Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Poesía de Avelino Díaz en 'Debezos' (Íntimas) (7)

Otero Canto, Xosé - viernes, 07 de marzo de 2025
Non Sei...

No poema de Avelino Díaz, titulado "Non sei...", estamos diante dunha composición formada por versos hendecasílabos, polo tanto de arte maior, versos que a métrica tradicional considera como versos cultos que forman unha composición de tres quintetos, sendo os dous primeiros a exposición duns contidos que se se verán razoados e resumidos no terceiro.

Estes tres quintetos con rima ABAAB::BCBBC::DEDDE seguen as mesmas regras ca súa homónima de arte menor chamada Quintilla e quedando á vontade do poeta a rima, sempre e cando se ateña a estas condicións:
1ª.- Que non haxa tres versos seguidos coa mesma rima.
2ª.- Que os dous últimos versos non formen pareado.
3ª.- Que non quede ningún verso solto ou sen rima.
Todo isto se cumpre na composición de Avelino, pero aínda por riba o terceiro verso dos quintetos maniféstase como se fose un eixo de simetría (ABAAB::BCBBC::DEDDE) consolidando a rima en todos os quintetos dos versos 1 e 4, 2 e 5 coa mesma rima, facendo, como se ve, unha composición totalmente equilibrada. Así é o noso autor, un home que ao longo da súa vida deu sentido á súa forma de ser como home prudente, moderado e sensato, querendo sempre vivir en harmonía, ecuanimidade e prudencia. Virtudes nada desprezábels:
A Poesía de Avelino Díaz en 'Debezos' (Íntimas) (7)

Se hai harmonía na métrica, tampouco deixa de habela na semántica dos contidos:
A Poesía de Avelino Díaz en 'Debezos' (Íntimas) (7)

A estrutura dos dous primeiros quintetos aparece reflectida pola dúbida de non saber "non sei" "se miña alma chora ou canta" ou "se miña alma canta ou chora" dos dous primeiros versos dos dous primeiros quintetos, pero esa dúbida trata de irse mitigando coa aparición do adversativo "pro" co que se dá comezo no verso terceiro dos dous primeiros quintetos remarcada de seguido polo "sei" co que se comeza a oposición entre non saber e / saber, xusto nas dúas primeiras estrofas, que vén sendo a xusta metade, manifestándose o cambio entre "descoñecer e saber" nunha estrutura totalmente equilibrada.
Forman, polo tanto, os dous primeiros quintetos, unha estrutura perfectamente tipificada onde os dous primeiros versos son froito dunha dúbida e os tres últimos a explicación desa dúbida pola certeza.
No derradeiro quinteto xa non hai rastros de incerteza ou indecisión, comezando directamente coa perfección do verbo en primeira persoa "SEI", para engadir logo que todo é froito da idade do poeta e dos amores que o tempo non perdoa.

PRIMEIRO QUINTETO
Non sei se miña alma chora ou canta
cando, diant-ó vivir, sinte congoxa,
pro, sei que o corazón seu ritmo adianta
cando sint-unha arela nobre e santa
ou ben, s-a fe qu-o suerguéu afroxa.

O primeiro quinteto comeza cunha dúbida da súa alma que non sabe se chora ou canta diante dun estado de anguria ou ansiedade, pero ben sabe ou está seguro de que en tales circunstancias o corazón adianta o ritmo cando sente un degoxo ou un desexo nobre ou sagrado, ou ben cando esa arela que se mantén ergueita, pero non acadou aínda o seu obxectivo, afrouxa máis do que estaba e, entón, o ritmo cardíaco adiántase ou apresúrase segregando, segundo os médicos, unha fervenza de substancias químicas no noso sangue que afectan ao ritmo do corazón.

SEGUNDO QUINTETO
Non sei se miña alma canta ou chora
ó ver qu-índa reviven súas arelas,
pro, sei que se finou o que, n-outrora,
semellaba ter córes d-unha aurora
e brilar mañanceiro das estrelas.

O segundo quinteto repite o comezo do primeiro, coa excepción de cambiar o "canto" polo "choro", ao ver que os desexos da súa alma e do seu ser aínda reviven, mais esa dúbida aclárase cando nos manifesta a morte do que noutrora . . ., é dicir, na xuventude, se supón, amosada esta por unhas metáforas que podemos considerar como "metáforas puras" porque o termo imaxinario que se considera, substitúe por completo ao termo real facendo galadura da etimoloxía da palabra "metáfora" que significa "máis alá" , isto é, estamos dándolle á mensaxe un significado que vai máis alá do que semella ou do que reflicte, por iso estes tres últimos versos:
.............
pro, sei que se finou o que, n-outrora,
semellaba ter córes dunha aurora
e brilar mañanceiro das estrelas.

Versos nos que nos comenta que morreron "as cores" dunha aurora e das estrelas o reflectir temperán ao comezo do día, que vén significando a xuventude como principio do día e tamén como comezo da nosa vida amorosa e non biolóxica.

TERCEIRO QUINTETO
Sei que xa se fuxíu aquela edade
en que o vento traguíame romores
d-amores en feliz maturidade.
¡ E sei que xa non vexo, na oquedade
do ceio, tantos craros resprandores!

É no terceiro quinteto onde o autor nos vén aclarar cal é o termo real das metáforas susoditas representado pola palabra "edade", pero idade que xa fuxiu, polo tanto, non propia da xuventude, incluso, atreveríame a dicir, que tampouco propia dunha madurez que xa pasou.
Prosegue Avelino, no verso undécimo, interpretando a idade "en que o vento traguíame romores / d-amores en feliz maturidade". Por iso cremos que o estado da alma en situación de choro ou de canto supón a inexistencia deses amores xuvenís que viñan co vento en rumores de feliz condición, aclarándonos nos dous versos finais cal é a situación do poeta:
¡E sei que xa non vexo, na oquedade
do ceio, tantos craros resprandores!

Nesta situación aparecen outras metáforas puras; unha é o "oquedade do ceio" e a outra está representada por "tantos craros resprandores". A primeira amósanos ese estado de madurez gastada porque se visibiliza un oco de vivencias "na oquedade do ceo" e a segunda evocada polos "craros resprandores" da xuventude que veñen ser a continuidade das aparecidas no segundo quinteto atribuídas á "aurora" e ao "brillar mañanceiro" das estrelas que reflicten a xuventude.
As imaxes desta composición chámannos a atención porque representan a xuventude como froito do abrente do día:
... cores d-unha aurora.
... brilar mañanceiro das estrelas
... tantos craros resprandores!

E dentro do abrente do día ou albor tamén aparece a "oquedade do ceio", é dicir, a vida, mais a vida xa con buratos polos que xorden os recordos ou lembranzas de tantos "resprandores" que non son outra cousa máis que os amores dos tempos mozos, e diante de todo, unha dúbida existencial pola que Avelino non sabe se cantar por ter chegado a esa idade xa madura chea de vivencias, suponse, ou chorar por saber e ser consciente de que esa vida xa pasou e da que tan só queda lembrarse.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES