A Poesía de Avelino Díaz en 'Debezos' (Íntimas) (6)
Otero Canto, Xosé - viernes, 28 de febrero de 2025
"Canzonciña do delor"
Canzón do delor amigo
qu-ende xamais me deixou,
canzón deste compañeiro
que levo no corazón.
¡Ai delor!
¡se xa me gozo de terte
como se foras amor!
Meu delor, meu compañeiro,
conmigo vai, con el vou,
non-o deixo nin me deixa,
xuntos marchamos os dous.
¡Delor meu!
¡Se cando me faltas ti
Semella que non son eu!
Este meu delor amigo
que no corazón m-entrou
é quen decote m-empresta
alas pr-á miña canzón.
¡Delor meu!
¡Se non te teño semella
qu-algo de min se perdeu!
¡Ai delor!
¡Se xa me gozo de terte
como se foras amor!
INTRODUCIÓN
A composición está constituída por tres cuartetas asonantadas coa diferenza de que no poema anterior os versos eran hexasílabos e neste son octosílabos todos os versos das cuartetas; a estas tamén se lles chamaba cancións, como xa dixemos no outro capítulo. Ademais das tres cuartetas aparécennos catro tercetos. O terceto foi introducido na poesía castelá por Boscán, tomado da poética italiana, concretamente da "terza rima" ou estrofa apropiada para as epístolas, elexías, narracións, disertacións e para a poesía didáctica en xeral. Os tercetos están formados por tres versos que riman o primeiro co terceiro e o segundo non rima a non ser que forme unha cadea. Normalmente o terceto é unha estrofa que non se emprega ela sola, agás nos tercetos encadeados, mais normalmente, o máis común é que vaia con cuartetos para formar sonetos.
Cando a forma estrófica dos tercetos se emprega con versos de arte menor recibe o nome de TERCERILLA que rima igual que o terceto (a-a); a esta tercerilla, outros autores séguenlle chamando terceto e foi tamén usado como refrán das panxoliñas, zéjeles e nesta "Canzonciña de delor" tamén por formar parte do refrán da canción. Ás veces, algúns dos seus versos podían ser quebrados, como ocorre neste caso, onde os primeiros versos de todos os tercetos son de catro sílabas mentres todos os demais son octosilábicos.
Coidamos que esta poema ten reminiscencias dos nosos antepasados, dos Cancioneiros de Baena e Stúñiga, por exemplo, e das cantigas. Posiblemente esteamos diante dunha CANTIGA DE MESTRÍA, que era unha canción galego-portuguesa e tamén castelá cuxa forma métrica se exercitaba libremente e a iniciativa e enxeño do poeta, facendo a salvidade de que as cantigas de mestría non adoitan levar refrán
Durante a primeira metade do século XV o nome de cantiga seguía aplicándose a toda a poesía composta para ser cantada, pero desde mediados de século empezou a substituírse o nome de cantiga polo de canción para diferenciala dos vilancicos, por iso Avelino a denomina "Canzonciña" co apelativo "de delor".
A dor é tamén, quizabes, o tema máis importante na poética de Rosalía de Castro onde os tons e matices da dor son innumerabeis e xúnguense todos eles nunha dor existencial, nunha dor continua, interior, como a de Avelino, ben observábel en Rosalía na súa obra de "Follas Novas" e da que entrecollemos algúns exemplos significativos:
"Non Follas novas, ramallo
de toxos e silvas sos:
irtas, como as miñas penas;
feras como a miña dor."
- - - - - - - -
"A iauga corría
polo seu camiño,
i eu iba ó pe dela
preto de Laíños,
sin poder coas penas
que moran conmigo."
- - - - - - - - - -
Incluso esa dor que actúa como unha compañeira tanto de Rosalía de Castro como de Avelino, vése na obra :"En las Orillas del Sar" da que recollemos este fragmento
"Juguete del destino, arista humilde,
rodé triste y perdida;
pero conmigo lo llevaba todo:
llevaba mi dolor por compañía."
E Avelino Díaz dinos: "Meu delor, meu compañeiro,/conmigo vai, con el vou,/non-o deixo nin me deixa,/xuntos marchamos os dous"
COMENTARIO
Toda a cancionciña é un xogo de palabras, de significantes, para expresar o mesmo significado. O autor, unhas veces, semella buscar sinónimos para incluílos no mesmo significado e outras veces utiliza a mesma palabra repetida, sobre todo os substantivos e os verbos aos que engade outros termos que fan a función de adxectivos e que achegan novas connotacións, pero mantendo sempre o mesmo significado ao longo de todo o poema.
Desa dor ou doenza existencial era coñecedor Avelino porque uns oito anos antes da súa morte (1971), concretamente en maio do ano 1963, con motivo da celebración do día das Letras Galegas, o día 17, recordou a nosa Rosalía cun precioso poema titulado "Unha rosa" que comeza desta maneira:
"Unha rosa por ti Rosalía
con galega fidel devoción,
en homaxe das rosas nacidas
na verde roseira do teu corazón"
e máis adiante prosegue . . .
"Unha rosa pro teu corazón
que por nós se doien
e por nós se laiou" . . .
1.-CUARTETAS ASONANTADAS, COPLAS OU CANCIÓNS
En todas elas temos tres conceptos únicos que se van repetindo ao longo dos versos que son: 1) A dor, 2)a posesión da dor e 3)a dor como compañeira.
REPETICIÓN DE CONCEPTOS
1) A DOR (V: verso) (V 1= 8 =15)
V 1.- Canzón do delor amigo.
V 8.- Meu delor, meu compañeiro.
V 15.- Este meu delor amigo.
2) POSESIÓN DA DOR (V 2= 9 = 16)
V 2.- qu-ende xamais me deixou.
V 9.- conmigo vai, con el vou.
V 16.- que no corazón me entrou.
3) A DOR COMO COMPAÑEIRA ( V 3 e 4 = V 10 e 11)
V 3.- canzón deste compañeiro.
V 4.- que levo no corazón.
--------------------
V 10.- non-o deixo nin me deixa
V 11.- xuntos marchamos os dous.
Tan só na terceira cuarteta, nos versos número 17 e 18 hai un novo significado cos que rematan as coplas ou cuartetas e son os seguintes:
V 17.- e quen decote m-empresta
V 18.- alas pr-á miña canzón.
2.- TERCERILLAS
Tercerilla 1 /// Tercerilla 4
¡Ai delor! = ¡Ai delor!
¡Se xa me gozo de terte = ¡Se xa me gozo de terte
como se foras amor! = Como se foras amor!
Tercerilla 2 /// Tercerilla 3
¡Delor meu! = ¡Delor meu!
¡Se cando me faltas ti = ¡Se non te teño semella
Semella que non son eu! = qu-algo de min se perdeu!
Como vemos as tercerillas 1 e 4 teñen igualdade de significantes e de significados e as tercerillas 2 e 3 teñen igualdade de significados e de algúns significantes.
As tercerillas funcionan como "estribillos" ou refráns da canción, estas cláusulas versais que se repiten despois das estrofas formadas por cuartetas asonantadas son unha especie de retrouso que se repite, e este feito, realízase para que o que as lea ou as cante, se acorde dela, porque a repetición é a base da concreción do ritmo musical pois leva a idea principal que se desexa informar, ou mentalizar ao receptor que escoita, ou que le; por iso o refrán contén a maior carga enerxética e fai que a melodía (ritmo) sexa máis pegadiza e o significado máis certo. Vén a ser como o clímax da poesía ou da canción onde perdura e estoupa a emoción producíndose o desenlace.
As tercerillas 1 e 4 encárganse de abrir e pechar a canción, formando o exordio e o epílogo do que queremos expresar e conteñen xeralmente o título da canción ou do poema. As catro tercerillas axudan a armar o poema e ao mesmo tempo a resaltalo, a darlle ritmo e unidade, por iso o nome de "estribillo" deriva de "estribo" ou función base ou tema en que se estriba o poema para levar a idea principal e como bo estribo que é, terma dela.
Para rematar xa, quero dicir que esta dor de Avelino que endexamais o deixou, que vai con el, que é a súa compañeira e incluso, da que se goza de tela, e da que non pode vivir sen ela, volve acercarnos a Rosalía e ao seu grandísimo poema "Negra Sombra" que tamén é froito da nosa identidade e que cando o cantamos facémolo como se fose un himno á nosa raza e do noso ser marcando o vestixio e a pegada dos galegos como algo consubstancial á nosa raza e que Avelino recolle nesta "Canzonciña de delor" cos mesmos significados. Vexamos:
"Si cantan, es ti que cantas,
Si choran, es ti que choras,
Y-es o murmurio d'o rio
Y-es a noite y es a aurora.
En todo está e ti es todo,
Pra min y en min mesma moras.
Nin m'abandonarás nunca,
Sombra que sempre m'asombras."

Otero Canto, Xosé