A Poesía de Avelino Díaz en 'Debezos' (Íntimas) (9)
Otero Canto, Xosé - viernes, 21 de marzo de 2025
Soma Esvaída
Métrica e significado:
Soma esvaída é unha composición formada por seis estrofas de extensións irregulares comprendidas entre os 18 versos da segunda e os catro da última:
1ª Estrofa .................................. 16 versos
2ª Estrofa .................................. 18 versos
3ª Estrofa ................................... 8 versos
4ª Estrofa .................................. 14 versos
5ª Estrofa .................................. 8 versos
6ª Estrofa .................................. 4 versos
------------------------------------
. . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . Total : 68 versos
Os versos son octosilábicos, de rima asonante nos versos pares en toda a composición, sendo "a" a vogal tónica da parella: (- á - o), quedando libres os versos impares dispoñendo en todo o poema a forma dun ROMANCE de versos octosilábicos que Avelino utiliza para cuestións que teñen que ver coa súa súa vida e polo tanto un romance autobiográfico como ocorre co anterior, referido tamén á súa poética e denominado "Non me deas diñeiro"; concluímos o apartado métrico dicindo que parece como se Avelino utilizase o romance para cuestións autobiográficas e poéticas.
En canto ao título "Soma esvaída", díxome Xulio Xiz, hoxe pola mañá, e con moito acerto, que o significado de "soma" tan só o sabemos os rapaces de 70 anos, por iso me parece adecuado explicar o seu significado. A "soma" ten un sinónimo que é "suco", a parte máis alta que queda entre dous regos cando se ara a terra e as orelleiras do arado van facendo somas ou sucos; "esvaída" é o participio de "esvaer" co mesmo significado de "esvaecer" que significa irse diluíndo ou desfacendo ata desaparecer.
O AUTOBIOGRAFISMO
O poeta do sentimento ou sentimental, é dicir, Avelino, como os poetas de antes ía tras dunha ilusión por camiños ignorados na súa alma, eran desexos esperados, na fronte levaba os soños, nos beizos sorrisos ou como diría Rosalía "Do mar pola ourela mireina pasar / na frente unha estrela, no bico un cantar" e así engaliolado bótase á emigración. Chámanos a atención que Avelino colla o significado dos versos que Rosalía dedica a unha muller tola para iniciar a composición e chámanos a atención tamén o feito de que Avelino diranos máis tarde que non tiña por que marcharse e nós pensamos que froito desa toleada é o inicio desta poesía:
Poeta do sentimento,
coma os poetas d-antano,
iba detrás da ilusión
por vieiros iñorados.
Levaba anceios na ialma,
na fronte, sonos dourados,
nos beizos, ledas surrisas,
no peito amores calados.
É moi posíbel que estes versos, semellantes aos de Rosalía, teñan moito que ver coa súa primeira data de emigración, cando Avelino con tan só 12 anos colle camiño da emigración cara a Buenos Aires en compañía dun parente (1), non tiña motivos para marchar nin razóns que o obrigasen a saír da súa terra, pois dentro da súa relativa pobreza, non lle faltaba de nada, tal e como nos di o mesmo Avelino na revista Alborada, Nº 125 (2).
Preséntanos a súa partida como se fose un soño dun cabaleiro coa fantasía por diante, cara a un país non xa descoñecido, senón tamén ignorado porque o pobre non sabía a onde ía con tan só 12 abrís ás costas, é dicir, un pequeno.
Cabaleiro d-un ensono
foi decote cabalando
nas áas da phantasía
cara a un país iñorado;
- poeta do sentimento´
com-os poetas d-antano -.
A formación de Avelino antes de emigrar, foi mínima, igual ca a dos outros nenos de entón, íase á escola cando chovía e non se podía traballar e naquela escola, como en todas, cóntanos o mesmo autor que o que aprenden é a "doutrina", oracións e ladaíñas, mais o que atinxe coa lectura e escritura, case que nada, se algo soubo despois, foi polos esforzos inxentes do mesmo Avelino, disto dános conta este romance . . .
. . .
