Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Domingo VII Ordinario

Cabada Castro, Manuel - domingo, 23 de febrero de 2025
Ofrécensenos hoxe á nosa consideración uns textos do Antigo e do Novo Testamento moi significativos. Os dous están en relación co especial modo de ser dun cristián consciente da dimensión desde a que el debería pensar e actuar.
Sabemos que o Novo Testamento está en continuidade co Antigo, por máis que a centralidade da persoa de Xesús no novo Testamento leve á súa radicalidade a mensaxe de que Deus Pai é tamén o noso Pai. De modo que xa non somos simples seres humanos, senón ó tempo irmáns do Fillo de Deus e emparentados, polo tanto, con Deus mesmo por pura graza del.
Sempre me impresionou ese relato do primeiro libro de Samuel (da primeira Lectura) no que David respecta con valentía e xenerosidade a vida de Saúl, o seu perseguidor, cando o tiña a mercé súa durmindo tranquilamente ós seus pés. Cal foi a razón deste comportamento do santo rei David? Pois a de que Saúl era para David, tal como se nos di no relato, "o unxido do Señor".
Mais resulta que agora no Novo Testamento, coa aparición onda nós de Xesús e o descenso do Espírito Santo mandado onda nós polo Pai e polo Fillo, somos todos, como o era Saúl para o futuro rei David, "unxidos do Señor" e polo tanto inviolábeis e sagrados, coa sacralidade da nosa orixe e destino divinos. Temos todos a dignidade e a grandeza de sermos fillos queridos polo Pai Deus, ó que podemos invocar con verdade como Pai, como Pai-Nai. Así nolo aprendeu Xesús na nosa oración básica e fundamental "Noso Pai, que estás no ceo".
As consecuencias que de aquí se derivan en relación co noso comportamento cos demaisson de gran transcendencia moral e social. Baséase nelas en realidade a construción do "Reino de Deus" querido por Xesús. Por iso son tan fermosas e concretas, tan fondas e ó tempo tan doadas de entender as propostas ou consellos que lles proclama e comunica Xesús ós seus discípulos, tal como nolo conta Lucas en continuidade estrita co que se nos dicía no texto do evanxeo do anterior domingo: "Amade os vosos inimigos, facédelles ben...", "Sede compasivos"... "Non xulguedes, ... non condenedes", etc.
Referíndose a estes textos do evanxeo de hoxe diranos con razón Manolo Regal Ledo, nun dos seus comentarios litúrxicos, que o que neles "se nos anuncia podiamos consideralo como o máis requintado da ensinanza de Xesús". Así é. Agora ben, por que? Por que proceder así, dese xeito tan bondadoso e comprensivo? Pois simplemente porque todos eles, os outros, son e seguen a ser, pese a todo, irmáns meus, sáibano eles ou non, procedan eles como tales ou non. Só así será posíbel ademais romper o círculo diabólico do mal, do odio e da destrución, que aínda continúa a asolar países e nacións do mundo moderno, fachendoso dos seus fabulosos adiantos técnicos e bélicos.
Os cristiáns deberiamos ser persoas libres, que traballan pola liberdade, a xustiza e a dignidade de todos. E hai dignidade meirande cá de sermos "fillos de Deus"? En relación con isto, menos mal que por fin o papa Francisco decidiu modificar hai xa algúns anos o Catecismo da Igrexa Católica considerando agora como "inadmisíbel" a pena de morte, que tantos países aínda manteñen nas súas lexislacións e que incluso a Igrexa consideraba ata entón como admisíbel aínda que en circunstancias excepcionais. Pois se todos somos irmáns e fillos de Deus, como é posíbel que poidamos asentir a que a un irmán meu -por moi amoral que sexa- se lle arrebate a vida? Esa vida, que é un don e un poder do que ninguén de nós somos donos.Coa aparición entre nós dun Xesús bondadoso e compasivo as cousas modificáronse radicalmente. Pois resulta que agora Deus non está só, para dicilo dalgunha maneira, "alá no alto", senón entre nós, en Xesús, na súa humanidade e divindade. Somos así todos sagradas e sagrados, tal como nos di Paulo nunha das súas Cartas: "¿Non sabedes que sodes templo de Deus e que o Espírito de Deus habita en vós? Se alguén destrúe o templo de Deus, o Señor destruirao a el. Porque o templo de Deus é sagrado e iso sodes vós".
En calquera caso, o desamor que poidamos recibir por parte doutros non se pode combater coa mesma arma. Sabemos que Xesús foi nisto moito máis alá do tradicional, rexeitando o "ollo por ollo e dente por dente" e comportamentos semellantes. Para Xesús hai que comportarsealén do que o outro poida pedir ou esperar de min. Alén do que as normas de xustiza ou dunha aceptábel relación cívica poidan esixir de nós.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES