Nos últimos tempos, máis enfaticamente no transcurso do primeiro mandato de Donald Trump e á vista dun empeoramiento das relacións bilaterais cos EUA, a diplomacia chinesa estableceu catro liñas vermellas a non traspasar para evitar agravamentos: a democracia e os dereitos humanos, a traxectoria e o sistema político de China, o dereito ao desenvolvemento e Taiwán. Que evolución pode esperarse nestes catro asuntos neste segundo mandato de Trump?
É pouco probable que Trump preste moita atención á confrontación ideolóxica entre democracia e autocracia característica do seu antecesor, pensa Zheng Yongnian, do Instituto de Asuntos Internacionais.

Mesmo na cuestión do modelo político e a súa traxectoria, as posibilidades de interferencias poderían reducirse. Tampouco no modelo de desenvolvemento. Nos EUA de Trump ata poden celebran que o Estado avance na China en detrimento da empresa privada porque iso socavará, pensan, a fortaleza do país. A Trump importan menos as ideoloxías ou valores políticos e aquela imaxe dos EUA como faro da orde liberal ten as horas contadas.
Pola contra, a pugna comercial e tecnolóxica ten como premisa afondar na agresiva contención de China de xeito que poida lograr un aumento substancial da fenda de poder que separa a ambos os dous países. Isto vaise traducir en aranceis, sancións e restricións diversas co foco centrado en asegurar a posición de vangarda tecnolóxica, a chave da perennidade hexemónica. Para Yan Xuetong, da Universidade Tsinghua, a rivalidade non estará determinada pola ideoloxía senón pola fortaleza económica e o progreso tecnolóxico, temas nos que deberán coexistir luces curtas e longas. Para China será importante non militarizar a súa economía (o orzamento de defensa representa arredor do 30 por cento do estadounidense) ante o incremento da presión estratéxica que virá e seguir centrándose nas variables tecnolóxicas e económicas sen desprazar as melloras sistémicas.
O asunto máis delicado e que pode conducir a un enfrontamento aberto é Taiwán. As tensións seguirán avivándose, pensa Zhu Feng, da Escola de Estudos Internacionais da Universidade de Nanjing, se ben o risco de desbordamento sería baixo. Doutro parecer é, sen embargo, Jia Qingguo, da Universidade de Beijing, para quen existe unha posibilidade real de que Trump apadriñe o abandono da política de unha soa China, un proceso no que estaría xa no derradeiro tramo do seu primeiro mandato. Hu Wei, ex profesor da escola do Partido en Xangai, é mais comedido ao estimar que o independentismo na illa está expectante, non as tén todas. Se a Elon Musk se pode tomar como indicador da probable política de Trump cara Taiwán, este dixo que era "parte de China". Non están nesa onda, nin moito menos, outros membros do gabinete, comezando por Marco Rubio.
En calquera caso, dase por feito que Trump premerá en Taiwán para obrigar a que incremente significativamente os seus investimentos na industria dos chips dos EUA e as compras de armamento, un asunto que suporía a suspensión automática do diálogo militar bilateral sino-estadounidense. Como tamén a instauración dunha gansteril "taxa de protección" reclamada por Trump que topará coa contestación da oposición maioritaria no Parlamento taiwanés.
No inmediato, China aspira a minimizar perdas nun conflito comercial que dan por agravado seguro mentres perseveran nas súas políticas de medio prazo tratando de esquivar enfrontamentos graves. Con todo, aínda que a interdependencia se resinta, a disociación total proclamada por algúns segue a ser unha hipótese pouco probable.
A competencia estratéxica manterase e se evoluciona do económico a outras variables mais agresivas vai depender do nivel de influencia que exerzan no gabinete de Trump aqueles que máis claramente optan pola contención xeopolítica e militar, con prazas fortes nos equipos de política exterior e defensa. Transversalmente, a liña dura é clamorosamente unánime. Yan Xuetong, da Universidade Tsingua, espera un desvencellamento bilateral máis fondo, maior presión militar e picos de tensión que irán escalando sen acougo.
As fendas que poidan abrirse entre os aliados son unha oportunidade para China. A retirada de acordos multilaterais, o desleixo co cambio climático, en suma, o proteccionismo e o unilateralismo desta administración, han nutrir un malestar crecente en moitas capitais que quizais agora poderían sopesar de maneira mais coidadosa a relación con unha e outra potencia. Se China é quen de estimular a súa apertura, o propósito de usar os aranceis para que os demais países contribúan como os vellos reinos tributarios a "facer América grande de novo" pode caer en saco roto.
A inclinación do equilibrio estratéxico máis a favor de China que conta xa cun importante apoio no Sur Global xunto ao escaso percorrido da expectativa de usar un hipotético acordo en Ucraína para abrir unha fenda no entendemento sino-ruso, aceleran a construción dos vimbios do novo tempo global.