Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - miércoles, 26 de febrero de 2025
O latexo da existencia

Unha corda. Unha pedra. Un vaso. Un silencio compartido. Unha banda sonora nos oídos. E o ceo está gris, ameazando chuvia. Un embate. Un empate. Un partido. Un barullo. Un principio. Un final. E o monte que arde polos catros costados.
Arden os pensamentos sobre o que foi e sobre o que é. Sobre o que será, arderán ou non. Arden os galimatías, os enredos dunha conversa e os minutos de silencio. De rapaces berrabamos "auga, que arde o río". De rapaces ardían as ansias e as présas. De rapaces todo era bonito, mesmo o que non era bonito.
Unha cunca. Un café. Tres sorbos. Unha pomba coxa. Un móbil en silencio. Un coche metendo ruído. E todos os camiños conducen a onde queiramos que nos leven. Un alustro. Un trono. Unha treboada. Unha saragana. Unha nevada. Un inverno. E todas as fases da lúa ocorren, suceden sobre un ceo gris, escuro, nubrado, estrelado.
A vida é un ceo clariño e certos berros traspasan fronteiras. Fronteiras que... malditas sexan! A liberdade debería ser única e universal; sen muros nin arames nin fronteiras. A liberdade é o latexo da existencia. E a gaiola rota, aberta, sen barrotes, baleira. Baleira!
Un bolígrafo. Un caderno. Medio verso. Un parágrafo. Un poema. Unha novela. Unha obra de teatro. Unha película. E o boureo quere meter baza para que o silencio se acovarde. Un instante. Unha ilusión. Un devezo. Unha foto. Un espello. Unha luz. E o silencio non se acovarda; pouco a pouco, instante a instante fíltrase por entre o alboroto.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES