Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Benquerido Xesús:

Núñez, Pablo - martes, 18 de febrero de 2025
Xesús de Nazareth e da Chaira
Casa do carpinteiro
Avenida de Lugo, s/n
27373 - Begonte do Belén


Benquerido Xesús:

Había tempo que non che escribía, e nesta ocasión vou deixar os emails do pasado, e volvo ás cartas de toda a vida. Daquelas que tamén adoitaba a enviar o meu homónimo de Tarso.
A fin de contas, o tema electrónico xa o temos en marcha, non si? E aínda animamos o comezo do ano ás compañeiras e compañeiros de Correos, que con tanto adianto e modernidades, van acabar entregando documentos co whatsapp.
Aconsellaba o teu amigo Paulo (e meu tamén), o apóstolo dos xentís, que calquera cousa que fósemos a facer, a fixésemos con todo o noso corazón. E iso mesmo ansiaba eu cando se achegaba este pasado Nadal, falarche dende o corazón a través destas liñas. Ben sei que as comprenderás coma ninguén.

Soubeches pouco de min nestes últimos anos. Non fun quen de achegarme a ver as novidades na aldea, e tampouco de escribir. Nin cartas, nin artigos, nin sequera algún poema ou relato dos que sabes que tanto me apaixonan. Apenas un par de cousiñas. Unha para celebrar o vixésimo traballo de Luar na lubre, outra polo 50 aniversario de Fuxan os ventos. A música, sempre a nosa música...
Co derradeiro pensaba agasallar a Xesús Mato, pero non cheguei a tempo, e desexo que agora os dous teñades unha tempada libre para cantar, e mesmo para compoñer algunha que outra cantiga ou panxoliña. Coñecendo a Mato, de seguro que xa ten todo un orfeón de anxos aos que dirixir nos seus cantos corais.
Por certo, a semana pasada, baixando da muralla atopei no Campo Castelo ao zoqueiro. Viña a comprar ferramenta nova á cidade, pois os afiadores do belén non deran feito coa vella con tantos visitantes nestes meses pasados. Xa a herdara do seu pai e do seu avó. Ía moi ledo porque aproveitou para mercar unha gadaña, que levaba de agasallo para a señora Magdalena. A dela tampouco dá moito máis de si.
Tomamos un viño de Pantón de moi bo sabor e mentres, contoume que se reuniran os veciños onde o muíño de vento. Foi pola noitiña, un venres en canto ían rematando coas labores de cadaquén. Un dos serradores falou de propoñer aos mestres artesáns de Begonte que fixesen unha figuriña adicada a Mato. A idea foi moi apreciada por todos, no sei que che parecerá a ti, que á fin de contas es o verdadeiro mago desta historia. Co permiso de Baltasar e dos seus, claro. Talvez poderían colocala na compaña do rapazolo encargado de tocar a campá da igrexa. Dende alí, Mato tería moi boas vistas do pobo, e tamén das súas amadas montañas luguesas. Xa o imaxino ao solpor, cando escurece e as nubes de neve se van achegando pouco a pouco, paseniño, entoando algunha antiga melodía que se sen dúbida rescatou nos caixóns esquecidos da música do país.

Neste tempo perdín a demasiados Xosés e a demasiados Xesuses, entre eles o meu pai e o meu avó da casa, que se foron xusto despois das avoíñas. Perdas e desgrazas na familia, e tamén entre as miñas amizades. Todas elas das que provocan ferida. Unha ferida, un sentimento de quebra tan profundos, que agora si che podo confesar que non estaba preparado. Por moito que pensara que o estaba. Non era así.
Había moitos anos dende que despedín ao avó Manuel. Pero por entón, tiña á miña beira o agarimo de moitos dos que agora se viron atrapados pola tormenta de semellante restra de enfermidades, hospitais, bágoas e noites sen durmir logo de días de pesar. Imaxino que cando un sinte tanta dor que non o deixa respirar coa forza de sempre. Cando se ve arrastrado por un remuíño que lle afoga ata os folgos para chorar máis, cadaquén ten a súa maneira e os seus tempos para encaixar os golpes e afrontar os loitos. Ata fai dano falar de loito en plural.
No meu caso, penso que aparte do tempo (din que cura cando van caendo as estacións), precisaba atopar a paz comigo mesmo. Caer na conta de que o meu sentir navegaba cos seus propios prazos, e que aínda que a violencia do temporal tentase estrelarme contra os farallóns dos acantilados, as ondas do mar revolto non soamente me protexían, mesmo me acariñaban na busca desa paz esquecida. Desta paz atopada.

E ao atopar de novo esta paz, ao chegar as néboas de Santa Lucía, deixei que a ilusión fose recuperando o camiño perdido, aínda que non esquecido. Volvín a sentir na pel ese vento suave que chega dende a chaira cada Nadal, que fai repicar os corazóns, e anima aos beizos a sorrir. Volvín sentir paz, aire puro nos pulmóns, e o volvín a escoitar o son do ar. Ese ar chairego que nace a túa beira, e chega ata o bosque sagrado de Lugh, para logo espallarse polos catro puntos cardinais do planeta. A maxia que fai que o Nadal e as panxoliñas renazan polo San Froilán e manteñan o pulso ata o día dos namorados. Mesmo pechadas as portas en Begonte, esa maxia permanece nos corazóns dos artesáns do belén, da familia (pois somos unha enorme familia) que leva este lugar no fogar máis senlleiro do seu sentimento.
Penso que esa é unha das claves para explicar este fenómeno internacional. Se milleiros de persoas seguen vendo, ano tras ano, que amamos o teu berce electrónico, serán milleiros os que virán para tratar de comprendelo. É máis, o noso é un amor contaxioso, que prende en cada nova viaxeira, en cada novo viaxeiro que abra os ollos nesta aldea de lenda. Marcharán namorados. Volverán cos seus fillos e tamén cos seus netos. Como nos pasou a nós. Manterán un vínculo inquebrantable, firme e duradeiro. O do belén infinito e o Nadal sen fronteiras. Que así sexa.
Xa vés, querido Xesús. Eu tamén precisaba escoitar un "moita sorte, cóidate moito, quérote". Aínda que non o sabía, facíame falta. Grazas a ti, ao teu carón, volvín a escoitalo. E sabes, que non son dos que esquezo. Unha aperta, meu amigo. E un bico tamén. Vémonos.
Núñez, Pablo
Núñez, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES