Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - jueves, 06 de marzo de 2025
Saír

Nin as adversidades climatolóxicas son quen de facerme desistir das miñas típicas saídas. Xa poden caer chuzos do ceo ou subir do inferno, que saio. Xa pode conxelarse o mundo, que saio. Pode caer unha bomba nuclear, que son capaz de saír para amortecela, freala co meu lombo. Pode haber unha seca universal, que saio na procura de auga no mesmo deserto. Pode haber unha imposibilidade imposible, que saio para convertela axiña nunha esperanza esperanzada.
Xa poden desbordar todos os ríos, regatos, lagoas e mares, que eu saio. Subirei á Perla Negra e serei o Jack Sparrow da serie celestial, divina e real. Saio por calquera porta, incluso pola carral. Saio por calquera punto cardinal e marcho deica o infinito e máis alá. Saio do soño que estaba soñando e deixo que a realidade me poña no meu sitio.
As adversidades climatolóxicas asoman nun amén, pero nun chiscar de ollo tampouco lles fago caso. Porque saio chovendo, nevando, caendo a canícula, con saragana, tronando, alustrando, xeando. Saio á carreira, saio á estrada, ó camiño, á rúa, á canella, ó carreiro. Saio para sentarme nun lameiro e para pousar ante un balcón e cantar unha serenata de amor. Saio de Galicia polo Padornelo ou polo océano Atlántico. Saio para Portugal ou para subir a un campanario.
Saio cos pés arrastrando, pero saio. Saio con parsimonia, pero saio. Con lentitude, e saio. Con galbana, e saio. Saio correndo, amodiño, en silencio, berrando, asubiando, bailando, ergotiando, mirando e incluso saio cos ollos pechos. O caso é saír. Segundo uns marchan porque teñen que marchar, eu saio porque teño que saír. Así de simple.

Os ollos

Deixo de mirar para un lado. Miro para o outro. Miro para adiante. Miro para atrás. Non vexo nada. Ás veces, por moito mirar, é cando menos se ve. Outras, sen mirar, ves a vida pasar. Todo moi bonito. Todo unha quimera. Todo unha incongruencia. Todo un desatino. Todo moi lindo. Todo o universo sobre min, din por aí.
Pecho os ollos. Agora si que non vexo nada. Por moito que, ás veces, diga que é cando mellor vexo. Nisto refírome, por suposto, ós meus pensamentos, ás miñas imaxinacións, ás miñas fantasías. Cos ollos pechos tamén vexo a vida pasar. Esta condenada non se detén nunca. Cando se detén... malo! Requiescat in pace para quen se lle detivo.
Cos ollos medio cerrados vexo e non vexo. Depende das ansias e das circunstancias, das ideas e dos sentimentos, do querer ou non querer. Cando medio cerro os ollos é máis ben para forzar a vista ou para evitar que entre a voaxa, a poeira. O sol tamén, por veces, molesta moito. E os ollos son tan delicados, tan fráxiles, tan sensibles...
Son tan delicados que choran: de tristeza, de alegría, a causa da carraxe e de que, ó mellor, se meteu a viga neles en vez da palla nos alleos. A delicadeza dos ollos está tamén no esforzo que teñen que facer para ver o que hai máis alá do bafo nun espello. O ollo, de cando en vez, é pillabán.
Para rematar o asunto, non queda outra que abrir ben os ollos para que a vida non nos pille distraídos. O de ver ou non ver (á miña maneira) xa é o de menos.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES