Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Caldaloba, as augas envelenadas

Meilán García, Antón X. - viernes, 28 de febrero de 2025
Vén de séculos. Cando o traidor Roi Cofano lle abriu as portas da Frouseira a Fernando de Acuña, xa tiña pensado non deixar pedra sobre pedra dela, non fora que a volveran a refacer e O Mariscal se fixera forte, novamente. E aí segue, desfeita, «derribada na ribeira / ca xamais se veu vencida». En Mondoñedo, non contentos con degolar ao Mariscal, tamén degolaron ao fillo, coa conseguinte confiscación de todo o patrimonio: casas, pazos, terras, vasalos, xuros de heredade..., pero Acuña aínda foi máis aló, non sacou os bens á venda (como tiñan lexislado para estes casos), non fora que os familiares se fixeran outra vez con eles e seguiran señoreando na Mariña: todo quedou ao pairo, en mans dos levadores. E a viúva, dona Isabel de Castro, malia que pagara o pazo da Regueira de Ferrol (Xove) con diñeiro dela, 3000 floríns, onde estaban vivindo, Acuña e a súa prima, a Raíña dona Isabel, á quen foi a ver a Valladolid alegando «ser viúva, pobre e non se poder mantener» foron implacábeis: non a deixaron volver a el e tivo que ir morar e morrer a unha fortaleciña en Castromaior, que era dela por herdanza familiar. En Alfoz, no castelo de Castrodouro, hai anos que teñen proxectado un «Centro de Interpretación de Pardo de Cela», e que aínda seguen proxectando. En Mondoñedo, o Bispado tivo ocultada a sepultura durante séculos e hai pouco desprazou a lápida de sitio, e aos alcaldes pedíuselles repetidamente unha estatua na súa lembranza, ¡como se chovera! En Caldaloba, onde tiveron que envelenar as augas para derrotar e matar a dona Constanza, desde hai anos e anos, os chairegos veñen pedindo rehabilitala como símbolo de loita e resistencia contra a invasión de Castela, e aí segue cuberta de tristeza. E non se esqueza, en Caldaloba só se salvaron catro e os demais, entre eles dona Constanza, están soterrados na contorna, de alí, dado o forte cerco á que a someteron, non puido saír nin unha mosca: son os nosos mortos, alí: «Aramos sobre os mortos nesta terra i-o noso / pan ten sabor de hosos familiares, hirmans», deixou escrito Lorenzo Varela. Acabamos de saber por unha información de Marta Mancebo, publicada no Progreso o 15-02-25, «El enésimo asedio a Caldaloba», que a Xunta coa axuda do Concello de Cospeito teñen paralizada a iniciativa de A Diputación de Lugo de rematar o proceso de compra, polo que a rehabilitación de Caldaloba nin chega nin se lle espera. Caldaloba segue envelenada e algúns políticos envelenándoa, ¿será que non lles importa nada a nosa Historia ou é que seguen os mandatos de Acuña de acabar con todo o relacionado con Pardo de Cela? Que Acuña non lle tiña especial querenza a Galiza é de sobra coñecido: foi o executor, en nome dos Reis Católicos, da «doma e castración»: degolacións, axustizamentos, cárcere, torres derruidas, bens confiscados, xente expulsada..., e ao Mariscal non só o degolou, senón que veu acabar coa súa familia. E hoxe, aínda, seguen fomentando estas mesquindades. E quen perde non só é Caldaloba, que tamén, perde Galiza, perdemos todos e, sobre todo, as novas xeneracións, que xa non sabrán que unha muller, dona Constanza de Castro con un feixe de galegos, estiveron loitando e resistindo ata morrer en Caldaloba para tratar de derrotar ás tropas dos reis de Castela, que viñeron a conquistar o Noso Reino. ¿É isto o que se pretende en realidade? Probablemente. Vén de séculos.
Meilán García, Antón X.
Meilán García, Antón X.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES