Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

En memoria de Claudie Terrasson, hispanista francesa amiga de Galicia

Rodríguez Fer, Claudio - martes, 04 de marzo de 2025
O repentino e prematuro falecemento o 22 de febreiro de 2025 da querida amiga e admirada hispanista francesa Claudie Terrasson, importante especialista na obra literaria do poeta galego José Ángel Valente e, por encima de todo, gran persoa, sumiu En memoria de Claudie Terrasson, hispanista francesa amiga de Galiciaao hispanismo galo, ás súas numerosas amizades e á súa por ela tan amada familia (dentro da cal se contan a súa anciá nai, as súas tres fillas e os seus catro netos), na máis absoluta desolación.

Tan comprometida profesional como entregada docente, sempre pendente do seu alumnado máis necesitado, exerceu primeiro na Université de Lille-III - Charles de Gaulle e logo foi catedrática na Université Paris-Est Marne La Vallée e na súa posterior reconversión coa denominación de Université Gustave Eiffel, onde foi vicerreitora e onde se xubilou. En dito complexo universitario de París Leste foi onde tiven a sorte de ser colega seu en condición de profesor visitante. Mais en todas partes mantivo actitudes solidarias coa inmigración (ela mesma procedía en parte da italiana) e co exilio (ela mesma deu acubillo persoal a refuxiados).

En 1998 presentou a primeira tese doutoral en Francia e en francés sobre a poesía de Valente: "Étude du signifiant poétique dans l'oeuvre de José Ángel Valente (Punto cero): une esthétique du dénudement", dirixida na Université Paris-Sorbonne, Paris IV, pola filóloga Marie-Claire Zimmermann. Tal tese doutoral foi o punto de partida do seu libro, de próxima aparición, "La Poésie de José Angel Valente ou l'esthétique du dénudement", resultado de todos os seus saberes acumulados ao longo dunha frutífera traxectoria investigadora e docente, para o que tiven a honra de que me solicitara o prólogo. Mágoa que xa non poidamos presentalo xuntos, como estaba previsto, en París e en Santiago de Compostela.

A converxencia dos estudos valentistas de Claudie Terrasson, pioneira francesa na súa condición de doutora na obra do poeta, e dos meus, xa en condición de responsable da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela, foi a causa de que nos encontrásemos por primeira vez persoalmente no ano 2000, en concreto no coloquio organizado polo hispanista Claude Le Bigot na En memoria de Claudie Terrasson, hispanista francesa amiga de GaliciaUniversité Haute Bretagne, Rennes 2, co título de "Les polyphonies poétiques, Formes et territoires de la poésie contemporaine en langues romanes". Ao artigo que achegou ás actas deste simposio, seguiron logo outros en torno a Valente publicados en revistas especializadas, como "Hispanística XX" ou "Les langues néo-latines", así como no libro colectivo "Juan Gelman, écriture, mémoire et politique".

Pero as súas contribucións ao hispanismo non se limitaron ao estudo de Valente, xa que escribiu tamén sobre autores anteriores, como Federico García Lorca ou Blas de Otero, e posteriores, como Antonio Colinas ou, sobre todo, Luis Antonio de Villena, a quen dedicou, ademais de artigos, todo o libro "Luis Antonio de Villena. Poésie 1970-2005. Retour, reprise, répétition". E a isto cómpre agregar outros traballos académicos sobre literatura comparada, fusións interartísticas e cuestións de xénero.

Ademais, moi sensible como persoa, cidadá e intelectual aos problemas sociais, a súa produción non foi allea á imprescindible memoria histórica antifascista en España con perspectiva de xénero, como pode comprobarse no artigo "Savoirs d'aujourd'hui sur les femmes. Femmes de savoir au temps des avant-gardes. Le cas de Juana Capdevielle, femme libre", publicado no monográfico dedicado a "Genre(s) et liberté(s)" pola revista "Lectures du Genre" en 2020. Podo dar fe persoal de que o seu solidario interese pola bibliotecaria republicana Juana Capdevieille, de orixe francesa, asasinada en 1936 no concello lugués de Rábade, naceu escoitando a Carmen Blanco e a min falar daquela arquiveira en diversos actos universitarios e poéticos organizados en París. E o mesmo interese mostrou pola artista galega, exiliada en Francia, María Casares, sobre quen compartiu un roteiro parisiense con María Lopo e comigo e sobre quen organizou un acto marsellés con dita especialista na actriz.

Porque, en efecto, Claudie Terrasson participou en coloquios diversos, ás veces dirixidos por ela mesma, como tamén en conferencias e outros eventos, especialmente en París, onde morou e traballou décadas, e en Marsella, a onde se retirou retornando ás súas raíces provenzais. Varios dos actos por ela promovidos nestas cidades versaron sobre a memoria antifascista de Galicia, sobre a que nos convidou a falar reiteradamente a Carmen Blanco, a María Lopo e a min mesmo. Agora ben, a súa condición de hispanista conduciuna tamén máis dunha vez a España.

En Galicia tivemos a fortuna de presenciar as súas implicadas intervencións en dous coloquios por min dirixidos na Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela, titulados "Encontro internacional sobre José Ángel Valente", en 2016, e "Seis poetas universais en seis linguas románicas", en 2018. Nese mesmo ano, puidemos vela asistindo a unha emotiva mesa redonda sobre memoria histórica e literaria no Vello Cárcere de Lugo, na que participaron dúas das súas colegas hispanistas máis colaborativas e próximas a ela: a historiadora Christine Delfour e a filóloga Marie-Blanche Requejo Carrió (filla de antifascista precisamente encarcerado en España durante o franquismo e logo exiliado).

Nunca esquecerei as nosas longas conversas paseando en París á beira do Canal Saint-Martin ata o parque de La Villette, onde me contou que nel, sendo aínda doutoranda, estudaba a Valente mentres as súas amadas fillas, daquela nenas, xogaban no seu gran tobogán zoomórfico. Nunca esquecerei os restaurantes parisienses que frecuentamos nos dous barrios nos que morou: o africano chamado Château-Rouge (coñecido como Paris Noir) e o indio en torno ao Metro La Chapelle (coñecido como Petite Inde), a onde me conduciu dende que nos coñecemos sabendo do meu gusto polas comidas indostánicas. Nunca esquecerei as nosas visitas conxuntas aos museos e ás máis diversas exposicións en París, pois ambos fomos sempre entusiastas da arte e do coñecemento. Nunca esquecerei a memoria histórica, política e social fraternalmente compartida cos descendentes dos represaliados polo fascismo en Lugo e cos descendentes dos exiliados libertarios en Choisy. Nunca esquecerei os magníficos recitais multilingües que organizou na súa universidade sobre o meu poema "A cabeleira" con rapsodos dos máis variados continentes...

No meu libro A muller sinfonía (Cancioneiro vital), publicado en 2018, incluín o poema "Os comandos da noite" (título inspirado na canción homónima do cantautor Marti, provenzal como esta hispanista), no que puxen na súa voz tres versos para min definitorios desta acolledora Marianne irredutible de tan doce enerxía e tenra fortaleza: "chámome Claudie Terrasson e son o orgullo / dos pais proletarios e da ensinanza pública / que ergueu laicas as Universidades de Francia".
Rodríguez Fer, Claudio
Rodríguez Fer, Claudio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES