...ai compañeiros, tamos aviados,
que de nós vai pasando todo o mundo,
e ata veñen os cabrois cos seus arados
arando sobre as casas do profundo
e coa rella deslousan os lousados.
Darío Xohan Cabana
Para que o proxecto de Altri e as minas de Touro non foran as nosas únicas loitas, agora ven a empresa "Maracaibo Solar" degradar as aldeas de Monfero e das parroquias dos Vilares, Buriz e Labrada, co proxecto do Parque eólico "Satrebares", con

29 monstruosos muíños de vento de douscentos metros da altitude, ao lado das casas, que seica producirán 125 megavatios. Para que o lector poida facerse unha idea da bestialidade, direille que os eólicos que hai hoxe contan só con unha altitude sesenta. A empresa prevé, ademais, dúas torres meteorolóxicas de cen metros de altura.
Debido a esta agresión ecolóxica, visual e auditiva, o grupo municipal do BNG de Guitiriz organizou o pasado 15 de xaneiro unha charla informativa para trasladar aos veciños e veciñas as luces e sombras deste proxecto que nos afecta, en maior ou menor medida, a todos nós; para darnos a maior información coa que poidamos avaliar ou non este proxecto, contando para elo coa intervención de Xosé Manuel Golpe Acuña, técnico superior en centrais e redes eléctricas e consultor enerxético na Oficina de Transformación Enerxética da Deputación da Coruña desde 2016 e Parlamentario no Parlamento Galego.
Grazas a el puidemos saber moitas cousas deste polígono que pretende ser un dos mais grandes do país, pero que trae a desgracia para moitas familias das parroquias dos Vilares, Buriz e Labrada que teñen as traídas de auga nas súas casas das fontes do cordal de Montouto. que coa construción de zapatas para os muíños, de entre oito a dezaseis metros de profundidade e de vinte cinco a trinta metros de diámetro, farán que as penas cuarteen coas explosións e que o caudal das fontes desapareza, collendo outro camiño subterráneo. Pretenden rebentar esas penas, que sobreviviron á metralla e as bombas, como facendo garda a esas ideas outas as que non matan as balas nin tripan as botas, que dicía Fermín Bouza Brey, deixando sen auga centos de casas e granxas de animais.
Nesa zona do cordal de Montouto hai tamén una cantidade importante de petróglifos, castros e cerca de vinte mámoas catalogadas; como a das Carriceiras, atopada por Xosé Luís Teijido (Luís de Fabete), gran coñecedor dese monte, e as do Pilreo, que foron escavadas en setembro de 1972 polo propio Bouza Brey, xefe da Sección de Prehistoria do "Instituto Padre Sarmiento", e outros lugares de interese histórico que serían violados pola maquinaria e as pistas de acceso.
Eles dirannos que a enerxía eólica abarata a factura eléctrica, pero o mesmo día 15 as nove da maña foi a enerxía mais cara dos últimos catro anos, 35€ o megavatio hora, e iso que nese momento estaba entrando un 60% de enerxía eólica.
Tamén nos dirán que crea postos de traballo pero iso non é certo, pois so crean postos de traballo durante a súa construción, pero despois nin sequera teñen mantemento preventivo, senón que só os reparan cando deixan de funcionar, de aí que nesa charla dixera un compañeiro que vira varios muíños polos que corría o aceite polo poste abaixo ata chegar á terra e o caso desa foto que acompaño, sacada por Luís de Fabete desde a súa casa dos Vilares, na que as aspas, cansadas de dar voltas e de que non lles fixeran caso, decidiron descansar no chan.
É sabido que a enerxía non crea riqueza nin postos de traballo onde se produce, senón que os crea onde se consume, onde hai obreiros e industria. De aí que cando fixeron cinco polígonos en Ferrol Terra, os veciños preguntáronlles aos responsables da instalación cantos postos de traballo ían crear e contestáronlles que si creaban dous postos xa non estaba mal a cousa, porque unha vez construídos non miran mais que pola liñas de evacuación de alta tensión, que tamén produce ruído pola indución e este proxecto prevé unha liña de evacuación que tería unha lonxitude de 34 quilómetros, contando con 104 apoios, que partiría do concello de Guitiriz, pasando por Aranga, Curtis e rematando en Oza-Cesuras.
A Galiza sóbralle enerxía eléctrica, xa que exportamos a metade da que producimos ao resto do Estado e Portugal, pero eu sempre dixen que a electricidade non crea riqueza nin postos de traballo onde se produce, senón que crea riqueza e postos de traballo onde se consume, nos sitios onde hai industria, como en Euskadi, Cataluña e Madrid e por iso non os queren en ningún deses sitios, polo que cada vez está mais claro que Galiza é unha colonia, onde poñen empresas porcas e molestas que ninguén quere e das que levan logo o produto sen deixar nada bo a cambio para os colonizados.
No seguinte número deste Terra Cha recolleremos mais motivos polos que a maioría dos veciños non avalían ese proxecto e veremos tamén o que aconteceu coa directiva da comunidade de montes dos Vilares, á que acusaron os comuneiros de non informar e de posicionarse a favor dos eólicos sen preguntarlles a eles.