En ocasións vexo mortos... vivos e mortos
En ocasións vexo mortos, dicía aquel neno nunha película, e tamén Melendi nunha das súas cancións. Eu teño ocasións nas que non vexo nada e, non obstante, todo pasa. Tamén é verdade que moitas veces vexo de todo;

desde unha cegoña aterrando no campanario da igrexa de Baños de Molgas ata un saltón choutando polos lameiros do Río Vello.
Por ver ata vexo conciencias que non se alteran e sementes de tristeza esvarando polas meixelas. Vexo beizos aproximándose ós bicos do peito e vexo historias nunha simple tatuaxe. Vexo como se cerra o círculo da circunferencia e as sete cores do arco da vella.
Eu tamén vexo mortos; os que se foron e algúns que aínda están vivos, pero que semellan máis que mortos. Vexo un ceo azul con tan só unha nube branca e un lobo ouleando desde os outeiros dun peito. Vexo un poema que non ten fin e unha esperanza que non se perde. Vexo correr as troitas polo río Arnoia e nadar as rulas na presa do Segundo. Vin como o sábado lle deu paso ó domingo e como este lle dará permiso para entrar nas nosas vidas ó luns. Vexo fútbol nunha pista de tenis e os chourizos de cebola colgando dunha lareira.
O neno da película e Melendi viron mortos. Eu vexo vivos que, por veces, buscan a morte. Vexo vivos que soben e baixan, que entran e saen, que buscan e atopan, que falan e calan, que corren e quedan quietos. Vivos que viven en si mesmos e, uns poucos, que viven para os demais. Vin un principio e vexo un final. Este final.
O Travis Molgués
Estaba a pasarme o de Robert De Niro en "Taxi Driver". Que a sociedade empezaba a rañarme onde non debía. Unha e outra vez. Díxenme que non me quedaba outra que emular a Travis Bickle; el cunha pistola e eu cunha fouce da seitura. Non tardei en marchar correndo á palleira e descolgala da parede da mesma.

Aproveitei para poñer unhas polainas (nunca se sabe o que pode pasar en actos repentinos e de carraxe) e saín ás rúas molguesas na procura de cabezas. Xa sei que os de Baños de Molgas son veciños e máis que veciños, pero a sociedade é unha forma de organización característica do ser humano, que consiste en agrupacións de individuos entre os que se establecen relacións organizadas, ben por leis naturais, ben por medio de institucións, regras, etc. Os molgueses son seres humanos que se agrupan na vila. Con iso chega. A gran putada está precisamente en empezar a cortar cabezas pola miña propia vila. Puiden empezar, por exemplo, por Maceda, pero a fouce estaba na palleira que teño en Baños de Molgas.
Non teño porque dar tantas explicacións. Posto xa no papel de Travis, iniciei o percorrido moi suavemente; máis coa intención de darlle tempo ós veciños a que agochasen,a que se ocultasen nas súas casas, que coa intención de guillotinar individuos amigos. A ver se percorridas todas as rúas non atopaba a ninguén e, entón, si, coller camiño de Maceda e alí poñerme as botas ou facer boa feira.
Polas rúas de Baños de Molgas mesmo asubiaba ó estilo Morricone para que a xente soubese que non lles merecía a pena chupar cámara, ou sexa, saír en planos curtos; non fora o demo que... No fondo son un sentimental.