A pintora e debuxante lucense Sara Lamas deuse a coñecer como ilustradora de libros literarios e de prensa cultural nos anos noventa do século XX. O seu estilo vivo, colorista, intenso e sensual acompañou moitos textos de carácter erótico, pois o nu foi desde sempre unha das súas especialidades, pero tamén cultivou extensamente o xénero do retrato, sobre todo pintando e debuxando a poetas e a artistas.
Entre os libros que ilustrou abundan os de Claudio Rodríguez Fer, tanto publicados en galego (Extrema Europa, A unha muller descoñecida, Viaxes a ti, Ámote vermella, Os paraísos eróticos, Unha tempada no paraíso, ADN do infinito) como traducidos ao francés (Voyages à toi, Les amours profonds), ao italiano (Lansia di avere le ali), ao

grego (Πύλες απειράριθμες), ao inglés (New York, New Poems) e ao bretón (Muioc'h kalz eget mil bloaz). Ademais, ilustrou as edicións políglotas dos seus poemas A cabeleira e A viaxe vermella (María Casares), así como a súa versión galega de poemas da autora estadounidense Emily Dickinson, compilados baixo o título de Musgo / Moss.
Mais tamén ilustrou obras de Carmen Blanco (Lobo amor, Alba de mulleres, Letras lilas), Olga Novo (Cráter, No principio foi o pracer, Erótica medieval galaica), María Lopo (Feminino irregular, Ensaios en espiral) e Manuel Fernández Rodríguez (El tejedor de redes. Análisis integral de la narrativa de José Ángel Valente), ás que poden engadirse os libros colectivos Do amor e da literatura, Poetas con Valente, Poemas para Carmen Blanco e O amour fou.
No terreo das publicacións periódicas, ilustrou a cuberta permanente do anuario literario Moenia. Revista Lucense de Lingüística & Literatura e varias portadas do voceiro estudantil Evohé. Revista Cultural do Campus de Lugo, ambas promovidas na área luguesa da Universidade de Santiago de Compostela. Paralelamente, é a responsable das ilustracións de Unión Libre. Cadernos de vida e culturas e todo o número 17 desta revista está consagrado monográfica e retrospectivamente á súa variada produción plástica: https://www.unionlibre.org/artigos/artigoslamas.htm
Entre os numerosos escritores que retratou, con diferentes técnicas artísticas e en moi diversos libros, xornais e revistas, figuran Ramón del Valle-Inclán, Antonio Machado, Federico García Lorca, Vicente Aleixandre, Dámaso Alonso, Samuel Beckett, María Casares, Luís Pimentel, Luz Pozo Garza, José Ángel Valente, Antonio Gamoneda, Pere Gimferrer, Claudio Rodríguez Fer, Carmen Blanco, Olga Novo, María Lopo e Tera Blanco de Saracho, sen esquecer cantautores tan literarios como Léo Ferré, Georges Brassens, Leonard Cohen ou Bob Dylan.
Proba da fortuna dos seus retratos de escritores é o impacto visual que están causando os que realizou sobre o poeta Valente na exposición Iconografía artística de José Ángel Valente, comisariada por Laura Paz Fentanes na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela en colaboración coa Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética que conserva o arquivo e a biblioteca persoais do citado escritor.
Efectivamente, en dita exposición figuran nunha vitrina os numerosos retratos que realizou do poeta, así como os libros Poetas con Valente e El tejedor de redes e o monográfico "José Ángel Valente" da revista Evohé, cuxas cubertas ilustrou coa efixie daquel. Igualmente, exhíbense a tarxeta e o cartel da mostra, ambos compostos cun dos retratos que lle fixo a Valente.

Así mesmo, figuran pendurados da parede copias calcográficas do retrato que fixo das mans de Valente entrelazando os dedos do escritor con textos manuscritos polo mesmo e do retrato que realizou do rostro do poeta nun primeiro plano que exhibe sobre a fronte unha simbólica mandorla, en consonancia co poemario erótico-místico precisamente titulado Mandorla, sendo esta peza sen dúbida a representación valenteana máis veces reproducida da autora. Non obstante, na vitrina correspondente as súas obras pode verse tamén outro retrato de Valente con mandorla, pero neste caso nunha das súas meixelas. Outras dúas pezas preséntano significativamente coas mans en primeiro plano e unha máis erguendo expresivamente un brazo, mentres que tamén retrata noutra o seu rostro de perfil. Por suposto, todas as intervencións están inspiradas en fotografías do personaxe, pois foron executadas con posterioridade á súa morte.
A exposición "Iconografía artística de José Ángel Valente", na que Sara Lamas, por certo ex-alumna da Universidade de Santiago de Compostela, comparte espazo con moitos outros artistas galegos e foráneos, é unha iniciativa colaborativa que involucrou practicamente a todos os sectores da universidade: dúas vicedecanas da Facultade de Filoloxía, Alejandra Ulla e Elsa González, que a patrocinaron sucesivamente; o director da Cátedra Valente, Claudio Rodríguez Fer, que asesorou o proxecto e que prestou o material exposto desinteresadamente; a doutoranda egresada do centro Laura Paz Fentanes, que exerceu como comisaria eficientemente, e o membro do persoal de administración e servizos José María Sanin Martínez, que realizou un detallado vídeo da exposición con banda sonora do proxecto alternativo NEFFEX (promovido libre de dereitos de autor polo estadounidense Bryce Savage, autor e cantor da peza "Statement") e da canadense igualmente comprometida con causas alternativas Ashley Shadow (autora da peza instrumental solidaria coa inmigración latinoamericana "Nadie es ilegal"):
https://www.youtube.com/watch?v=MbaWWzwhkB8&ab_channel=filoloxia5.0