Nunca foton trigo limpo
As excentricidades de Donald Trump están a poñer de novo ós ianquis no punto de mira. Estes, por moi poderosos que foran, que son e que imaxino serán, nunca foron trigo limpo, ou flor de arrecender, ou xema de ovo. Xa sabemos todo aquilo dos indios, do Ku Klux Klan, dos negros ou racismo, da famosa CIA... Esta mesmo, por exemplo, tal día coma hoxe de hai 55 anos, ou sexa, o 10 de marzo de 1970, un grupo terrorista desa axencia recolleu na illa de Navaza, a uns 165 quilómetros ó sur da base naval estadounidense de Guantánamo, uns recipientes co virus da gripe porcina, para que?... para introducilo clandestinamente en Cuba!
Tamén nese mesmo día dese mesmo ano, ó capitán do exército ianqui Ernest Medina acusárono por crimes de guerra na matanza de My Lai (unha aldea á 5 quilómetros da costa do mar da China meridional e a uns 920 quilómetros ó sur de Hanói). Tal matanza aconteceu realmente o 16 de marzo de 1968, no marco da guerra do Vietnam.

A matanza de My Lai consistiu no asasinato en masa, por parte do exército dos Estados Unidos, de civís desarmados. Fálase de entre 347 e 504, nos que había, por suposto, mulleres, nenos e bebés. A algunhas das mulleres violáronas en grupos e, logo, mutiláronas. Tamén mutilaron e violaron a nenos de tan só 12 anos. Así mesmo, mataron toda clase de gando e prendéronlle lume a todas as casas, ata que deixaron arrasado por completo o poboado. Para rematar a faena, xuntaron ós superviventes nunha canle, onde practicaron, faltaría máis, o tiro ó branco, ou sexa, o tiro ó inocente. Trátase da maior masacre de civís perpetrada polas forzas dese país patrioteiro e presunto gardián do mundo mundial e do universo universal.
Posteriormente, o esperpento de tal acusación estivo en que tan só condenaron á cadea perpetua ó segundo tenente (aquí, alférez) William Calley, Jr., xefe de pelotón da compañía C., e soamente polo asasinato de 22 aldeáns. O esperpento seguiu co cumprimento da condena: tres anos e medio de arresto domiciliario, xa que o xefe máximo, don Richard Nixon, conmutou a súa pena.
Como anécdota, dicir que o director cinematográfico Oliver Stone dedicou unha das secuencias de "Platoon" a recrear un feito inspirado nesta matanza. Tamén hai unha película canadense, "Pinkville" (2009), de Steven Garbas, que narra os sucesos acaecidos en My Lai.