
Foron certamente emotivos os dous actos organizados durante a pasada semana no Liceo e no Teatro Principal en torno á figura do benquerido Marcos Valcárcel.
Topeime neles cun bo fato de amigos comúns de toda caste e condición, o cal ten sido destacado -como un dos moitos valores que atesoura Marcos- polos mantedores dos distintos actos que ó longo dos últimos meses o teñen tido como protagonista non desexado, polo que non vou incidir eu agora nesta cuestión.
Pero quixen traer a colación esta circunstancia porque no acto do Teatro Principal, onde, como digo, se deron cita amigos e coñecidos de toda caste e condición política, así como un amplo feixe de representantes políticos das tres formacións, aconteceu algo sobre o que me gustaría reflexionar no espazo que lle resta a esta columna.
Nun intre do seu emotivo discurso, pediulle Marcos ós representantes da dereita galega -así se expresou el- que volveran sobre Otero Pedrayo, que o leran e comprobaran ata qué punto había na súa obra e na de outros moitos membros da xeracións Nós, un facho permanentemente aceso que lles axudaría a ver mellor o camiño da xestión futura desta terra.
Foi valente Marcos, cando pousou sobre as conciencias dos moitos representantes do Partido Popular que se deran cita alí -empezando polo seu presidente provincial- unha mensaxe tan obvia, pero ó mesmo tempo tan nidia, tan profunda e de tanto calado político.
E digo que foi valente, non por considerar que as súas palabras puideran ter contestación, senón porque ó ser o homenaxeado corrían o risco de ser tomadas como impertinentes. Pero non.
No tempo que levo asistindo a actos sociais e culturais na cidade de Ourense, xamais escoitara unhas palabras tan pertinentes coma as que Marcos esoutro día pronunciou, pois a miúdo a dereita galega ten obviado estes referentes, deixándose levar nalgúns aspectos por un discurso unitarista co que antropoloxicamente a sociedade galega nunca comungou.