Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - jueves, 20 de febrero de 2025
Parvos e paiolos

Chameille paspán a un que estaba de pasmón no tellado dun canastro da Aira de Arriba de Baños de Molgas. Miroume de esguello e, con desgana, díxome que estaba a contemplar os biosbardos. Rinme del, claro. Quen contempla hoxe os biosbardos! Eu, como moito, ergo a mirada ó ceo e vexo como pasan os avións e como voa algún que outro vencello. Sempre fun home de mirar para o ceo. O veciño do tellado do canastro nin el mesmo sabe moi ben para onde mira, por moito que diga dos biosbardos.
Pingas de Orballo Como non quixen que o asunto fose a maiores, máis alá da tÍpica risa que deixara caer, optei por falarlle da media sombra que me asombra. Agora foi el o que se riu de min. Seguro que foi porque estaba chovendo. Recoñezo que metera os pés polas mangas falando da sombra. Sen sol non hai sombra, pensei polo baixiño. Chovía sobre a Aira de Arriba e... sobre as nosas cabezas.
Ó final acabamos en boa harmonía falando dos palleiros de palla, de cando se instalaban nesa aira e de cando chegaba o momento das mallas. Estabamos a poñernos tan sentimentais que non tardou en asomar outro veciño para insinuar que eramos uns parvos e paiolos por recordar tempos que xa eran de moito máis alá do pasado, de cando os corvos voaban baixo e os toxos non picaban. O dos toxos, nin un nin o outro o entendemos, pero non dixemos nada para non semellar aínda máis apaiolados.
O primeiro veciño baixou do tellado do canastro, díxome adeus e, ó segundo veciño, soltoulle aquilo de "bícame no cu que teño paxariños" e marchou a todo correr. Eu rin, como non ía rir!

Música

A música amansa as feras. Ou mata a cabeza. Cancións que soan. Cancións que se gravan. Cancións que se perden, que se cambian de formato. Que se Melendi di unha cousa, Leonard Cohen contesta con outra. Que se Richard Clayderman usa o piano, Elvis Presley baila un rock and roll enriba dun valado. Que se Miguel Ríos vai ó parque, Víctor Manuel marcha para Asturias. Que se as Tanxugueiras arman o demo, Guadi Galego emociona cun pequeno verso, cun simple latexo.
Pingas de OrballoCancións que din algo. Cancións que non din nada. Cancións que mancan, e que emocionan, e que fan bater o peito, e que enlean, enrolan a ansiedade, e que te fan bailar sobre a punta dun toxo, e que te elevan ó sétimo ceo. Cancións que marcan un ritmo. Cancións que te adormecen. Música que entra nas entrañas.
Que se Morricone lle fai tocar a harmónica a Charles Bronson. Que se as tropas inglesas rebentan a ponte sobre o río Kwai ó ritmo duns asubíos marabillosos. Que se nun duelo de banxos se enfrontan as catro estacións de Vivaldi coa cabalgata das valquirias de Richard Wagner. Que se o folk de Milladoiro nos fai bailar sobre a punta dun pé, o góspel de Aretha Franklin nos leva á conversión da alma.
Música por uns auriculares. Música entre catro paredes. Música desde os outeiros do peito. Música que apousenta nos bicos do peito do propio peito. Música sobre un cabelo dourado. Música que vai e vén polas andainas do silencio. Cancións que se mesturan nun popurrí eterno. Cancións que acompañan na señardade máis silandeira e no barullo máis algareiro. Máis música, por favor.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES