Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Que maquina realmente Trump?

Ríos, Xulio - lunes, 24 de febrero de 2025
As escasas semanas que Donald Trump leva na presidencia dos EEUU déixannos entrever os trazos esenciais do que pretende ser o seu segundo mandato. A inspiración central é recuperar a posición hexemónica global laminada por décadas de ascenso chinés e consolidar o seu poder incontestable na definición das regras globais.

O desenvolvemento dese obxectivo abarca dous tempos. No actual primeiro, o que Trump pretende é a recuperación de poder económico pola vía dos aranceis, o Que maquina realmente Trump? incremento das exportacións, e a captación de investimentos para impulsar a reindustrialización. Os que máis deberán afanarse para que Trump leve a bo porto este plan son os seus aliados e socios. Todos en fileira a comprar produtos enerxeticos, agricolas e militares. Estados Unidos é o segundo fabricante mundial, representando o 15,9% da produción bruta mundial en 2024, por detrás do 31,6% da produción mundial dos fabricantes chineses. China, que conta cun sistema industrial máis completo que ningún outro país, gánalle hoxe ata na produción e distribución de enerxía limpa, unha vantaxe que lle outorgará un crecente prestixio na acción climática global.

Pero non todo é economía. A cara B desta estratexia consistiría en disciplinar a súa de alianzas, de forma que poida garantir un aliñamento sen fendas coas súas teses e enfoques abordando os problemas e reservas que puideran existir nun abano máis amplo de temas. Isto afecta nomeadamente aos aspectos de seguridade, defensa e estratéxicos, de forma que arredor de Washington se configure un bloque firmemente comprometido coa súa política. Obtería así unha posición de maior vantaxe. Isto incluiría a paz en Ucraína para debilitar a dependencia de Rusia respecto a China e redirixir máis recursos estratéxicos cara Asia. Pero sós xa non poden.

Logrado isto, sería o momento de enfrontar a cuestión principal, a rivalidade chinesa. Na administración estadounidense hai tempo que teñen claro que China dispón das capacidades potenciais e reais para desprazar a hexemonía de Washington. E hai unha diferenza substancial no enfoque de Trump respecto a Biden. Certo que este secundou e mesmo agravou a súa política do primeiro mandato, que xa tivo a China no foco; sen embargo, Biden poñía o acento na competencia, nunha competencia dura. O balance de Trump é que non da resultado. Por poñer un exemplo, un estudo realizado en agosto de 2024 polo Australian Strategic Policy Institute (ASPI), ao estudar 64 tecnoloxías críticas para ver que país lidera o desenvolvemento destas ramas da alta tecnoloxía ofreceu datos asombrosos: Estados Unidos liderou 60 das 64 tecnoloxías nos cinco anos entre 2003 e 2007, pero nos últimos cinco anos (2019-2023) lidera sete. China liderou só tres das 64 tecnoloxías en 2003-2007, pero agora é o país líder en 57 das 64 tecnoloxías en 2019-2023, aumentando a súa vantaxe respecto da clasificación do ano anterior (2018-2022), onde liderou en 52 tecnoloxías. DeepSeek non é a excepción, é un síntoma.

Por tanto, a cuestión con Trump xa non é a de Biden (competir duramente) senón a de actuar sen miramentos para deter a China. Esa estratexia vai requirir un apoio decidido das principais economías aliadas comezando polo incremento dos gastos en defensa pensando non en Rusia, senón en prepararse para un hipotético conflito maior que ten a China no punto de mira. Por se todo o demais falla. E para iso precisa desterrar aos que poidan dubidar. Velaí a razón do aberto apoio á extrema dereita en Europa e por todo o mundo. Estes "patriotas" son, en verdade, os máis submisos ante o imperio.

Un dos principais conselleiros de Donald Trump sobre China é Elbridge A. Colby, quen aposta por construír unha coalición para arrombar a China. Nunha recente entrevista co New Statesman, Colby explica por que o illamento diplomático e unha posible guerra para humillar a China é a única estratexia posible. "Se China domina máis da metade do PIB mundial, determinará todo o que rodea a súa economía. Non poderemos industrializarnos. Non nos deixarán prohibir TikTok. Non imos ter Apple, Microsoft e Alphabet. Estas serán empresas chinesas. As mellores universidades estarán en China". Esta parece, para persoas como Colby, unha conclusión case inevitable. E suxire que é necesaria unha acumulación militar de Estados Unidos no leste asiático e que é altamente probable unha guerra sobre Taiwán.

Hai poucas semanas, a RAND Corporation publicaba o informe: "A dubidosa preparación para o combate do exército chinés". Na mesma liña, o Departamento de Defensa dos Estados Unidos no seu documento "Desenvolvementos militares e de seguridade que inclúen á República Popular China 2024", insinúa que é posible gañar unha guerra contra China. Sen dúbida, o expertise estadounidense é infinitamente maior e esa vantaxe debe aproveitarse. Pero isto require actuar con decisión antes de que sexa tarde de máis.

Todo semella orientarse nese horizonte, dende a manipulación e a polarización da propia sociedade estadounidense, o carpetazo aos grandes principios da democracia americana, a reestruturación e submisión sen rechistar dos aliados, o colapso da orde mundial da posguerra, o control dos principais nodos xeopolíticos... A maiores, unha crise de grandes proporcións sería a excusa ideal para argallar argumentos para unha prolongación do que debera ser o derradeiro mandato de Trump.

China tentará evitar a escalada pero terá difícil esquivar o ultimato que se lle aveciña. Negociacións duras agardan e tensións múltiples de gran calado nas áreas principais: xeopolítica, seguridade, tecnoloxía e asuntos militares. Esta dinámica, que acentuará a bipolaridade global, compromete seriamente a estratexia de modernización de Beijing como tamén a política global de dar paso a unha orde multipolar. Un trance decisivo para a UE. Compre ser conscientes do que está realmente en xogo.
Ríos, Xulio
Ríos, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES