O edadismo extremo
Santalla, Iago - miércoles, 19 de marzo de 2025
Vendo o documental "7291" sobre a xestión das residencias na Comunidade de Madrid durante a pandemia, dende logo xorden moitas preguntas. Cómpre dicir que naquela situación límite, inédita na historia e catalogada por moitos expertos como situación de guerra, non era fácil tomar decisións e menos aínda saber cal era a decisión correcta.
O que máis me impactou do documental foron as declaracións dos familiares onde se poñen de manifesto as intrahistorias da pandemia e tamén as incertidumes que se arrastran ata o presente. Vemos persoas que dubidan que o seu familiar morrera debidamente sedado outras, incluso, afirman que estaba ben, en proceso de recuperación e a seguinte noticia que tiveron foi o seu pasamento. Isto supón un impacto moi superior a saber que a persoa está nunha situación crítica ou de perigo que ten un desenlace non desexado. O caso é que se fala, entre outras cousas, de protocolos que impedían levar ás persoas internadas en residencias aos hospitais (sempre exceptuando aquelas que tiñan seguro privado), ficando a dúbida lexítima de se a residencia estaba ou non medicalizada ou se dita decisión se axustou a criterios médicos.
Todo isto, lévanos a ver as feridas abertas que seguen sangrando despois de 5 anos: familiares que non puideron ver aos seus seres queridos para despedirse, persoas que despois de darlles a noticia dunha melloría reciben a noticia do pasamento, sanitarios superados física e psicoloxicamente, protocolos impostos que resultaron inhumanos e isto lévanos a falar do más grave: a violación sistemática dos dereitos humanos fundamentais recollidos tanto na Declaración Universal como na nosa Constitución. O primeiro, o dereito á vida que se viu limitado por un edadismo imposto politicamente sen criterios científicos; despois, podemos falar da vulneración de dereitos familiares e do tremendo sufrimento que segue vixente 5 anos despois.
Quizais, hai persoas da vida pública que deberan ter a dignidade de asumir erros, desaparecer da mesma e seguir o seu camiño discretamente. Nada máis lonxe da realidade: estas persoas sentan cátedra, por certo, cunha aportación do máis mediocre á vida pública. Quizais, tamén, deberamos valorar a onde nos levou o edadismo extremo e se queremos deixar que este exemplo rexa nun futuro que agardemos moi afastado.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora