Antigamente, conducir e ter coche non estaba ó alcance de calquera. Hoxe en día é unha necesidade e, practicamente, calquera pode conducir e ter coche. Para conducir esíxese un carné que se pode sacar ós 18 anos. E segundo non se pode sacar antes desta idade, por que non se regula tamén o momento no que non queda outra que deixar o coche "aparcado" ou esquecido a causa da idade?

Vén isto a conto porque hai máis ou menos un mes que un home de 93 anos circulou 30 quilómetros pola A-8 en sentido contrario e ata que chocou contra un camión. Con 93 anos e incluso con máis, unha persoa pode "regular" ben, pero coa limitación, coa dificultade, coa pega de que os reflexos, por moito que se queira, non son os mesmos. A cabeza diche que todo vai vento en popa e tiras para adiante, ata que chega o momento en que o corpo, os músculos, o físico non responden á mesma velocidade do entendemento. É así de sinxelo.
Por iso é que, ante estes casos, Tráfico, o Goberno ou a quen lle corresponda, debería poñer unha liña, un tope de idade para deixar o coche, para deixar de conducir definitivamente. Creo que está máis que demostrado (imaxino que haberá estatísticas) que cando alguén conduce en sentido contrario (exceptuando ós kamikazes, por suposto), adoitan ser persoas con certa idade. Penso que se evitarían bastantes accidentes. E Deus me libre en poñerlle achaques ás persoas da terceira idade (eu non tardarei en chegar a ela), pero a experiencia está aí e dinos que os reflexos xa non son como eran. Simplemente, lei física. Tamén, como non, desgaste temporal, físico diminuído.

Somos humanos que nos desgastamos, que diminuímos, pero tamén somos humanos tan bravos que nos convertemos en animais. Morreu o afeccionado agredido nun partido de balonmán de base cando defendía ó seu neto de 16 anos porque, eses humanos animais a emprenderan coa súa arbitraxe. Berrándolle ás de deus é cristo a un neno de 16 anos, que podía ser moi facilmente un fillo deles.
Somos humanos animais en calquera lugar da xeografía española. Aquel foi en Sanxenxo, e en Gran Canaria tres árbitras tiveron que pecharse no vestiario polas ameazas de varios xogadores, ou sexa, de varios humanos animais, de varias mentes perturbadas.