Artigo do Presidente de Honra do IGADI, do pasado 3 de xaneiro do 2025. A 17 de febreiro, menos dun mes despois da toma de pose de Donald Trump, as principais reflexións do artigo están de total actualidade.
Esperando a Trump e as incertezas no ano entrante. Con el nunca se sabe. Sen embargo, transcendendo a auréola do personaxe, os datos son os que son: sabemos o que foi Trump I, coñecemos o legado trumpista de Joe Biden, as súas mensaxes de campaña, o equipo que foi conformando e, sobre todo, as tendencias de fondo, que apuntan a escenarios convulsos.

A exacerbación de todos eses factores e a lectura da condición apremiante dos anos inmediatos por vir para reverter o rumbo anti-hexemónico da política global, alentan un incremento substancial dos pulsos estratéxicos.
Que camiño seguirá Trump? No seu gabinete, para uns, como Marco Rubio ou Peter Navarro, a prioridade é asegurar o dominio militar absoluto suprimindo calquer competidor. No punto de mira está China e todos os conflitos serán asumibles para lograr incrementar a fenda de poder entre ambas potencias. A administración Trump ten claro (Vance, Waltz) que no Indo-Pacífico dilucídanse os intereses centrais dos EUA e é aí onde deben concentrarse os recursos de todo tipo. A cuestión é se para conseguir os obxectivos estratéxicos compre ou non reducir gasto militar trasladando responsabilidades aos aliados ou se as guerras comerciais son un camiño seguro. Figuras sobresaíntes como Pete Hegseth, Ratcliffe, Gabbard ou o equipo económico (Bessent, Lutnick ou Perdue) son escépticos. Tamén Musk.
Sen caretas
As políticas de Trump serán as do rearme industrial, militar, tecnolóxico e estratéxico. O incremento da coerción é o santo e seña para 2025. Paz a través da forza, é o eslogan preferido para a súa política exterior. Washington debe dar a xusta medida das capacidades dispoñibles para coutar de raíz as tendencias comprometedoras para o seu estatus como hiperpotencia.
Ninguén espere moita prudencia. Alguén pode soster certo optimismo a propósito da guerra na Europa. O sentido último, non obstante, atende a unha contemporarización con Rusia para debilitar o entendemento coa China e á urxencia de concentrar todos os medios dispoñibles en Asia, a prioridade número un. Os importantes movementos militares en curso, o fortalecemento das políticas impulsadas por Biden no Indo-Pacífico, incluindo a participación de países desta rexión en iniciativas da OTAN, marcan unha crecente relevancia do factor militar na competencia global. Reino Unido, Francia, Alemaña
as grandes potencias occidentais de fóra da rexión, participan desa forte acumulación das capacidades militares co sorprendente argumento de facer fronte ao expansionismo militar chinés.
Con Oriente Medio asegurado pola maquinaria bélica israelí e coa UE a bo recaudo coa obediencia submisa de Mark Rutte á fronte da OTAN, a autonomía estratéxica de Bruxelas semella unha quimera. Esta UE crecentemente conservadora baixará as orellas, quizais máis ca sempre, ante os requerimentos atlánticos. Hoxe Trump, ademais, conta con importantes aliados, a diferenza do seu primeiro mandato. Os europeos debemos contribuir a facer grande América e satisfacer primeiramente o interese nacional dos EUA, a principal guía de Trump.
O que xa perdeu este Occidente é toda autoridade moral. Os líderes europeos, tan críticos con Rusia, alardean dunha condescendencia enfermiza con Israel a pesar das denuncias de xenocidio subscritas mesmo por Human Rigths Watch ou Amnistía Internacional, que ignora de forma sistemática e cómplice.
Máis risco en Asia
O risco medrará exponencialmente en Asia con dous focos principais: Filipinas e o Mar da China meridional e, moi especialmente, Taiwan. O Pentágono multiplica a alarma sobre a preparación dunha invasión chinesa da illa rebelde, quizais para 2027. A preocupación en China medra ante o fortalecemento da alianza militar Taipéi-Washington. O independentismo, moi aliñado con Washington, goberna na illa dende 2016. Unha guerra aquí pode decidir o destino do século XXI.
Dende novembro, China leva insistindo en que con guerras comerciais ou sen elas, sairá adiante. Non se trata só de instrumentar medidas de estímulo para contrarrestar os aranceis e outras ameazas. Hai un cambio de política que toma boa nota da perda de relevancia dos EUA: representa menos do 15 por cento das súas exportacións, por detrás dos países da ASEAN ou a UE. O seu reto estrutural é a innovación. É xa un país líder a nivel global.
Trump xa ameazou con aranceis e presións de todo tipo a quen non se integre nas súas redes de dependencia e arrime o ombreiro aos seus intereses. O argumento da seguridade nacional valerá tanto para impoñer restricións aos investimentos como para exercer unha represión aberta e sen andrómenas. Ata anunciou un arancel do 100 por 100 aos BRICS se buscan crear unha moeda alternativa ao dólar estadounidense. Non haberá medias tintas.
China necesita demostrar que Washington ten perdida a partida da hexemonía, que o desacoplamento e a fragmentación xeopolítica non abondan xa para impedir a consolidación da multipolaridade. O risco é que entón alguén opte pola guerra como derradeiro recurso.