Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Poesía de Avelino Díaz en 'Debezos' (Íntimas) (8)

Otero Canto, Xosé - viernes, 14 de marzo de 2025
Non me deas diñeiro

Benquerido Avelino, sempre fuches un home de principios, responsábel, sensato, prudente, afectuoso e cando te sometiches a engrandecer unha tarefa ou unha obriga, rematáchela con todas as da lei, vese en toda a túa escrita e, polo tanto, tamén nesta poesía, que leva por título Non me deas diñeiro, sempre os teus esforzos se encamiñaron á procura da perfección. Observemos como este poema está conformado por 70 versos completos, xustos, nin un máis, nin un menos e repasando un por un e someténdoos ao regulamento da métrica, non se che escapa ningún que estea fóra da medida e das licenzas que debe cumprir porque todos eles son versos hexasílabos, con rima asonante nos versos pares e quedan libres os impares, formando un ROMANCE (Romanciño) cheo de forza e fragor debido a que a rima remata sempre na vogal de abertura media, cerrada, /o/, que ao recibir a forza da acentuación aguda soa como un canonazo e fai un estrondo nos versos pares para que te deas conta, amigo lector, para que penses e te quedes co resón da palabra oxítona, en fin, para que saibas que Avelino non quere cartos polo que fai:
Non me deas diñeiro
pol-o que che dou;
non pretendo cartos
anque probe son.
Cando fago versos
xa sei que non vou
recibir por eles
gloria nin honor
. . .
que nunca un poeta
grorias recadou.

Sabe perfectamente que da poesía non se vive, nin se recibe gloria nin honores, mais o que Avelino quere é estimanza, polo menos, e respecto polo que fai e tamén un pouquiño de comprensión:
. . .
mais non é diñeiro
o que quero. Non.
. . .
Se m-estimas algo,
dam-e estimación
i-algo de respeito
e de comprensión.

Soamente quere que as súas palabras cheguen a dentro de ti mesmo, que penses nelas e con elas convivas dentro do teu corazón, coa súa voz e coa súa alma prolongada a través da palabra, servida para entrar nas túas entrañas e conmoverte ao sentires os teus propios sentimentos fóra, para que saibas que os tes aí, que son teus, mais é el o que chos fai agromar para que te conmovas e tremas de apaixonamento:
. . .
quero tan somentes
saber que chegou
miña voz amiga
o teu corazón,
e qu-a ialma tua
sinta-as vibraciós.

Vibracións que saen da súa alma porque Avelino é poeta e cantor. Toda poesía é tamén unha canción cos acordes do ritmo e da rima que os acompañan; segundo se vai lendo ou recitando, vai cantando nos adentros, onde xermolan os sentimentos que como sementes que son, producen unha riqueza infinda na alma que escoita.
Douche canto teño,
a miña emoción,
o meu pensamento
e douch-o mellor
que no meu esprito
quizais, xermolou.

Avelino dános todo o que el é, todo o que non se pode mercar con diñeiro, porque son os sentimentos e as emocións que saen dos pensamentos formados por palabras sensíbeis, por palabras sentidas, que como se fosen fontes, abrollan cheas de emocións polos canos translúcidos da poesía que é pensamento espiritual que necesitamos para sobrevivir e para vivir, pois o diñeiro está para as necesidades biolóxicas, pero con el non se poden mercar as cestas cheas de sentimentos que xorden da palabra xusta e ben empregada nos eidos da poesía.
Si, Avelino, estamos dando as ás sutís coas que voa a túa imaxinación e a túa fantasía que sempre vai detrás das ilusións. Estasnos dando a "sinxeleza do teu corazón" que non se paga con diñeiro:
Cando fago versos
son traballador
mais, non por diñeiro
nin salario son.

Porque, ben sabes, Avelino, que as profesións que máis diñeiro daban no momento en que che tocou vivir eran estas que ti ben coñeces . . .
Se fora por eso
tería profesión
de crego, esquirbano,
mílite ou ladrón;
non faría versos,
non sería cantor.

Ao final do romanciño, o autor está pedindo estimación ou tan só un recordo, unha lembranza para os seus versos e esta arela de Avelino tan só a conseguiu despois de morto, porque un poeta en vida, salvo honrosas excepcións, nunca ou case nunca é apreciado polo pobo, aínda que si se adoita facelo despois de morto e moitas veces hai que deixar correr o tempo para conseguilo, mais xurdiu entrementres unha asociación cultural en Riotorto e Meira co mesmo nome, "Asociación Cultural Avelino Díaz", e ben seguro que a día de hoxe, Avelino, estaría moi contento porque a petición que fai na súa poesía estase cumprindo, mais chegará ao final do seu percorrido cando nese sendeiro se recoñeza a Avelino, como se debe, enarborándolle a bandeira galega que tanto abaneou, a través dos seus escritos, polas terras de ultramar, e o recoñezan para sempre cun día que el mesmo pide, un día soamente, un 17 de maio no que se recoñeza a súa figura que sairá dese día para agromar e rebentar nun ano de recoñecementos ben merecido, Amén:
S-é que cho merezo
dam-e estimación
i-algo de respeito
e de comprensión.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES