Pasou un ano, Xesús, desde que nos deixaches, aínda que xa sei que por onde andas rexen outros calendarios e reloxios. E se por aquí andiveches toda a vida metido en asuntos especiais que só ti podías solucionar, a saber que asuntos che enchen agora a alma, na que estamos seguros seguimos ocupando todos nós un amoroso recanto.

O mundo de hoxe non é globalmente mellor ca hai un ano, por iso cada vez sabemos estimar máis os "Matos" que atopamos na vida que, excepcionais, nos fan comprender que son, sodes, exemplos a seguir, aínda que voades tan alto que só podemos ademirarvos de lonxe.
Por fin estás no lugar que soñabas para este mundo, onde o diñeiro non marca o ritmo vital, como ti soubeches sempre que tiña que ser; onde conflúen todos os camiños, como nunha inconmensurable Compostela; onde os desvalidos, os que menos se valían de por sí, teñen espazo reservado á beira do Pai; onde a música, máis ca unha arte, é soplo de vida.
Todos os que en vida te quixemos estamos aquí representados: a familia, os compañeiros cregos, os veciños, amigos, feligreses... os enfermos; os oíntes da radio, lectores de prensa; os que escoitabamos a túa palabra, os necesitados do teu consello, os cantores da túa música, os que comulgaban contido... os que notamos a túa falta, que somos multitude.
Esta celebración de hoxe non é unha despedida, porque ti ben sabías, ben sabes!, que ninguén morre de vez en tanto a súa lembranza siga viva. E ti vivirás, alomenos, mentras que unha sóa persoa das que te coñeceu teña un folgo de vida.
Sempre serás o crego que creou as misas pola radio para "enfermos e impedidos"; sempre serás o crego que quixo atender aos lucenses de máis lonxe; aos da alta montaña que fuches servir; sempre serás o crego que creou Auxilia para facer visibles, hábiles e útiles para a sociedade aos que a sociedade lles negaba un lugar baixo o sol; sempre serás o crego que foi o primeiro -polo de agora, o único- en conseguir a Medalla Castelao, por petición popular; por máis de 2.500 peticións populares; sempre serás o crego que da nome ao Centro Polufuncional de Paradela; sempre serás o crego que creou "Fuxan os Ventos", e o novo auditorio que leva ese nome é unha permanente homenaxe á túa persoa... pero sobre todo -Xesús Mato; Padre Mato da Radio Popular de Lugo- sempre serás o crego que conquistou os nosos corazóns, e co que sempre estaremos en amorosa débeda.
Palabras de Xulio Xiz no Cabodano de Mato na igrexa de Portomarín, o 15.02.2024.
Enlace á biografía de Xesús Mato, no portal Galegos.