Señor, esta Semana Santa vou contigo, así sexa ao Monte Calvario! (2)
Gómez Vilabella, Xosé M. - viernes, 21 de marzo de 2025
Hosánna in excélsis,
e aquí abaixo,
tamén!
Señor, achégase a hora
da nosa redención,
a mesma da túa crucifixión.
¿Que fago eu, mentres?
¿Sego irreflexivo, dándome á boa vida,
voando,
viaxando polo mundo adiante,
que turismo lle chaman?
¡Necesito descansar!
Si, pero máis aínda reflexionar,
acompañarte con ramos,
dispoñerme a confesar.
Señor, xa que me gusta viaxar,
lévame contigo
a Xerusalén
para contribuír á miña redención,
acompañándote,
desde Ramos ao Calvario.
-.-
Ascéndit Deus cum exsultatióne,
Dóminus cum voce tubae.
Sube Deus entre voces de xúbilo,
Señor ao son das trompetas.
¡Como non se me ocorrería antes
isto de recibir ao Señor
cos honores pertinentes!
O Señor vén a min,
vén por min,
vén para animarme ao retorno
glorioso.
Daquela,
aquí me tes,
Señor,
con ramos e palmas,
de portas abertas,
e o corazón agradecido
de que o fagas
por min,
¡cousa que non teño merecido!
Mea culpa, Señor, mea culpa,
que ben grande debe ser,
iso, a culpa,
para que necesite,
de Deus,
semellante cura!
-.-
Quóniam rex omnis terrae
est Deus,
psállite hymnum.
Porque Deus é o Rei de toda a terra,
entoádelle himnos.
Señor, que máis quixese,
pero estou afónico de palabrotas dicir,
así que as notas non me saen
por grande que sexa
o meu sentir.
Á falta delas,
¿sérvenche as bágoas do meu arrepentir?
¡Sendo así lévame contigo
a Xerusalén,
e ponme nun curro do cenáculo;
ponme nun curro,
Señor,
pero non me deixes sen Cea
Eucarística,
que tampouco deixaches a Xudas,
sendo que era,
coma min,
un traidor!
-.-
Glória Patri, et Filio, et Spirítui Sancto.
sicut era in principio, et nunc,
et semper,
et in saecula saeculórum.
Amén.
¡Polos séculos dos séculos reinarás,
e eu, aquí abaixo,
criatura túa,
polas miñas culpas suspirando!
¡Xa sei, xa, que o teño ben doado:
De xeonllos petarme,
mais,
de nada serve
se non fago promesa,
definitiva,
de emendarme!
-.-
"Pero os fariseos dixeron
entre eles:
Vedes que non conseguides nada;
mirade para aí:
todo o mundo foi detrás del".
¡Todo o mundo, non,
que eu non fun,
pero aínda estou a tempo
pedíndoche perdón!
Señor, eu estaba no seo de Eva,
xa daquela que pecou,
que por iso
así me xerou:
coma ela, pecador!
Miña nai compartiu comigo
a súa alma pecadenta,
que de aí me vén
aquel pecado da descendencia,
pero fun bautizado,
¡como está mandado!,
así que che pido,
aquí e agora,
que me volvas ao estado
inicial:
¡Ti, que lles lavaches os pés aos teus discípulos,
lávame de novo a alma
para que poda loarte
co meu ramo,
limpo eu, e limpo o ramo!
-.-

Gómez Vilabella, Xosé M.