Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os mortos que amei (I)

Sampedro, Pilar - jueves, 13 de marzo de 2025
Un bo título que nos evoca tristeza porque fala de amor e mortos, de persoas ás que quixemos e que xa non están con nós. Un título cheo de reminiscencias que nos conduce a buscar os seus nomes na caixa das lembranzas porque todos temos mortos aos que amamos.

Iria Collazo é unha autora con unha produción moi interesante porque non se repite. A súa primeira novela Coma unha áncora presentábase como unha obra na que o Os mortos que amei (I) misterio e o inexplicable se manifestan. A segunda, A soidade das medusas é un conxunto de relatos cun punto de surrealismo que se nega a unha escrita convencional. Ambos libros foron publicados na colección Costa Oeste, para lectorado xuvenil. Posteriormente saíu á luz A casa do paralelo 54 para lectoras e lectores máis novos, con ilustracións de Luz Beloso; cunha imaxinación desbordante narra como suceden as cousas máis raras como se fosen normais e todo semella ser froito dun soño con febre. Ningún dos libros nos deixa indiferente pois sempre nos sitúa ante unha fantasía propia e especial, unhas veces máis clara e outras máis escura. Todos están publicados por Galaxia.

Situémonos no realismo fantástico, no mundo dos avós, na aldea, nas enfermidades que van aparecendo coma se a peste estendese os seus brazos; nese tempo no que é onte pero tamén hoxe... e vai nacendo a historia. Fálase dunha viaxe que unha das avoas programa contratando a un consogro, que foi taxista no seu tempo profesional, para ver despois de varias décadas a un amor que quedou na recámara e co que mantiña unha correspondencia secreta. Esa viaxe, que nin se sabe a onde conduce, na que a avoa vai acompañada por un pastor alemán atado cun cordel e o avó da defunta da súa muller, servirá de fío que vai unindo diferentes relatos ao redor desa xeración. A xeración dos pais está máis diluída, a das netas máis presente coma personaxes sen moita entidade que entran e saen -a modo de figurantes- na escena. A distancia ideolóxica entre as xeracións e o poder inconsciente que a dereita exerce, a pesar de todo, das malleiras das falanxes ou dos asilos concertados nos que deixan morrer aos vellos coma un lastre do que se desfán. A familia vai entrando e saíndo ao paso, sen darlle importancia, porque dos oito irmáns a maioría andaba por América; só esa xeracións ten nome, a outra vai ser denominada pola situación na orde de nacemento: do fillo máis vello á neta mais nova.

A frase coa que comeza "Todo o que neste libro coincide coa realidade é inventado" ponnos sobre aviso e fainos preguntar acerca da realidade na que bebe e da óptica dende a que a autora nos vai facer a narración. Celeste, Nosa Señora dos Gatos, ou mellor das Bestas, entra no relato para que a súa vida sexa presentada. Qué fai con oitenta e tres anos, cómo era a súa mocidade cando coñeceu a Fernando dous meses antes de casar con Ramiro...

O tamaño dos capítulos é moi desigual, dependendo da densidade do que se narre e do silencio con que se recubra para obrigar a pensar máis ou menos. Os entendidos falarán de novela ou prosa fragmentada, analizarán os parágrafos nos que se garda a contradición que envolve un mundo no que deus é bo pero o demo non é malo e o lectorado de a pé recoñecerá un imaxinario no camiño do García Márquez.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES