Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - martes, 04 de marzo de 2025
Cada louco co seu tema

Un salouco que, quizais, non proceda. Un reloxo que marca os cuartos. Un coche medio escarallado. Un ronsel no ceo e medio arco da vella. Un salgueiro florido. Unha pelota redonda e un balón ovalado. O mazadoiro da burga. Unha escaleira de pedra. E Luis Eduardo Aute dándolle á tarabela. Queren os elefantes bambear sobre a arañeira? Quere o infinito seguir deica o máis alá ou volver para acá? Quere o desexo amortecer as ansias da ansiedade? Quere Jason Bourne recuperar a memoria? Quere Mad Max unha lata de gasolina?
Pingas de OrballoQuero ser o heroe dos nobelos que se enlean por si mesmos e o Jack Sparrow que navega coa Perla Negra polos océanos da esperanza. Quero ser o folio en branco e o bolígrafo negro que escribe azul. Quero ser o móbil gris que ensina palabras brancas coas que a alegría vai por barrios. Quero ser a gaiola sen barrotes e o país sen fronteiras. Quero ser a bandeira galega e o berro que se solta desde un dos outeiros do peito.
Un latexo. Un canastro na aira. Un campo de fútbol. Un libro de filosofía. Un raíl da vía do tren. Un vagón de tren que non se move. Un movemento que se si se bota a correr. A carreira que leva a Vazcovaz. Unha vaca parida. Un boi en celo. Un burro que ornea. Un caderno cheo de letras. Un berro seco. Outro berro seco. Un terceiro berro seco. Por que de noite todos os gatos son pardos? Por que a lúa se acocha tras unha nube branca? Por que temos que soportar a Donald Trump?
Cada louco co seu tema e cada tema co seu esperpento. Que non todo o monte é ourego. Ás veces é un mar de toxos amarelos que enchen a alma de anhelos. O dito: cada louco co seu tema.

O xerundio do verbo andar

E que tal se son o xerundio do verbo andar? Hoxe case que non. Mellor quedar quieto. Por moito que me chamen o rápido de Bouzas, ou a locomotora, ou o acelerado; hoxe non quero andar. Co ben que estou aquí, tombado, ó sol, na herba verde das Mestras, contemplando os vellos carballos, recios, marabillosos, impoñentes, e escoitando o canto da rula e do pombo, mesmo das pegas e corvos, e, como non, o suave murmurio da corrente do río Arnoia. Mira que estou parvo; semello un paiolo con Pingas de Orballotodas esas descricións. Semello un principiante gramatical. Que si a luz da lúa, que se as cores do arco da vella, que se os latexos dun corazón, que se o brillo no iris dos ollos. Paiolo por completo!
Si, certo, agora mesmo, quieto estou mellor. Nestes momentos son máis ben unha ringleira de adxectivos da galbana: desde galbán e baleigán a zolado e vago, desde calaceiro e camanduleiro a truán e preguizoso, desde folgazán e gallofeiro a preguiceiro e paduán, desde gandulo e lacaceiro a nugallán e moulón, desde lampantín e lerchán a loubán e langrán. Como para non exclamar sobre a riqueza da nosa lingua! Dunha simple galbana!
Definitivamente, hoxe non quero ser o xerundio do verbo andar. Hoxe son case un obxecto que non se move das Mestras, aínda que, iso si, a mente corre detrás das avespas na busca do néctar das flores e na procura dos ovos dos niños das carrizas, ou das azulentas, ou das lavercas. A mente empeza outra vez a apaiolarme a cabeza para que solte aquí pensamentos ou ideas melosas, sen sentido. Case me tenta ser de novo o xerundio do verbo andar.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES