6. O tempo do Entroido en Santiago de Arriba o Pasado e o Presente.
6.1. A dinámica do Entroido no pasado.
Denantes da guerra civil a festividade do Entroido celebrouse nunha explanada rodeada de castiñeiros, que estaba situada no lugar de "A Pousa", moi preto da antiga igrexa parroquial. Poucos anos despois de rematar a guerra civil o festexo foi trasladado ao "Campo de Moredo" ata o intre actual. O entroido celebrouse durante os mesmos días que hoxe, é dicir dous domingos consecutivos denantes do Domingo de Entroido, que recibían os nomes de Domingo Lambedoiro e Domingo Corredoiro, aos que había que engadir o Martes de Entroido. Nestes días viña moita xente non só da vila de Chantada e contorna, senón tamén doutros lugares e parroquias pertencentes aos concellos de Carballedo e O Saviñao. Así, adoitábase ver xente de Castro (Carballedo), Fión (O Saviñao), Escairón (O Saviñao), Diamondi (O Saviñao) etc. "Foron catro días nos que estuvo todo cheo de xente; non había camiño, nin carreiro, nin campo, nin nabeira, en todo o lugar de Arriba, dende o que se pudiera ver o Moredo, que non houbera xente" (1). Os organizadores do Entroido tiñan que planificalo moitos días antes, xa que había que preparar os puchos, as campaíñas, as caraútas, e os oficios. Así, nun Entroido da década dos cincuenta do século pasado había que salientar as seguintes tarefas:
1ª. Con suficiente antelación ao evento festivo, un bo número de veciños adoitaba reunirse ao anoitecer na cantina da parroquia para rizar o papel necesario para a elaboración do "pucho". Este labor duraba varios días. Ao rematar, colocabano nunha caixa e levabanllo a Nina e a María do Diego, que eran as encargadas de realizar as flores do pucho.
2ª. Uns días denantes de que empezara o festexo preparaban os cintos das campaíñas en función do seu son. De aí que para que estivesen a punto para o Entroido era necesario que soasen pola parroquia nas noites previas ao festexo, coa finalidade de que encaixasen ben no cinto.
3ª. Nos días do Entroido os volantes percorrían pola mañá as distintas casas da parroquia tocando as campaíñas. O luns soían ir por outras parroquias e lugares do Saviñao - Fión, Mourelos
- e de Chantada -Pincelos, Belesar
-. Nestes lugares soían darlles viño, que os maragatos introducían nos "pelellos" (2), que levaban. Este viño ía ser usado pola tarde na festa do Entroido do Moredo para convidar á xente asistente.
4ª. Ao rematar de xantar (3) un grupo de mascaras reuníase na estrada, que comunica a parroquia de Santiago de Arriba coa vila de Chantada e con outras comunidades limítrofes. Desde alí, sobre as 16 horas, o grupo iniciaba a marcha ata o "Campo do Moredo". Ía acompañado polos gaiteiros de Vilar de Mato, e por veciños e persoas doutras comunidade. Ao chegar ao lugar de "O Pedroso", un volante e algúns maragatos baixaban por un carreiro e atravesaban as hortas e os campos, que había, ata chegar ao Moredo. O resto do grupo, así como o público acompañante continuaban polo camiño habitual.
5ª. Xa no campo do Moredo, os volantes empezaban a danzar e a exhibir as súas vestimentas diante do público asistente, moi numeroso, ata o punto que había que encordoar unha parte do campo, para poder levar a cabo os diferentes oficios. No seu primeiro contacto co público, os maragatos procuraban que ninguén traspasase o acordoamento realizado. Transcorrido certo tempo, os volantes e maragatos, acompañados dos gaiteiros, viñan a "Casa do Quintana" a buscar aos mecos encargados do primeiro oficio. E así ía a acontecer ata o cuarto, xa que o habitual era que cada día do Entroido se representasen catro oficios. A partir do primeiro os maragatos perseguían cos seus látegos as persoas, que tentaban esnaquizalos no transcurso da tardiña.
A finais desta década, representouse un oficio moi peculicar, que foi lembrado pola xente da parroquia durante ben anos.
Tratábase da escenificación dun parto, no que interviron Antonio do Manolo, que fixo o papel dunha muller embarazada; o Viadilla, que era o médico; e Pepe do Pataco, o practicante.

Pois ben, a muller púxose de parto, mais ninguén sabía que o aumento da barriga debíase a dúas bolsas, que lle colocaran no ventre. Unha chea de sangue, que o Pepe do Pataco fora a buscar a unha carnicería de Chantada, situada a carón do concello; e a outra a un gato vivo. Cando comezou o parto, as dúas bolsas foronse abrindo paseniño, e o resultado provocou sustos e risas, xa que o gato miando e con sangue no corpo apareceu correndo no medio do público. Ao mesmo tempo, mentres acontecía isto, os persoeiros enfariñaban e encinzaban á xente.
6ª. Por outra banda, os veciños dunha parroquia colindante podían acudir a escenificar un oficio sempre e cando se recoñecesen diante do "Volante maior" (Volante rei) e dun maragato nos lindes da parroquia e, logo, no propio campo da festa.
7ª. Neste tempo era moi habitual a saída pola parroquia, das "maragatas", que eran homes vestidos de mulleres, que levaban medias de cristal. Así, fixeron de maragatas, entre outros, o Evaristo, o Pepe da Proba... (4)
8ª. O martes de Entroido, denantes de rematar o festexo, algunhas mulleres da parroquia, vestidas de negro e cunha caraúta na cara de cor branco, acudían ao "Campo do Moredo, coa finalidade de realizarlle ao "pucho" unha despedida. Neste acto interviñan tamén os volantes, os maragatos e algúns mecos, que se colocaban de xeonllos en torno aos puchos... Previamente os volantes danzaban ó redor do pucho e, logo, tamén se axeonllaban.
Todos sen excepción choraron ao Entroido durante un breve periodo e ao rematar elevaban as súas mans de cara ao ceo, tirando as súas caraútas. Mentres acontecía isto, un maragato poñía o pucho na cabeza e saía correndo do "Moredo", quizais simbolizando ao Entroido que se ía.
Como remate do festexo hubo baile de gaita ata que a xente paseniño comezou a marchar para os seus lugares de procedencia, levando "fachóns" para alumear os camiños e carreiros (5).Noutrora, o Volante Rei, denantes da despedida ao Entroido, danzaba por todo o campo e os pequenos íanlle collendo as colonias do pucho, tarefa na que tamén colaboraban os pais dos pequenos. Comentase, que algunha vez pegouselle "ao pucho" dous tiros e desta xeito acababa simbólicamente a festa. De todos os xeitos, o habitual era facerlle "o choro ao pucho".Daqueles entroidos de antano sobresaíron unha serie de persoeiros: Pepe do Pataco, Nina, María do Diego, Pedro do Artilleiro, Arturo -que aínda saíu como volante no ano 2012- Camilo da Predesa, O Roxo, Emilio, Benido, Antonio do Manolo, Viadilla, Manuel do Viutos, Santiago, o Larán, a "Casa do Quintana" para preparar os oficios, a "Casa de Marcos", Pancho, Florentino, o Ramón, Toñito de Xacomá, o Evaristo, a "Casa de Viutos"...
Naquel tempo, estaba mal visto traballar no "tempo do Entroido". Así, no caso de que alguén o fixera podían quitarlle o carro e outros aperos de labranza, que adoitaban deixar nalgún lugar apartado da parroquia, para que tivera que ir por él.
Finalmente, daquela conviña pedirlle permiso ao párroco, que dalgún xeito podía actuar de mediador diante das autoridades civís (chamese na práctica a Garda Civil). No obstante, isto non o facía dunha maneira desinteresada, senón que lle tiñan que podar as vidas, e axudar na vendimia. E aínda así podía vir a Garda Civil. De aí que houbera veciños que, colocados en sitios estratéxicos, puideran dar aviso da súa chegada. Isto permitía que as persoas, que interviñan no Entroido, tivesen tempo de tirar as caraútas e outras prendas nas silveiras e toxos para eludir a multa.
De todas maneiras, nalgúns anos houbo que pagar multas de 1200 ptas e de 200 ptas, que se distribuían entre a comunidade parroquial. Ademaís, o cinto das campaíñas foi requisado unha vez pola Garda Civil. No obstante, conseguírase cambiar as campaíñas boas por outras moi correntes.
6.2. Etapa de transición
Nesta etapa que eu situo aproximadamente nos últimos vinte anos do século vinte, non houbo Entroido debido entre outros motivos, á falta de mocidade para facelo; e, tamén a falta de organización. No obstante, esta parroquia malia non poder facer o Entroido mostrou unha relevante solidariedade con outras parroquias da Ribeira, que se o levaron a cabo, contribuindo dalgún xeito a súa realización.
Así, a finais do século XX e principios do XXI, o Entroido únicamente se celebrou durante tres anos en Vilaúxe. Pois ben, a comunidade de Santiago de Arriba aportoulles durante dous anos consecutivos o cinto grande de campaíñas cun volante. A única condición, que se lles puxo foi que o volante, tiña que vestirse nesta parroquia e denantes de marchar para Vilaúxe ía facer un breve percorrido por algúns lugares da parroquia. Ademaís, algún ano prestouselles tamén o armazón do pucho para ter o Entroido alá (6). Así mesmo, sabemos que un veciño de Santiago de Arriba axudou en San Pedro de Líncora no festexo antroidano. "... O carnaval naceu en Santiago de Arriba / o que pasa é que aí a xuventude acabouse / acábase e van quedando vellos / entón non hai quen axude e vaise acabando / entón estas parroquias nas que hai máis mocidade vano tendo / vano tendo / eu estou aquí para axudar / eu son de Santiago de Arriba / se eu non pode telo / axudo ó que o pode ter / isto é moi antiguo / é unha tradición moi vella e gusta tela/..." (7).
6.3. A dinámica do entroido na actualidade
En Santiago de Arriba comeza a celebrarse o Entroido dous domingos denantes ao domingo do Entroido. Recibe o nome de "Domingo Lambedoiro". Dende hai varios anos a "Asociación do Entroido Ribeirao" desta comunidade adoita invitar neste domingo a outros entroidos galegos para dalos a coñecer na vila de Chantada ao mediodía e, logo,

pola tarde á xente, que acode ao "Campo do Moredo", sito en Santiago de Arriba.
No ano 2024 esta Asociación trouxo o Domingo Lambedoiro como invitados aos seguintes Entroidos: Os Felos de Esgos (Ourense) (8). Os Farrumecos de Sobradelo (Ourense) (9). Os folións e boteiros de Viana do Bolo. Ao "Oso de Salcedo" (Lugo) (10); a aos "Troiteiros" de Bande (11) (Ourense). Estes, xunto cos anfitrións de Santiago de Arriba reuníronse ás 11,30 da mañá na vila de Chantada ao carón do parque infantil. Dende alí levouse a cabo un desfile por diferentes rúas da localidade onde o público asistente puido coñecer as diferentes máscaras e outras peculiaridades de cada Entroido sinalado. Logo, a partir das catro e media da tarde estes entroidos deronse a coñecer no "Campo do Moredo" (Santiago de Arriba), lugar de celebración dende sempre do Entroido desta comunidade.
Os dous domingos seguintes, chamados Domingo Corredoiro e Domingo de Entroido, e o Martes de Entroido, os volantes percorreron todos os carreiros da comunidade parroquial deténdose naquelas casas habitadas, nas que os seus donos lles ofreceron viño da ribeira e algunha que outra vianda. Ata o ano 2012 o habitual era que visitasen en primeiro termo a "Casa de Pepe da Proba", que xa tiña preparados baixo o alpendre os vasos axeitados para enchelos dun bo viño branco.
Todos os días do Entroido celébrase un xantar a primeiras horas da tarde baixo unha carpa cuberta e adosada a antiga escola (12). Adoitan asistir os participantes no Entroido; algúns veciños; amigos; e támen algunhas persoas, que veñen xa ao mediodía para asistir " ao festexo entroidano" da tarde. Logo do xantar, xuntouse un grupo de maragatos e volantes na estrada, que da acceso á vila de Chantada e segue ata os Peares. Desde alí iniciase as 16 horas a marcha ata o "Campo do Moredo" (13), lugar de celebración do Entroido (14). Esta soe estar integrada non só polos volantes e maragatos, senón tamén por algúns veciños e persoas foráneas, que veñen a ver os diferentes oficios. Ademaís, esta comitiva adota estar amenizada polo grupo de gaiteiros de Vigo, denominado "Xente de aquí e aculá".
Este grupo leva actuando neste Entroido dende finais da primeira década deste século. Está composto polas seguintes persoas: Jennifer Prado, David Rivera, Jandro Barciela, Esteban Lago. Cada día do Entroido, tocan máis de 60 composicións musicais, predominando "as muñeiras" e "as xotas". Con todo, teñen unha especial importancia as seguintes composicións: "A marcha do Entroido" a as "Dúas marchas dos oficios". Ambas as dúas diferencianse pola melodía, xa que o patrón rítmico era o mesmo.
Cando a comitiva chegou ao lugar de "O Pedroso", dividiuse en dous pequenos grupos: un deles, composto por algún volantes -un co pucho- e maragatos baixaron por un camiño e atravesaron as hortas e os campos, que había, ata chegar ao Moredo. O resto do grupo, así como o público acompañante continuou polo camiño habitual. Dende sempre, os volantes pasaron polas hortas e polas terras de labor, sendo considerado como algo benefactor pras mesmas, ata o punto que os mesmos propietarios acceden gustosos e mesmo queren este ritual de paso.
Xa no Moredo, tanto os volantes como os maragatos cumpriron coa súa función específica. Así mentres os volantes bailaron e exhibiron os seus traxes diante do público asistente, os maragatos protexeron aos volantes no seu baile e, posteriormente aos mecos na realización dos diferentes oficios. Estes consistíron en curtas representacións teatrais nas que se aludía a diferentes sucesos da realidade en xeral e da vida cotiá das persoas en particular, usando como instrumentos básicos a bulra, a sátira, a ironía...
O martes de Entroido, ao rematar os oficios, os volantes levaron "os puchos", que se usaron no Entroido, para o campo da festa. Alí, deixaronos no chan, e fixeronlles unha breve danza ó redor. Seguidamente, as choronas (15) puxeronse de xeonllos no chán acompañadas dos maragatos e volantes, que quitaron as súas máscaras como despedida ao pucho. Ao rematar "o choro", un dos maragatos recolleu o pucho grande e cruzou as hortas ao revés, mentres que un volante acompañou ao maragato, que gardou o pucho ata o ano seguinte.
Logo do choro, faise unha churrascada baixo a carpa ata ben entrada a noitiña. E deste xeito remata o Entroido, xa pensando no ano vindeiro.
NOTAS:
1. González Rei, Iván.: "Os contos do meu amigo Pepe", en Rev. Dixital: "Etnografía". Ano 2010. www. mesondoforno.com.
2. No interior da antiga escola de Santiago de Arriba, hoxe convertida nun espazo cultural do Entroido Ribeirao, conservase un destes pelellos.
3. Os dous volantes tiñan que invitar a comer aos seus maragatos. Informante: Jordi González.
4. Informante: Beatriz González (Beti).
5. González Rei, Iván "Contos do meu amigo Pepe", en Rev. Dixital "Etnografía", 2010, www.mesondoforno.com. Conversas de Pepe do Pataco con José Manuel Blanco Prado sobre o Entroido de Santiago de Arriba. Anos 2009 e 2010.
6. Informante: Xoán Carlos González. Santiago de Arriba.
7. ARAUXO, Emilio.: Ob. cit., páx. 93 . Referencia ao Domingo Lambedoiro de San Pedro de Líncora.1992.
8. Foi o Entroido, que asistiu con máis integrantes, que portaban unha vestimenta moi cromática; unhas chocas no cinto, que facían soar; e unha caraútas de cartón ornadas con símbolos zoolóxicos.
9. X.M.F. "Xornal de Lemos". 28-1-2024. "Trátase de persoeiros que van vestidos con capas, mandís,mantóns, un pano na cabeza, e unha caraúta branca. Ademaís, levan colgados da gorxa collares de castañas, cebolas e allos"
10. O "Oso de Salcedo", viña cuberto de peles e unha caraúta de madeira. Ademaís, viña acompañado de varios criados.
11. X.M.F. "Xornal de Lemos". 28-1-2024. " Van provistos dunha vestimenta branca e dunha máscara con chapeu de copa e velo sobre a cara"
12. Hoxe esta antiga escola está sendo convertida no futuro " Museo do Entroido Ribeirao" en Santiago de Arriba (Chantada). O seu custo foi subvencionado pola Deputación Provincial de Lugo.
13. Distante uns 350 metros dende a estrada.
14. Nos catro días de festexo entroidano.
15.Trátase de mulleres enlutadas, que levan unha máscara moi sinxela de cor branca, e que xuntamente aos maragatos e volantes participan "no choro do pucho", que e o acto co que o Entroido remata.