N-un misticismo de Auroras
deprendeu os rezos sagros,
. . .
mais Avelino foi percorrendo camiños e neles como un cabaleiro dun "ensono":
Non topou belidas Fadas
nin os pazos encantados
en que doídas princesas
-corazóns aprisioados-
bordan as túnicas brancas
d-unhos amores murchados.
Cando chega a Buenos Aires sabía moita "doutrina cristiana" e oracións, - que segundo nos vai dicindo na revista Alborada -, "maldita cousa pra que me serviron", porque tan só ao chegar tivo que traballar durante un mes unicamente pola mantenza, para despois pasar a lavar morteiros nunha botica na que se farían fórmulas maxistrais, moi correntes na época, pero, ademais do traballo dedica moito tempo a formarse porque Avelino é un autodidacta, gran lector e segundo un dos seus fillos, era unha enciclopedia humana; os seus coñecementos eran moi completos segundo se manifesta na súa poética.
Despois de botar seis anos na capital bonaerense, cheo de saudade, retorna a Meira en 1916 para volver outra vez despois de catro anos para Cuba, con 22 abrís enriba e segundo nos conta nesta poesía está "famento de lonxanías" e tan famento que ao ano seguinte, en 1921 aséntase definitivamente en Buenos Aires:
Famento de lonxanías
as súas sandalias pisaron
o pó de moitos camiños
tod-os ventos o bicaron,
todas as lúas o viron
por vieiros iñorados
- cal as somas esvaídas
deixou en ringleira os anos -.
Pero logo a vida que non é soamente de rosas, senón de dificultades representadas pola metáfora "aguzadas espiñas", pois os soños que levaba na fronte, os desexos da alma e o sorriso dos beizos trocou no desengano, os xílgaros non cantaron e chantároselle as espiñas porque a vida en realidade é moi distinta . . .
Fuxiron d-él os ensonos
como fatos de paxaros
i-as surrisas nos seus beizos
esmorecidas ficaron.
O desengano, representado pola terceira persoa (el), vaise producindo como esa soma que pouco a pouco vai caendo a terra para a "cal" e vaise achaiando o rego que antes era suco, mais, amodiño, sen présas, pero nunca sen pausa, os seus ollos, que debían ser azuis. -segundo se observa nesta poesía-, deixan de ser brillantes e a súa idade, representada polos cabelos brancos, vanse esvaecendo os dous coma soma, froito dos constantes desenganos do autor.
Branquearon seus cabelos
coa neve dos desenganos:
deixaron de ser brilantes
os seus ollos azuados.
Pero a decepción, os desgustos, a desilusión, a frustración que traen consigo as vivencias e os anos, fan que rematen esas ilusións que de mozos enarboramos como cabaleiros dun conto de princesas e castelos
Quixo voltar, com-outrora,
pol-os xardíns arumados,
. . .
i-a sua voz, denantes leda
somentes ceibaba laios.
- N-un currunchiño da ialma
as ilusións se finaron -.
E Avelino, poeta que pon en valor os sentimentos, xa alterado, desacougado, axitado polas penurias do vivir e do convivir, cansado en terras de ultramar representadas por "eses vieiros iñorados", o autor está perdido e atópase coma esa metáfora tan forte pero tamén tan imperceptíbel "com-unha soma esvaída", cuxa terra vai degraendo os anos coma se fosen acios que o vento e os axentes atmosféricos que son axentes emocionais onde cada gran de terra que vai caendo da soma é un pesar que se esvaece e vai parar á "cal", pero son tantos os grans ou pesares dunha vida que ao final o que antes era cal ou soma, agora é unha leira achaiada onde so os sentimentos conviven uns cos outros sen separación, froito do que antes era unha vida de desexos perdida e convertida agora en desasosego e falta de esperanza.
Poeta do sentimento,
perdeuse, desacougado,
com-unha soma esvaída
nos vieiros iñorados.
NOTAS:
1. FREIRE FREIRE, Maribel (2019).- Avelino Díaz, Unha voz comprometida na Galicia emigrante.Edición facsínile. Deputación Provincial de Lugo.
2. Alborada. Nº 125 . 07-12-1944.

Otero Canto, Xosé