A Cea
Maceira, Francisco - martes, 11 de marzo de 2025
Non era a primeira vez que tiña que asistir a unha cea de negocios. Sempre eran con xente cativa pero estes comensais eran excepcionalmente noxentos. Había políticos e empresarios. Donos de empresas importantes relacionadas coa enerxía, coa banca, cos medios de comunicación... e alí no medio de todos eles estaba eu. A cea en sí foi boa, houbo marisco a rodar, e do caro. Como experto, a miña misión era darlle o aprobado medioambiental a aquela monstruosidade. O viño, do mellor. Dese branco polo que tolean en Estados Unidos. Pasei a comida pensando si o que ía facer era correcto e ata onde aguantaría a miña dignidade. Despois do café abriron unha botella de whisky máis vello ca min. Tiña que facelo pola muller, polos nenos, por meu pai que tantos esforzos fixo para darme carreira. E despois... para meterme na Xunta. Como lle digo que tiro a toalla por culpa dunha puta comarca? Que me importa se acabamos co medio de vida dos gandeiros, dos mariscadores, cun ecosistema singular, cunha ría impresionante, co turismo, co patrimonio da humanidade, co mar dos meus avós...?
Trouxeron unha caixa de cohibas. Prendín lume a un cigarro. O whisky tiña arume a carballo. Todos rían a gargalladas. Ver arder aquel habano, cuxa caixa custaba máis do que algún home -como meu pai- gaña ó mes, pareceume inmoral. O fume diluiase como a honestidade dos que alí estabamos. Pero xa nada se podía facer. O momento era histórico. Fume cubano e single malt para celebrar a desfeita da ría de Vilagarcía e da comarca do Ulla. Estaba decidido. ALTRI se instala en Palas de Rei.

Maceira, Francisco
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora