Fotos
Fotos que sinalan un ir e vir existencial. Fotos que marcan o paso do tempo. Fotos que tapan títulos nos cantos dos libros e que mesturan accións, eventos, soidades, multitudes e recordos, moitos recordos. Fotos a esgalla.
Fotos nas que as miradas son o reflexo da alma, nas que as engurras marcan a dureza da vida. Fotos en branco e negro e en cor. Fotos dun tamaño e doutro.

Fotos enmarcadas, sen enmarcar, soltas e en álbums. Fotos que se arquivan para sempre no recanto dos sentimentos e no recuncho da memoria.
Fotos que ás veces, unha, tan só unha, dá para escribir un libro. Fotos que, algunha, efectivamente, non din nada, deixan indiferente. Fotos que emocionan, fotos que cabrean, fotos que incluso mancan e doen, fotos vivas e fotos mortas.
Fotos de perfil, fotos de fronte, fotos por detrás, fotos afastadas, fotos dun punto concreto. Fotos cheas de desexo e que fan soñar. Fotos en posturas perigosas e en lugares demasiado accidentais. Fotos ante espellos. Fotos en autorretrato. Fotos de campo, de cidades, de igrexas, do mar, de natureza.
Fotos que, ó contemplalas, ten música e ritmo e melancolía e señardade e nostalxia, moita nostalxia. Fotos que falan dun antes e dun despois, dunha etapa e dun presente. Fotos que, seguro, terán un futuro.
Fotos que están aí... para recordar, para examinar, para saber, para estudar, para ditar, para babexar, para gozar. Para lanzar asubíos... ó contemplalas. Para ceibar expresións... ó recordalas. Mesmo para cantalas, e escribilas, e versificalas, e admiralas. Fotos que amosarán sempre toda unha vida.