastre da Segunda Guerra Mundial. E para evitalo, Francia e Alemaña, os dous tradicionais inimigos que protagonizaron as guerras máis sanguentas dende mediados do século XIX, puxeron en común o seu aceiro e o carbón para fundar a CECA en 1951. Seis anos despois estas mesmas nacións crean, xunto co Benelux e Italia, a Comunidade Económica Europea. Polo tanto, a verdade é que esta organización non se fundou para competir cos USA senón que foi froito dos esforzos para superar as diferenzas e contruír un marco económico que trouxese prosperidade e paz a Europa. Pero non hai dúbida de que unha Europa unida pode chegar a ser máis forte que os Estados Unidos. Despois de todo, Europa ten cincocentos millóns de habitantes e constitúe o mercado máis rico do mundo. É lóxico que un nacionalista fachendoso como Trump a vexa como unha rival. Tampouco resulta estraño que xa no seu primeiro mandato este tipo defendese a saída de Gran Bretaña da Unión e que agora teña entre os seus amigos ao impresentable de Nigel Farage, o impulsor dese Brexit que tantos británicos lamentan. Polo tanto, entendo a actitude da nova administración americana fronte aos seus antigos aliados. O que non comprendo é que na propia Europa haxa quen, como Abascal ou Viktor Orbán, defenda as posicións do norteamericano. Tampouco termino de comprender a razón pola que a Unión Europea obedece aos intereses imperialistas dos Estados Unidos empregando o idioma inglés como a súa lingua de comunicación. E creo que esto merece outra reflexión:
Hai un tempo Balbino visitou Berlín. Nunha das súas excursións meu amigo achegouse ata Potsdam, fermosa vila que se atopa moi preto da capital alemá. Alí contáronlle que cando as delegación dos USA, da URSS e de Gran Bretaña encontráronse alí para celebrar a famosa Conferencia de Potsdam, na que se fixaron as liñas mestras do que ía ser o mundo despois da Guerra Mundial, os americanos decatáronse da importancia de que a súa lingua se convertese no idioma do comercio, da cultura e da política internacionais. Dende entón América esforzouse por impoñer o inglés como koiné, ou sexa, como o idioma que xoga o papel que no pasado tiveron o francés ou o latín. Polo tanto, resulta que o empeño de todo o mundo en empregar o inglés é consecuencia da política expansionista dos Estados Unidos. Daquela, por que os políticos da Unión Europea empregan normalmente esa lingua cando resulta que Gran Bretaña xa non pertence á mesma e o inglés só é a lingua de cinco millóns de irlandeses? Penso eu que se queremos amolar un chisco ao fachendoso Trump deberíamos falarlle en francés, en alemán ou, se queremos fastidialo un pouco máis, en español, que é o idioma que fala esa xente que o novo shériff de Washington devece por botar fóra do seu país.

Curros Neira, Jesús