Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Reflexións do meu amigo Balbino acerca de...

Curros Neira, Jesús - lunes, 03 de marzo de 2025
O futuro que nos agarda co regreso de Trump

Cóntame o meu querido amigo Balbino que na súa escola, hai disto xa moitos anos, había dous abusóns que exercían un férreo control sobre as súas respectivas bandas de matóns de tres ao cuarto. Estes dous grupos de indesexables competían entre eles polo control do patio de recreo aterrorizando aos restantes alumnos, que só desexaban descansar entre clase e clase e xogar ao fútbol. Pois ben, unha vez máis se confirma que o mundo da infancia é como un laboratorio que reproduce, a unha escala minúscula, o que logo será a sociedade dos adultos. Ocorre agora que as bandas que se enfrontan diante dos nosos fociños polo dominio do patio de xogos chámanse Estados Unidos, China e Rusia... aínda que, chegados a este punto, quizais deberiamos ser máis precisos. As cuadrillas das que estamos a falar non están formadas por todos os habitantes deses grandes países que, no fondo, non son máis que vítimas das súas ameazas como cada un de nós. Non, os integrantes desas mandas de matóns son certas oligarquías que buscan, anhelan e mórrense por ampliar o seu poder e riqueza baixo a dirección dos tres abusóns de quenda, que xa imaxinarán vostedes quen son.
Hai algúns anos filtrouse un documento da intelixencia norteamericana que consideraba que Rusia deixara de ser o gran inimigo de Estados Unidos. Para eles a outrora besta negra que quería comerse o mundo era tan só unha potencia rexional substituída por China como a gran rival dos estadounidenses polo control do patio do colexio (léase aquí: as riquezas minerais do planeta, as terras raras que precisan as novas tecnoloxías, as fontes de enerxía e o dominio das rutas comerciais). Este informe debeu de cabrear profundamente ao xefe da banda rusa, que non dubidou en invadir Crimea para dominar un territorio cunha importancia estratéxica fundamental. Alí atópase a principal base naval do país, no porto de Sebastopol. A xogada saíulle ben e, á vista da inacción xeral, o autócrata de Moscova decidiu invadir o resto de Ucraína para apresar ao seu presidente e colocar alí un goberno monicreque como o de Bielorrusia. Pero esta vez o mandatario ruso pasouse de listo e os ucraínos, auxiliados por Europa e Estados Unidos, plantáronlle cara.
O problema agora é que un dos bastións da resistencia de Ucraína caeu en mans doutra desas cuadrillas de indesexables. Estamos a falar neste caso da alianza entre o gran capital, representado por Elon Musk e o propio Trump entre outros, e varios grupos de presión entre os que atopamos aos defensores das armas, fanáticos relixiosos, racistas, ditadorciños de opereta e outras xolliñas. Trump lidera esta banda na que vemos aos neonazis de Alternativa por Alemaña, ao irresponsable de Nigel Farage -impulsor dese Brexit que hoxe tantos británicos lamentan- ou a Víktor Orbán, fiel amiguiño de Putin (aínda que amiguiños do líder ruso son case que todos eles, empezando polo propio Trump). O shériff americano, imitando o estilo do seu admirado Putin, quérese comer a Canadá, Groenlandia, a canle de Panamá, Gaza e ata Islandia, se se deixan, mentres non cesa de insultar e menosprezar aos seus antigos amigos e aliados europeos. Sorprendentemente un político español que inda por riba vai de patriota, o señor Abascal, está da súa parte. Non parece que lle importen moito a ameaza para o noso campo e a nosa industria da subida indiscriminada de aranceis ou os insultos que o abusón americano dirixe contra o noso país cando se lle cruzan os cables. Cousas veredes, amigo Sancho!
Algúns analistas e xornalistas moi influentes sorprendéronse por esta actitude de Trump. Pola contra, a min e ao meu bo amigo Balbino o que nos estraña é que se sorprendan porque, imos ver, seica este señor non é o mesmo que no seu día defendeu o Brexit e alentou a outros países para que abandonasen a Unión Europea? E non é o mesmo que era xa bo amigo de Putin antes mesmo de chegar á Casa Branca? Non é o mesmo suxeito que viu con bos ollos o intento dalgúns fanáticos de dar un golpe de estado contra o Congreso do seu país cando perdeu as eleccións, ou o que tivo que arrostrar mil e unha acusacións por delitos de todo tipo, algunhas das cales acabaron en condena? Entón, se é así, que ten de estraño que se comporte agora como un energúmeno fachendoso e pendenciero? É un tipo que admira aos autócratas e por iso segue o exemplo de certo líder alemán que se repartiu Polonia co soviético Stalin. Polonia agora é Ucraína, o imitador dese alemán é Trump e o seguidor de Stalin é quen ten que ser: o presidente ruso, que desexa máis que nada neste mundo resucitar á URSS, para o cal non se deterá en Ucraína.
Así as cousas, quen vai defendernos desa ameaza? A OTAN, controlada polo shériff americano? China, que só está a esperar a ver contra quen ten que pegarse para apropiarse do patio? Evidentemente ningún deles. É hora xa de que Europa esperte, non é tempo para nacionalismos absurdos e patrioteirismos de folla de lata. Nun mundo dominado por grandes potencias os micropaíses non van a ningures, como moito servirán como comparsas dos poderosos ou como xoguetes cos que se entreterán. Europa debe cumprir o soño de quen impulsou a súa unión despois do desastre da Segunda Guerra Mundial e constituírse neses anhelados Estados Unidos de Europa, un Estado con cincocentos millóns de habitantes (máis que Rusia ou os USA), berce da democracia e as liberdades, por non falar da cultura; o territorio coa maior calidade de vida e o mercado máis rico do planeta, que soubo espallar a súa civilización ao resto dos continentes. Unha Europa unida non só plantaríalle cara a eses abusóns, podería mesmo chegar a vencelos. E, en calquera caso, faríase respectar. Perante unha Europa así até Donald Trump acabaría dicindo: Ríame deles e agora mexan por mín, manda carallo na Habana!! Ao que Balbino respondería: Mandará, eu de política non entendo.
Curros Neira, Jesús
Curros Neira, Jesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES