Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Reflexións do meu amigo Balbino acerca de...

Curros Neira, Jesús - viernes, 07 de marzo de 2025
Donald Trump e o seu Ministerio da Verdade

Resulta moi interesante comprobar se os escritores ou os cineastas que imaxinaron como ía ser o futuro máis ou menos inmediato acertaron se as súas predicións terminaron cumpríndose ou se, pola contra, quedaron moi lonxe da verdade. Un bo exemplo témolo na extraordinaria película de Stanley Kubrick 2001, unha odisea no espacio. Nela vemos como a humanidade viaxa ata a estación espacial que orbita en torno á Terra como quen colle o autobús de Lugo a Mondoñedo e mesmo lévase a cabo con éxito o primeiro voo tripulado ata o planeta Xúpiter. O problema vén cando vemos como era en realidade o mundo nese mesmo ano 2001: nin estabamos en condicións de viaxar a Xúpiter nin os voos ao espacio eran tan doados de realizar. De feito, ninguén regresou á Lúa dende os viaxes do programa Apolo a comezos da década dos setenta.

Vén a conto esta reflexión porque hai uns días o meu bo amigo Balbino contoume que cando chegou o ano 1984 leu a novela na que o escritor británico George Orwell imaxinou como ía ser o mundo nesa data. Esta obra foi escrita nos anos corenta do século pasado e nela Orwell constrúe unha distopía na que imaxina unha sociedade dirixida por poderes totalitarios que dominan uns poucos estados que abranguen continentes enteiros e que están inmersos en guerras interminables nas que os inimigos cambian constantemente. Ás veces o inimigo de Oceanía, o estado no que vive o protagonista da novela, é Eurasia e outras veces o rival pasa a ser Eastasia. En Oceanía goberna un poder coñecido como o Grande Irmán, que controla todos os aspectos das vidas dos seus habitantes a través dos medios de comunicación de xeito que pode fixar en todo momento que é verdade e que é mentira, para o cal existe un Ministerio da Verdade.

Pois ben, dime Balbino que no seu momento pensou que Orwell se equivocara por completo porque o mundo, afortunadamente, no se parecía a esa visión tan arrepiante. Agora ben, o problema segundo o meu amigo é que o erro da novela está tan sóna data elixida, non na súa visión dunha sociedada dominada por poderes autocráticos que establecen en cada momento como temos que vivir e en que temos que crer, porque ese é o mundo ao que nos encamiñamos grazas a dirixentes como Putin ou Donald Trump. Estes días tivemos boas mostras do atinado que é este análise balbiniano:

Todos nós vimos no seu día como o presidente ruso invadiu Ucraína sen ter para elo ningún motivo lexítimo. Cando as tropas de Putin rodearon a frontera ucraína dixeron que só estaban a celebrar unhas manobras militares e negaron en todo momento que fosen invadir ningún país, que eso era unha infamia do malvado Occidente. Poucos días máis tarde os tanques e os soldados de Moscú cruzaban a fronteira e trataban de chegar a Kiev. Pois ben, agora resulta que a cousa non foi así. O Ministerio da Verdade do novo presidente americano, o mediático multimillonario Donald Trump, acaba de decidir que a culpa da guerra foi de Ucraína. E mentres que o dirixente ruso non para de bombardear á poboación civil dese país, resulta que quen no quere a paz é Zelenski. Resulta tamén que o presidente ruso leva no poder máis de vinte anos nos que todos os seus rivais terminaron caendo pola fiestra ou tiveron estraños accidentes dos que ninguén é responsable, pero o Ministerio da Verdade de Donald Trump decidiu que o ditador é Zelenski. E como este Ministerio estableceu esa verdade, tanto ese tipo holandés que dirixe a OTAN como o noso patriota oficial, Santiago Abascal, din que en efecto a culpa da guerra é do pérfido Zelenski e que os pobriños rusos non tiveron máis remedio que invadir Ucraína polo ben de todos. Xa o dicía Castelao: mexan por nós e hai que dicir que chove.

Para arranxar este problema o shériff Trump invitou ao ditador Zelenski a falar de paz e, xa de paso, cear na Casa Branca. O plan do presidente americano non podía ser máis razoable: o ucraíno tiña que dicir amén a todo o que Trump pactara con Putin sen protestar e sen engadir nun unha palabra. Rusia ten dereito a quedarse coas terras de Ucraína que ocupoupolaforza mentes que o resto do país é para os ianquis, que van explotar os seus recursos. Pero o caso é que Zelenski, vaian vostedes a saber por que, negouse a aceptar este plan de paz e a cousa rematou como o rosario da aurora. O fulano ese que está sempre a carón de Donald Trump, o monicreque do vicepresidente Vance, comezou a dicir que Zelenski insultaba ao goberno americano porque non quería entrar polo aro e que, inda por riba, non lle daba as grazasa o seu salvador (ou sexa, o presidente Trump). Pero eso non foi o peor, non. O realmente vergoñento foi que os americanos botaron a Zelenski fóra da Casa Branca en non lle deron de cear. Parece ser que o polo frito que tiñan preparado para o ágape acabaron coméndoo Trump e Vance bastante cabreados polo desagradecido que resultou ser ese tal Zelenski. O pobre ucraíno tivo que buscar por Washington adiante unha hamburguería aberta a esas horas da noite para matar a fame.

Este novo capítulo dos feitos e fazañas do mandatario norteamericano lévanos a sacar tres conclusións. A primeira é que Trump compórtase como un neno malcriado e caprichoso que non soporta que lle leven a contraria. A segunda é que Trump esixe que os demais fagan o que el xamais admitiría para o seu país. E a terceira e máis importante é que se a algún dos nosos lectores invítano a comer na Casa Branca é mellor que se leve unha friameira cun bocadillo de tortilla ou de chicharróns por se terminan botándoo á rúa sen cear.

Pero o malo non é que o novo shériff de Washington sexa un autócrata fachendoso e mentireiro. O malo é que hai xente que aplaude de xeito estusiasta as súas ocorrencias, o cal me recorda unha frase profética que se pronuncia nunha das películas da saga StarWars: Así morre a liberdade, cun estrondoso aplauso.
Curros Neira, Jesús
Curros Neira, Jesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES