"A miña fertuna"
Estamos diante dun poema constituído por catorce estrofas, concretamente por cuartetas, pero mentres a cuarteta prefire versos de oito sílabas, Avelino Díaz faino con versos máis curtos, de seis sílabas ou hexasílabos. Estas cuartetas de versos pares rimados en asonante e impares soltos (abcb) pode derivar da representación en hemistiquios separados dos antigos pareados de versos compostos que neste caso serían dodecasílabos.
Algunhas cuartetas deberon proceder de romances ou romancillos que deixaron algúns dos seus fragmentos de versos octosilábicos, aínda que neste poema non estamos neste caso, se ben como metros permanentes figura o octosílabo elaborado durante os séculos XII e XIII e cultivado intensamente e ininterrompidamente desde daquela, tamén o foi o hexasílabo que se empregaba nas serranillas, panxoliñas, endechas e romancillos desde o século XV e desde aquí prosegue o seu uso por parte de Avelino, pero tamén visíbel moito antes porque xa aparecía nas jarchas mozárabes.
Este poema fórmano catorce estrofas de catro versos hexasílabos con asonancia nos versos pares e sen rima nos impares e pode ser chamada tamén copla ou cantar, aínda que estas cuartetas asonantadas se coñecen tamén co nome de tiranas ou cuartetas tiranas cun marcado carácter popular, como é acostumado no noso poeta, onde o hexasílabo procede da métrica latina medieval empregada adoito na poesía galaico-portuguesa, lugar de onde Avelino, moi posiblemente o recollería.
DISTRIBUCIÓN DO POEMA
Nestas catorce estrofas o autor segue un dito xa ancestral no que unha persoa para morrer tranquila debería facer ao longo da súa vida: plantar unha árbore, escribir un libro e ter un fillo, segundo nos recomendaba o poeta cubano José Martí (1853-1895),

mais hai quen di que iso é fácil porque o difícil sería "regar a árbore, que alguén che lea o libro e criar o fillo". Os galegos non seguimos esa orde e principiamos polo que consideramos máis fácil, como son: ter un fillo, plantar unha árbore e despois escribir un libro, se é que se pode e se sabe. Esta orde é a que segue tamén Avelino, como bo galego que é. Neste poema que se estrutura de acordo con estas premisas, dedícaselle aos fillos seis estrofas (24 versos), á plantación de árbores tres estrofas (12 versos) e a escribir un libro soamente dous versos (os números 39 e 40) para rematar co cumprimento dos seus desexos noutras catro estrofas (16 versos).
PRIMEIRA PARTE REFERIDA AOS FILLOS
Na primeira cuarteta dános fe da súa situación familiar que consiste na tenencia de catro fillos nos que se sente reflectido e aos que nomea co adxectivo de "garridos", é dicir, de boa presenza e agradables, xogando coa palabra "garridos" que tería tamén o significado de "regalos" e que entendemos como que os fillos son un regalo dos deuses ou que veñen cun pan debaixo dos brazos.
Teño catro nenos
a cal mais garridos
n-eles espellado
decote me miro.
O primeiro hexasílabo co que comeza ten un ritmo trocaico para presentar os catro versos e despois pasa xa ao ritmo dactílico para seguir falando deles.
Prosegue dicíndonos na segunda cuarteta que xa case son mozos e supoñemos entón que dous deles serían adolescentes cando Avelino compón esta poesía e a outra parella de fillos sería máis nova, aínda que o autor comeza xa a considerarse vello incipiente por mor dese diminutivo tan noso "-iño" (velliño) a pesar de non selo.
Xa son cuase mozos
os dous meirandiños,
eles, mais qu-os anos
fanme a min velliño.
A terceira estrofa vén a indicarnos algunha calidade do carácter do autor reflectido nun dos máis pequenos como é o de ser un neno "calado" e non falador, froito quizabes dese "pesimismo" que adoita Avelino:
Un dos pequerrechos
é moi caladiño,
quizabes ten algo
do meu pesimismo.
Na cuarta estrofa continúa a falar do outro pequerrecho en hexasílabos dactílicos, utilizándoos para resaltar a beleza do meniño que semella un cascabel ou axóuxere debido a que ademais de ser riseiro suponse que tamén sexa falador, a xulgar polo metafórico axóuxere.
Dos dous fillos máis vellos non sabemos nada, a non ser que xa vaian mozos. Os máis pequenos son os protagonistas porque lles dedica a cada un unha cuarteta.
En troques est-outro
moneco belido
semella un axóuxaro
de tan riseiriño.
A quinta cuarteta vén a ser un resumo da situación económica de Avelino que non se pon rico como moita xente que se foi para Cuba, mais ten estes catro fillos aos que lanza unha premonición porque se o pai biolóxico de Avelino era tamén poeta, por que non pensar que o día de mañá non o sexan tamén eles?
Non teño riquezas
pero teño estes fillos
que mañán, quizabes,
serán catro líricos.
Coa sexta estrofa remata a primeira parte da composición, tamén en ritmo dactílico está o seu contentamento co seu destino e coa súa sorte, agradecéndolle a Deus o ben que lle fixo por ter estes catro fillos, o que non fai senón en volvermos a considerar que Avelino era un amante da familia, do fogar como vimos na poesía anterior e tamén dos fillos.
Non podo queixarme
da sorte e do sino
i-a Dios ll-agradezo
o ben que me fixo.
SEGUNDA PARTE REFERIDA ÁS ÁRBORES E Á ESCRITURA.
Esta parte abrangue 16 versos formados por catro cuartetas. As tres primeiras e máis dous versos da cuarta aluden ás árbores, pero sempre tendo en conta dunha maneira escondida tamén aos fillos onde se pode observar unha metáfora en igualdade entre os fillos e as árbores. Tan só dous versos son os que Avelino emprega para tratar da escritura dun libro, son os versos 39-40 cos que remata esta segunda parte.
A sétima estrofa preséntanos a plantación de Avelino no seu horto que consiste nunhas árboriñas que medran vizosas e dan limpos froitos, mais segundo imos indo non fai máis que vírsenos á mente tamén os seus fillos que igual que as árbores medran vizosos; sendo o seu horto tamén a metáfora do seu fogar e as verdes arboriñas que medran vizosas, os seus fillos, segundo iremos vendo nas seguintes cuartetas.
Prantei no meu horto
verdes arboriños
que medran vizosos
e dan frutos limpos.
Na cuarteta oitava continúa co exemplo das árbores que lle dan sombra e abrigo, pero inmediatamente xorde a idea dos fillos que tamén está representados como árbores, que quere e estima, como os seus nenos. O feito de que o coidado das árbores e a crianza dos nenos sexa unha metáfora ou comparación está claro nesta estrofa na que dous versos corresponden ás árbores e outros dous os nenos. O mesmo acontecerá na cuarteta novena ou nona que nos trae ao presente a primavera, dedicándolle dous versos e outros dous ás risas dos seus meniños que semellan as flores nunha comparación buscada na igualdade de árbores: fillos.
De vran danme sombra
pol-o inverno abrigo
i-ó mismo qu-os nenos
os quero i-estimo.
Pol-a primaveira
están frolecidos
i-as froles semellan
risas de neniños.
A estrofa número dez vén a ser un resumo de todo o exposto até agora. O primeiro verso está atribuído ás árbores e o segundo aos fillos, despachando en tan só dous versos o feito de escribir un libro e ese libro primeiro sería, segundo nosoutros cremos, este do que estamos falando , titulado "Debezos" ou desexos, neste caso íntimos, co que se verían cumpridos os tres propostos para morrer tranquilo, segundo o poeta José Martí.
Teño tres ramallos
teño estes cativos;
s-algun día podo
hei facer un libro.
TERCEIRA PARTE OU O CUMPRIMENTO DO ESTABLECIDO
Abranguería as catro últimas cuartetas. Desde o verso 41 ata o 56. A cuarteta oncena lémbranos que cando ese derradeiro desexo se vexa cumprido, unha persoa a partir dese momento pode morrer tranquilo por ter feito xa todo o programado para a súa existencia
E cando este anceio
me vexa cumprido
o día que morra
morrerei tranquilo.
Nas estrofas duodécima, décimoterceira e décimocuarta comézase con maiúscula soamente na primeira e remátanse con puntos suspensivos, dándonos a entender que conforman unha unidade indivisíbel considerando a vida como un camiño, tema recurrente na poesía española desde Jorge Manrique a Antonio Machado e neste camiño da vida deixar froitos ben madurecidos e fillos ou retoños, e froito deses froitos daríase por terminado o preceto bíblico: "medrade e multiplicádevos, enchede a terra e sometédea, dominade os peixes do mar, as aves do ceo e os seres viventes que se moven por riba da terra" (Xénese 1:27-31)
Pois, xa é d-abondo
deixar no camiño
árbres que dan fruto
ben madurecido . . .
i-en catro retoños
ser reproducido
dando cumplimento
ó preceuto bíblico. . .
e deixar a proba
de que meu espríto
tiña unha migalla
do sopro divino.
Para rematar diremos que nesta poesía hai algúns versos que o poeta non contou ben pois aínda que a rima é asonante toda ela en (-i-o) e o cómputo silábico está formado por versos hexasílabos, hai pequenos lapsus nos versos números 15, 20 e 52 nos que en vez de seis sílabas teñen sete e as palabras que os sustentan son "axóuxaro, líricos, bíblico"; tamén podiamos pensar que Avelino quixese recalcar estes significados, pero parécenos pouco probábel.
Resumindo, diremos que a través desta poesía atopamos características peculiares de Avelino que se van entrevendo ao longo do poema, tales como que Avelino sería un home "calado", desexa que os seus fillos sexan "poetas" e está moi contento coa súa sorte no fogar e na vida en xeral tendo moita querenza polos seus fillos.
BIBLIOGRAFÍA:
NAVARRO TOMÁS, Tomás (1995).- Métrica española. Editorial Labor,
XÉNESE 1;27-31