Esta é a síntese do que lle dixen ao neno:
Antes da II República (antes de 1931), as escolas públicas limitábanse ás cidades e ás grandes vilas, pois nas aldeas o ensino era, xeralmente, de carácter privado, exercendo como mestres, nos invernos, as persoas máis instruídas da comarca.
A estas escolas, que primeiro se pagaron con ferrados de cereal, trigo ou centeo, e despois do ano 1930 en cartos, acudían máis ben os varóns, a pretexto de que lles conviña saber algo por se tiñan que facer o Servizo Militar ou emigrar. Comezaban sobre os cinco ou seis anos, e despois, cando podían, ou tiñan ocasión, seguían indo á escola incluso despois de volver do Exército.
Eran no inverno, pois no resto do ano todos facían falta para atender ás labores agro gandeiras, e aínda así ían de noite, ou en días malos, pois nos bos axudaban a linda-lo gando, partir leña, etcétera. Por suposto que ían á escola andando, sempre, e por veces desde media legua, ou máis, de distancia.
As clases dábanse na casa onde parase o Mestre, que sempre era na dos ricos do lugar, por ser os que dispoñían de habitacións sobrantes e axeitadas.
Onde había convento ou igrexa parroquial, nesta función instrutiva participaron os frades e mailos párrocos; moito. ¡Hai que agradecérllelo, que esa obriga, nun senso material, non a tiñan!
Cando a Guerra de España, aquí en Galicia, entre os mobilizados e mailos depurados, o Maxisterio oficial quedou reducidísimo, así que polos anos 40 a carreira máis fácil, e coa colocación asegurada, preferida polas mulleres, foi Maxisterio. Así se dotaron case todas as escolas creadas pola República, inaugurándose tamén algunha nova.
En Galicia débeselles, tamén en materia escolar, un gran favor aos emigrantes, particularmente aos retornados da Arxentina e de Cuba, que costearon edificios importantes, hoxe dedicados a museos e/ ou a outros centros sociais.
-.-
Para síntese, para mostra ou resume do traxi-cómica que foi aquela época, ¡para mostra un botón!, este episodio, ridículo e miserento, naquel ¿imperio? no que nos facían cantar, "... que en España empieza a amanecer".
Da primeira parte informáronme, pois eu, a tal hora, estaba en Castroverde, na feira, vendendo as últimas zocas daquela sacada que levara, ¡ao lombo!, desde o meu Bergland; na segunda coincidín a dous metros de distancia, naquel grupiño que regresaba da feira...
O Pedáneo de Montecubeiro, o falanxista Dositeo da Cernada, na súa arenga dominical, subido a parede frontal do cemiterio; en castelán, por suposto, xa que o noso, o herdado, séxase, o galego, estaba relegado para os plebeos da máis baixa estofa:
-Ahora, que venimos de cantar nuestro Cara al Sol, y ya que el sol va avanzado, os daré brevemente las órdenes del día:
. La primera es que estoy informado, por nuestra Alcaldía, que hoy, feria de Castroverde, en el coche de los Veigas viene la Mestra de la escuela del Pombal, que ya sabeis que estaba vacante, y, claro está, hay que ir a por ella.
. No pueden ir los del Pombal porque también viene Pombal, don Manuel, que salió del hospital después de hacerle las curas, y lo van a buscar con su yegua. (Disto non explicou nada máis pois todos sabían que ao falanxista Pombal, aquel señor que tiña un can lobeiro ao que chamaba, a grandes voces, ¡Azaña!, no Campo da Feira de Mosteiro un tal Garduña cortáralle as narices, e con iso, para Lugo, pero non llas puideron coser porque non as atoparon, que se extraviaran entre a folla dos carballos).
. Pero no hay problema, que tenemos aquí al servidor de la parroquia, Alfonso da Cordeira, y lleva la burra para la Maestra, pues su maleta ya la traerá Celestino, en su yegua, cuando vaya a por el correo... (Alfonso era o sancristán, ademais de enterrador, campaneiro, recolledor polas portas do trigo que se lle doaba ao crego de entón, etc.; do que xa teño comentado que fixo torcer os canos da súa escopeta, para non facer puntería cando lle mandasen apuntar aos "rojos" da parroquia).
. La última de mis órdenes es que, niños y grandes, aprovechedes la ocasión para hablar en castellano con la Maestra, que así os ireis desasnando! ¡He dicho!
Aló en Castroverde, eu xa vendera as zocas... Así que fomos saíndo, un fato de veciños, por Riazor adiante, entre eles, o Alfonso, que levaba de ramal á burra da Mestra, quero dicir, na que cabalgaba a Mestra.
Ao chegar á presa do muíño de Bolaño, onde estaban unhas mulleres lavando as tripas da matanza do señor Gervasio, a burra cheirounas, e de enfadada deu un brinco tal que serviu para lanzar á mestriña ao chan. Miña pobre, que vaia zoupada! Ao caer bruscamente, as fanguelas fixéronlle un remuíño, unha alzada, que nin que fose a bandeira do cuartel de San Cibrao. Alfonso tensou o ramal e a Mestra, aínda noviña, moi áxil, upouse deseguida dicíndolle ao Alfonso: -¿Has visto mi prontitud? Alfonso, sempre servicial, sempre útil, contestoulle, de inmediato, sen pensalo: -Señora Mestra, aquí non se lle chama así... A Mestra non lle contestou; así que Alfonso arrimou a burra á parede do outro lado, para que desde alí cabalgase, de novo, a nosa..., ilustradora.
Este episodio das escolas franquistas tampouco está na Historia das mesmas, pero na miña memoria, si, imborrable, que así foi, e así o retrato.
Cruceiro da fonte de Matahomes (Aquela batalla co Rei Silo...), no medio da parroquia
de Montecubeiro, ata onde nos levou o noso Alcalde Pedáneo, a tódolos nenos das escolas,
(Maxide e Pombal), cando terminou a guerra de España, para darlle grazas a Deus pola Victoria!
-oOo-Gómez Vilabella, Xosé M.