Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - miércoles, 05 de marzo de 2025
A culpa é da infancia

Boteime ó monte a cazar saltóns. Mellor, ós lameiros; máis en concreto, ós dous lameiros que o Trono ten nos Lamas. Non sabía que facer nesta tarde soleada e acordeime da pesca e da cana de pescar, a que teño parada e colgada na palleira. Ó lembrar a cana foi coma se vira o anzol e tamén foi coma se o vira baleiro. Non quedaba outra que meterlle cebo. Para coller bichos no río, a auga aínda estaba fría. Para cazar moscas, estas aínda se atopan en hibernación. Quedaban os saltóns.
Pingas de OrballoCollín camiño do lameiro do Trono. Levo un par de horas detrás dos saltóns e non vexo ningún. Seguro que aínda é moi cedo para que anden ó seu albedrío. Ó pouco tamén caín na conta de que non son pescantín. O da cana viña da infancia, de cando, por tan só unha vez, pesquei peixes nas pozas da Tapada dos Ferreiros, no monte Medo. Que nin alí a usei tampouco, xa que os peixes andaban á de riba por culpa da seca e collíanse perfectamente coas mans. Os pobres boquexaban de tal maneira que ata me daban pena.
Aínda non sendo pescantín nin habendo saltóns, eu seguín dálle que dálle na súa procura. A testán non hai quen me gane. Trepei todo o lameiro, os dous lameiros (só os separa unha caldeira de pouca máis dun metro) e nin rastro de saltóns. Case me dixen que me quedaba a opción de poñer de cebo unhas flores de toxo e ir ás ras en vez dos peixes. Tampouco vin ras. Puto tempo este! Polo frío, digo, e aínda que a tarde estea soleada. Non me desgustei moito polo detalle de que non son pescantín. Nin sequera de ras. A culpa é da infancia.

Imaxes

Deixo caer a cabeza sobre a almofada e vexo como pasan imaxes que me obnubilan, que me asombran, que ansío. En cada imaxe vai un recordo, un tempo que foi, un sorriso, unha queixa, un xogo, unha carraxe. Algunhas mesmo se acumulan nos músculos ou tendóns que unen o pescozo cos ombreiros producindo unha tensión que case manca, que case doe. Hai imaxes nas que liberas unha guerra interior, como as hai que te elevan máis alá das estrelas ou ó sétimo ceo.
Pingas de Orballo Coa cabeza sobre a almofada cantaruxo un tema musical para poñerlle banda sonora a esas imaxes que van e vén, que se mesturan, que se xonguen formando unha colaxe sentimental ou romántica ou filosófica ou social ou laboral ou deportiva. E do recanto da memoria sae o instante no que... No que sobre o visor estaba todo un momento, un lapso, un intervalo, un intre. Tamén un vestido, un sorriso, un gorro, un pantalón, un peito, unha coleta, unha garavata, un sombreiro, un inicio de movemento, unha ollada fixa.
Hai imaxes polas que se baila un tango sobre o arco da vella ou sobre a galla dun loureiro. Como as hai nas que pingas de orballo humedecen o clixé da ocasión, do silencio na paisaxe, do berro na pose, na postura. Hai imaxes que deixan coa boca aberta e co desexo de non seguir mirando. Tamén as hai das que non se aparta a ollada ata que doe a meniña do ollo, a pupila; esas que deixan a un cego... para ben e para mal.
Coa cabeza sobre a almofada pasan as imaxes con rapidez, con lentitude, pero sempre coa ansia de, algunhas, velas unha e outra vez. Porque as hai que abraian, que pasman, que marabillan.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES