Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

En Montevideo escoitamos 'Sempre en Galicia'

Suárez Suárez, Manuel - miércoles, 12 de marzo de 2025
Quero insistir en que non debemos de esquecer aos emigrantes que loitaron activamente no mantemento da nosa identidade propia. En Montevideo temos un moi bo exemplo de compromiso coa defensa da cultura propia que se debe recoñecer con aplausos e distincións. Un programa radial, en galego, vai cumprir 75 anos de vida e non hai dúbida que o feito é histórico. O que corresponde é agradecer e parabenizar aos fundadores e continuadores da que hoxe é a máis longa e ininterrompida homenaxe a Castelao: Sempre en Galicia.

A miña humilde colaboración no programa comeza uns meses antes de que o secretario do Patronato da Cultura Galega (Fernando Pereira Caamaño) decida retornar a Galicia (elixido alcalde de Soutomaior nas primeiras eleccións municipais) e foi para ler un breve texto, cada certo tempo, ata que a sucesora de Fernando na secretaría do Patronato (Iolanda Díaz Gallego) tamén volve pero vai instalarse, coa súa familia, en Barcelona. Estou a falar dos anos 1974/1975. A colaboración de Fernando e Iolanda era moi importante para axudar aos dous fundadores (Pedro Couceiro Corral e Manuel Meilán Martínez) que levaban ao pé do micrófono desde 1950. Ata o mes de abril de 1986 estiven indo cada venres do ano a Radio Carve para gravar o programa que logo era emitido o domingo. En maio de 1986 comeza a súa andaina xunto a Meilán (falecido o doutor Couceiro Corral) o meu bo amigo Toni de Seárez (X. A. García de Seárez Cabeza) quen viñera en algunha ocasión a gravar. O labor de Toni merece os maiores recoñecementos xa que despois da morte do meu querido Meilán (1994) é quen mantén, con moito ánimo, a herdanza dos fundadores.

Coido vai sendo tempo de lembrar a Alfredo Somoza Gutiérrez, un dos fundadores de "Sempre en Galicia" que non recibiu ningún recoñecemento pois faleceu un ano despois da fundación do programa. Hai que suliñar que dous dos fundadores, Canabal en 1985 e Meilán en 1987, foron distinguidos coa Medalla Castelao. Don Alfredo naceu na Coruña o 8 de abril de 1892. Era fillo dunha coruñesa e dun rianxeiro e curmán de Castelao. En abril de 1931 foi elixido concelleiro municipal e logo no mes de maio a deputación da Coruña elíxeo como presidente. Era un forte e activo defensor da autonomía o que o levou a ter discusións co seu amigo Casares Quiroga. Por iso é que demite da presidencia da entidade provincial en xullo de 1932 pero mantén a súa acta de deputado. Nas eleccións de 1936 sae elixido deputado dentro das listas da Fronte Popular en representación de Izquierda Republicana. Somoza formou parte da comisión de deputados que levou o proxecto de Estatuto de Autonomía a Madrid. A partir do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 tivo que agocharse para a salvar a súa vida. O seu sucesor na alcaldía (Alfredo Suárez Ferrín) foi fusilado polos golpistas o 31 de agosto de 1936. Estivo agochado en varias casas de amigos ata que en 1947 fuxe nun barco inglés que o leva ata o porto bretón de Brest. O seu curmán Castelao fala con don Xesús Canabal Fuentes para pedirlle que tramite o ingreso de Somoza no Uruguai. En maio de 1948 chega a capital uruguaia e pouco despois veñen a súa esposa e a súa filla.

Eu coñecín a súa filla, Manuela, no Patronato da Cultura Galega e tamén aos netos. A filla era unha muller de trato moi cordial, simpática e comprometida coa causa republicana. No seu apartamento montevideano de Bulevar Artigas puiden ver a obra de Castelao coa que agasallou a Somoza. Trátase dun pequeno óleo no que aparece un vello mariñeiro de Rianxo e coa dedicatoria de "Ao meu curmán Alfredo", se mal non recordo. Espero que o aniversario de "Sempre en Galicia" sexa celebrado cunha Festa Maior. Desexo que os nosos descendentes sintan a emoción de ser membros dunha nación de futuro que non esquece aos que en tempos pasados foron buscar o seu lugar na acolledora beira riopratense. Os galegos somos agradecidos e non lle pechamos a porta aos fillos e netos da emigración. Aquí non hai espazo para que medre a intolerancia e o racismo xa que apostamos polo aumento da solidariedade e da inclusión social.
Suárez Suárez, Manuel
Suárez Suárez, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES