Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pánico no hospital de tuberculosos de Bilbao

Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán) - jueves, 20 de febrero de 2025
Meu pai traballou en Bilbao nun hospital de tuberculosos aló polo ano 1947. Era un mozo novo e aínda non estaba casado.

A súa misión era andar cos enfermos, ben nas padiolas ou nas cadeiras de rodas, facer as camas, axudarlles a comer se non tiñan familiares e incluso cando un tuberculoso morría, que daquela morrían á feito, tiña que levar o cadáver para un depósito do hospital e outro dos detalles que a el como a outros coma meu pai lles correspondía era de levar a roupa do enfermo que finaba a unha cámara especial onde permanecía varios días baixo un forte vapor o cal parece ser, que desinfectaba a roupa para que algún outro familiar a puidera utilizar.

Describía o hospital como un centro moi grande e no seu exterior un gran xardín con moitas árbores, plantas e flores para que os tuberculosos puideran pasear e recibir aire puro. Ó final de todo, onde case remataba o xardín, había unha gran nave que era o depósito de cadáveres, pois naquela época ó que lle entraba a tuberculose era moi raro que sobrevivira polo que o depósito sempre tiña varios mortos.

Contaba meu pai, que entrar no depósito cando trasladaba un cadáver, aquilo impoñía moito xa que ás veces estando no depósito aínda botaban algúns alentos e ó botalos roncaban e incluso debido ó exceso de medicación se os amarraban á padiola pola cintura ás veces chegaban a poñerse en posición de sentados pois ó estar atado pola cintura e inchar o cinto non afrouxaba e por iso eles adoptaban a posición de sentados, polo que el comentaba que igual entrabas con un cadáver no depósito e xusto nese momento un sentábase e ó mesmo tempo outro roncaba e aquilo era de pavor.

Unha madrugada morreu un tuberculoso e tocoulle a meu pai de ir levalo ó depósito nunha padiola. Tiña que ir a carón do enorme xardín por unha beirarrúa xa feita para tal mester. O xardín estaba alumeado, pero coas follas das árbores víase moi mal, pois por pouco vento que houbera, as follas movíanse e iso facía que non se vira ben e incluso a visión facíase intermitente co movemento das pólas.

Ó ir en dirección ó depósito e o cadáver ir cuberto por unha saba, o contraste do movemento das follas das árbores sobre del, daba a sensación de que o morto se movía, pero a costume xa comezaba a facer veterano a meu pai e levar un morto para el era como levar outra obxecto calquera.

A medida que se ía achegando ó depósito sentía como se deran uns golpes secos contra algo, pero a súa sorpresa foi que ó chegar á porta do depósito os golpes procedían do seu interior. Como a porta era metálica o estrondo aínda parecía máis forte e ó mesmo tempo polo enorme do local facía de caixa harmónica e resoaba moitísimo.

Meu pai estaba indeciso de si abrir a porta ou recuar para atrás, pero esta última opción descartouna por medo a que se non era nada anormal o que había dentro, despois os compañeiros se mofaran del.

Pola súa cabeza pasaron mil cousas, mentres os golpes continuaban. Podería tratarse dun erro médico e dar por morto a algún enfermo sen estalo e como moitos deles co paso do tempo chegaban a poñerse mal da cabeza non sabía a que se podía enfrontar. El sabía que morto non era o que petaba, ladrón tampouco podía ser porque os cadáveres non levaban nada que poder roubar, Deus!, que poderá ser?, dixo para si meu pai.

Pensando en que aquilo podería ser o derradeiro que fixese na súa vida, decidiu abrir a porta a cal por certo, abríase para fóra. Con moito medo e con outro tanto tento, agarrou a pechadura abriu a porta e de súpeto observa un vulto que sae disparado para fóra, cólaselle por entre as pernas de meu pai e tira con el arrolo.

Meu pai levantouse rápido para mirar que era, e puido ver que se trataba dun carneiro. O carneiro que era do responsable de coidar o xardín e que cando alguén foi levar ó depósito un cadáver mentres que o metía dentro deixou a porta aberta e o animal meteuse dentro, e claro está, como eles cheiran a morte e incluso a luz era lene do depósito, o pobre carneiro asustado turraba cos cornos contra a porta e contra o que lle cadraba, pois incluso había padiolas con cadáveres que estaban fóra de lugar que lle correspondía polas súas turradas.
Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán)
Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán)


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES