Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - jueves, 13 de marzo de 2025
... É moito mazadoiro

Demo de home, mira que facerme baixar a estas horas. A estas horas son as oito da noite e quen fala é Argimiro Repolo Suárez, O Cañoto, que se refire a seu pai, que o acaba de mandar á burga para que traia dous caldeiros de auga quente para darlle de beber ás vacas. O Cañoto quéixase porque a estas horas é cando adoita cear para poder ver a serie do Fuxitivo. Canto lle gusta esa serie!
Pingas de Orballo Porén, como sabe que non hai volta de folla ante un mandado de seu pai, colle os caldeiros e marcha correndo pola rúa abaixo con dirección á burga. Nin tan sequera se para a falar cos veciños, máis alá dos típicos saúdos.
Uns metros antes de chegar, e tan axiña como ve o ambiente ante a caseta da burga, ante o mazadoiro, empeza a torcer o xesto. Dálle na espiña que se pode torcer a noite. Alí están varios dos seus amigos e, aínda que só estea un veciño dos chamados "mal reconciliados", o mazadoiro da burga é moito mazadoiro. É algo así como a almofada, como o baúl dos recordos e dos segredos de toda a vila de Baños de Molgas. Non lle queda outra que asentar un pouco alí.
O de un pouco foi un dicir. Cando chegou á casa cos caldeiros da auga, o Fuxitivo xa ía no carallo e seu pai botaba pestes con tal intensidade que, O Cañoto, por unha vez, pensou que lle zouparía. Non o fixo, pero as pestes seguiron saíndo mentres, os dous, lles daban de beber ás vacas, logo de botar nos caldeiros un pouco de fariña milla.

Formar un mundo na cabeza

Móvense as follas das árbores. E as plumas dunha pomba. E o vento que asubía. Entre unhas cousas e outras armamos un mundo na cabeza, ou facemos dunha palla un palleiro. Que se si, que se non, que se verdade, que se mentira, que se ruído, que se silencio... e todo por facer. Mesturamos ideas, soltamos esperpentos, deixamos escapar pestes, tirámonos ó baleiro, argallamos unha historia... posible ou non, incerta ou non, real ou non. Formamos un mundo na cabeza. Case sería mellor formar ou amoblar ben a cabeza e despois Deus dirá.
Pingas de Orballo Ameaza chuvia. Nubes negras. Ceo negro. Alma negra. Conciencia negra, errática, pobre, triste, algo noxenta. Que se lle vai facer. Ás veces a vida é un bambán, un acaneadoiro que marea. É igual; a min chégame con que sexa unha carreira cun só atleta. E sen obstáculos. Por veces custa arrodealos, saltalos, mesmo quitalos.
Ollada perdida. Señardade na tarde. Berro silencioso que sae das entrañas. Futura noite de morcegos, de vampiros. Actualidade e realidade tristeira. Tema musical que rebenta as asaduras da conciencia. Agora, cada quen que intente poñerlle o rabo ás cereixas ou que cruce a nado o río Arnoia ó seu paso por Baños de Molgas. Agora, cada quen que asubíe un tema de Morricone ou que cante unha canción de Arjona.
Instantes que pasan. Silencio no momento. Por pouco tempo; ruído repentino, instantáneo, súbito. Susto no corpo. Silencio roto. Berro seco. Quizais todo sexa verdade e o mundo que armamos na cabeza sexa unha trapallada. Quizais.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES