A noite do lobo está situada nun contexto natural, nun tempo antigo como de conto no que entran lobos e cazadores. Ou non tan antigo, igual temos que situalo no final do medievo e comezo da Idade Moderna cando están volvendo os primeiros conquistadores coa lembranza da selva na que estes homes eran alleos e asasinos de indíxenas.

Conquistaron, fixéronse coas riquezas dun continente novo e volveron coa carga da dor ou cun fillo froito dunha violación. Agora están nun lugar frío no que a raíña e a igrexa andan á par de condes e señores, onde os guerrilleiros son ladróns bos que van polo monte porque son ladróns bos que reparten o botín e fan vinganza reivindicando aos pobres da terra. Homes libres que se intercambian o nome para morrer uns polos outros e que a loita continúe.
Un cazador mítico que evitou mortes por ser quen de vencer ou convencer ao lobo. Dise que fala coas árbores e cos animais. Iso se aprende na selva cando acabas sentíndote natureza e entendéndote con ela.
Señores e servos, guerras e reis, o poder da igrexa e dos confabulados. Contado en primeira persoa, o narrador é moi crítico con esta igrexa do poder, con esa fe radical que castiga e mata, e está máis disposto a entender as vellas lendas panteístas. Esa mitoloxía, anterior á relixión do poder, disposta ao que sexa por ascender e ter propiedades, preñada de personaxes abominables.
Estrañas sociedades como (La voluntá) á que el pertenceu, de doce homes coma os apóstolos, do que el era xefe e se chamaba Pedro, coa misión máis cruel que poda supoñerse e pola que sofre, tamén, a sentenza máis horrible porque xa dá a o título do primeiro capítulo Non é morrer o que máis doe. Agora coñece outra sociedade da que os executores son o brazo visible que cumpre ordes e están gobernados polo Olimpo nunca visible.
Unha viaxe longa, chea de perigos. Nela coñece personaxes como Víctor F, referencia de Frankenstein que pode transformarse noutros homes, mulleres sacerdotisas que son intérpretes do bosque e poden entrar dentro del, rapaces que corren con lobos porque teñen un vínculo, nomes que se repiten para lembrarlle esa falta que non se pode borrar e episodios que non se deben nin contar.
O machismo levado a estremos insospeitados con fillos de solteira por todas partes. Unha aldea no que sobreviven os que conservan a chama da revolta ao mando dun vello cego e manco que herda o nome de Gorrión.
Cunha toponimia propia: Cola do Gato,Arco do Val, Cumio Nevado, Aldea do Val, Augas Claras, Penas Brancas... No relato tamén aparece Gothard, a illa coñecida polas minas de prata, onde se sitúa a novela A noite do corvo.
O home que non envellece nin morre porque carga a maldición: Ate que sufras a mesma pena, até que sintas a mesma dor... vagarás por este mundo sen coñecer a morte
Ás veces, un acto que semella insignificante pode ter consecuencias demoledores igual aí se garda a esperanza, na comuñón coa terra e na beleza que inspira frases como que a herba é o cabelo da terra.
O autor semella coñecer o papel das conspiracións, saber que se repiten para continuar organizando o mundo e que as revolucións son apenas faíscas, que nunca prenden, nas que líder tras líder son eliminados e substituídos recollendo do chan o mesmo testemuño que erguen sobre a cabeza. Sintetízao moi ben en Palabras de esperanza que, nun abrir e pechar de ollos, rematan baixo terra, e volven vencer os de sempre. Outra vez. E outra vez. E outra vez. Así até o fin.
Os tempos son chegados nos que a outra parte do mundo foi eliminada ou alienada. Agora, o Olimpo móstrase cos executores como equipo dun réxime estremo. Ensínao Trump, cada día, con mentiras e golpes de efecto. A natureza e a humanidade está en emerxencia. Acabouse a ecoloxía, os deuses e a literatura vai camiño de non poder contar nada que nos poda sorprender máis que a realidade.