Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sermón de Entroido 2025

Santalla, Iago - miércoles, 26 de febrero de 2025
Saúde teña a boa xente
para vós xa veño falar.
Coa ruín non quero trato
xa se pode ir pastar.
Se vos mando pastar
non é que apoie á pasteira:
Altri quere invadir Palas
non vexas como cheira.
Primeiro ían ser teas
logo deron no papel:
queren converter en ermo
o que para nós é un verxel.
Os veciños non a queren,
os políticos alfombra de ouro,
eles fan un gran negocio
expropiando un gran tesouro.

Os científicos falaron ben:
pode traer enfermidade
pero todo queda oculto
na política da vaidade.
Fomos moitos a Compostela
enchemos dous Obradoiros:
eles seguen coa súa mentira
(para iso teñen bos faladoiros).

Mais a verdade está na ciencia
e non na ruín economía.
Esta fala segundo lle convén:
“La calle sigue siendo mía”.
Eu pregúntovos, amigos,
se mañá hai algún accidente
pensades ter boa axuda
das mans desta xente?
Esta xente busca poder
e a súa barriga farta
así teña que expropiar
polo criminal ou por carta.
De Altri non falo máis
hai moita merda que limpar
pero non todo é carto
a terra témola que amar.

Neste mundo desnortado
os colonos andan de caza:
teñen dereito a todo
ata a exterminar Gaza.
Seica empezou o máis feble
pero o poder impón a súa:
a paz é do capital
que pode roubar ata a lúa.
En Palestina morren a centos
e meniños de curta idade:
que vergonza pasaremos
se temos que contar a verdade.

Eu debo seguir adiante
o que teña que ser será
pero, por xustiza e dignidade,
a Palestina vencerá.

Sígovos falando, amigos,
pero debo ter tino:
voume meter co máis chulo
que é o paiaso arxentino.
Esta xente de capital
pensa que o carto é todo:
créense os máis listos
e revólvense no lodo.
Dende a poltrona presidencial
quixo á xentiña estafar
cunha propaganda noxenta
mais nada lle ha de pasar.
Para os ricos non hai cárcere
para os pobres non hai xustiza
Santa Rita non fai milagres
que os fai a Santa Cobiza.

E que dicir do Trump,
quere invadir Canadá
e pon paz en Ucrania
o que perda tanto lle dá.
Este home non ten límites
sérvese de catro bufóns
e non vos hai máis lei
que os seus santos collóns.
Ou moito cambia o mundo
ou veremos con estupor
a nova longa de Charlot:
o velloTrump ditador.

En Francia, meus amigos,
Saltou outro animal:
violaba e deixaba violar.
Hai que ser criminal!
O medo cambia de bando
con forza di a muller.
Oxalá todos eses homes
entre muros vaian morrer.

Tamén alá en Venezuela,
non sabemos a verdade.
Mais todo pobo merece
un porvir en liberdade.

Aquí na nosa España
xa sabemos de corrupción.
Máis fica esta dúbida:
quen é o máis cabrón.

Haivos moitos candidatos
fálanvos de grandes fitos:
sérvense do público e do poder
que lles agocha os delitos.

Aí tedes a Mario e Isabel
(que difícil é querelos),
agora veñen dar o mitin
ao noso gran Sargadelos.

Cando os vin alí, meus amigos,
de carraxe case vosardo:
onde acabou o legado
do Seoane e de Díaz Pardo.

Ayusita xa ten un novio
que vos é un gran amador.
Todo se volve ganancia
tamén é gran defraudador.

Non vos preocupedes
queAlberto bótalle peito:
tenvos un amor no poder
para facer do torto dereito.

Nosa querida Valencia
Moito vos tivo que sufrir.
Témola que axudar ben
para que poida rexurdir.

Ben orgullosos estamos
de toda esa boa xente
que axudou aos veciños
cun Mazón ausente.

Este ano que xa pasou
a morte roubou amizade:
dúas almas boas e grandes
fóronse en luz de verdade.

Un éravosde Sada.
Republicano de corazón:
meu gran amigo Xesús,
amigo e gran anfitrión.

Foron longas as conversas,
máis longo o aquel amor.
Nel toda verba era certa
e Miro o seu mellor cantor.

Meu Xesús de Riobao:
cantas veces na túa man
voaron as ideas máis ceibes
que outro mundo farán.

De ti, bo amigo, me despido
e xa berro en dignidade:
viva sempre a república
por toda a túa eternidade.

Tamén teño que despedir
ao meu ben querido Mato,
humanista que nos apoiou
sen converternos nun dato.

Os números non importaba
onde latexaban corazóns.
Sempre viu na humanidade
as súas grandes razóns.

Por iso, amigo Mato,
nunca ficarás na terra:
camiñas en moitas almas
cun bo corazón que medra.

Xa o corpo quere un viño.
Con cariño heino pedir
pero antes erguede o voso
que vos vou bendicir:

Non sexades parvos
tede cabeza e corazón
e peneirade o esterco
que vos botan na televisión.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES