A Galicia de Castelao foi sempre unha Galicia universal e reclamaba para os galeguistas o mandado de levar o seu nome polo mundo adiante. Na declaración de principios do programa galeguista figura a definición de Galicia como unha célula de universalidade que resumía en antiimperialismo, federalismo internacional e pacifismo. Para Castelao, o rexurdir de Galicia inseríase no degoiro de capacitarse para ser un novo actor da humanidade, "guindando coas fronteiras e procurando a paz dos pobos e o benestar dos homes".
Nesa liña, nas curtas décadas de formulación do galeguismo conceptual e político que Castelao acompaña, foi ben patente un esforzo por obter o recoñecemento internacional da nosa identidade singular, nacional.

Xustamente, para evitar tamén aquelo que Castelao chegará a dicir dende o exilio: "son fillo dunha patria descoñecida porque ninguén soubo dar sona e creto internacional ás nosas reivindicacións patrióticas".
Esa visión universalista fundamentábase nunha interpretación das tendencias espontáneas do seu tempo, cualificadas como internacionalistas e que convivían coas nacionalistas. Castelao non as entende como contraditorias e propón un federalismo inclusivo que respecte a identidade e a autoorganización dos pobos. Castelao avoga por un internacionalismo que non deserte das identidades nacionais senón que as transforme en suxeitos dunha nova humanidade. O rianxeiro discrepa daquel internacionalismo que pretende a morte das patrias, abrazando un universalismo que respecta os valores culturais de cada quen. A profundización teórica das relacións entre nacionalismo e internacionalismo foi abordada por Ramón Villar Ponte nun traballo dado a coñecer no Seminario de Estudos Galegos, o think tank do galeguismo da época.
Como ensinara Risco, os galegos somos universalistas primeiro que todo. E ser galego é a mellor maneira de contribuir á civilización universal, incorporando a ela as nosas creacións inéditas. Por iso mesmo debemos ser cada día mais galegos, conservando e desenvolvendo a nosa tradición, arte, fala, pensamento, dereito, traballo...
Lois Tobío, que tantos momentos compartira con Castelao, ideólogo do Consello de Galiza, explicou nalgunha ocasión a razón de ser daquela Galicia, célula de universalidade, significándoo, en primeiro lugar, por motivos de oportunidade, relacionados coa dificultade do galeguismo para acceder ao mundo traballador onde pesaban as influencias socialista e anarquista e para quen o futuro da humanidade era unha humanidade solidaria pero en gran medida indiferenciada, presa dun ideal uniformador. Esa concepción que aspiraba a que todos os homes fosen iguais en todos os sentidos era un obstáculo enorme para sensibilizar e atraer ao mundo obreiro á causa da redención galega. Os galeguistas poñían o acento na ausencia de conflito desa loable aspiración igualitaria co desenvolvemento das patrias, das culturas nacionais, ás que non se debía renunciar. A humanidade é un organismo completo onde cada unha das nacións é unha célula de universalidade, dicían.
Non pode haber universalismo sen identidade. Son como as dúas caras da mesma moeda. Non se pode entender o universalismo como renuncia ás identidades para asumir unha conciencia uniforme que todo o asolague, chamémoslle cosmopolitismo ou internacionalismo. Como tampouco debe haber identidade sen progreso. A defensa da identidade non pode desembocar nunha actitude conservadora senón progresista.
A figuras universalistas compañeiras de xeración e militancia como Tobío ou Plácido Castro cumpriulles promover ese discurso de inserción de Galicia no mundo, con identidade propia, e espírito aberto, un discurso que nos permite, que nos demanda, que nos obriga a ser cidadáns do mundo sen deixar de ser galegos. Con base niso, foi pensada unha estratexia que daría pé á formulación dunha verdadeira e xenuína política exterior que Galicia podería levar adiante "sendo galega", é dicir, con alma propia, non cunha existencia separada do mundo, senón ligada aos pobos ibéricos, á comunidade de países galaico-lusitanos e á irmandade de terras célticas en Europa. Nesa folla de ruta, contemplábase un elevado fortalecemento da irmandade con Portugal camiño dunha afirmación colectiva de Europa.
O galeguismo de Castelao apostaba con claridade polo federalismo a escala universal, a modo de unidade superior creada polo pacto e a comenencia mutua, sen intervención algunha de violencia, un federalismo baseado no libre consentimento de todas e cada unha das nacionalidades integrantes da estrutura federal. Resumía a proposta no Sempre en Galiza: autonomía integral de Galicia para federarse cos demais pobos de España, República Federal española para confederarse con Portugal; Confederación Ibérica para ingresar na Unión Europea; os Estados Unidos de Europa para constituíren a Unión Mundial.
Nada mais afastado da realidade que pensar que Castelao e os galeguistas eran portadores dunha visión reducida ou localista. A defensa do ideal nacionalista incorporaba unha cultura e unha mentalidade sinceramente universalista. Era algo máis que unha convicción política. Era toda unha concepción da vida. Castelao reivindicábase galeguista por ser así capaz de integrar a Galicia no mundo sen por iso renunciar á súa propia e xenuína identidade.