Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Poesía de Avelino Díaz en 'Debezos' (Íntimas) (4)

Otero Canto, Xosé - viernes, 14 de febrero de 2025
4.- "¡Fogar, Doce fogar!"
Estamos diante dunha composición formada por doce estrofas de arte menor porque os seus versos son heptasílabos, con rima alterna nos versos pares e quedan libres os impares; a rima é asonante porque tan só son iguais as vogais a partir da última acentuada e non coinciden as consoantes seguindo este esquema:
7a, 7b, 7c, 7b, 7d, 7b
Son polo tanto sextillas. Esta estrofa pode ter moitas combinancións e esta non é unha combinación típica como poden ser as seguintes:
Rima alterna: ababab
Rima paralela: aabaab
Rima correlativa: abcabc
Rima aguda: aaébbé
A esta rima que utiliza Avelino, abcbdb, podiamos encadrala na rima alterna, pero quedando libres ou soltos os versos impares. Curioso é tamén o feito de que a sextilla xeralmente ten versos octosilábicos e aquí o autor cerra o ciclo de doce sextillas co número sete ou versos heptasílabos.
Esta estrofa, a sextilla, é das estrofas moi pouco utilizadas, aínda que puidese chegar a Avelino polas feiras de Galicia porque a sextilla alterna (ababab) era común no repertorio xograresco e tamén as sextillas octosilábicas e hexasilábicas con rima alterna propias das cantigas dos cegos e de loores de por exemplo, Juan Ruíz, o Arcipreste de Hita.
Tamén podemos pensar que Avelino Díaz topou con esta estrofa en Buenos Aires ao ser a estrofa dominante no Martin Fierro, unha obra gauchesca de José Hernández e que na Arxentina ten case a denominación de libro imprescindíbel, tal e como é en España o Quixote.
Nesta composición de seis versos con rima alterna e asonante, semella tamén como se fosen endechas, onde os versos de oito sílabas propio do romance, teñen sete. Nosoutros inclinámonos máis pola existencia sextillas e non polas endechas polo feito de que hai estrofas e non é unha tirada continuada de versos.
Estamos diante dunha composición formada por 12 sextillas que podemos estruturar en canto ao contido da seguinte maneira:

Primeira Parte:
Descrición do fogar--------------3 sextillas (1-3)-----18 versos (1-18)
Segunda parte:
1.- Primeira fracción:
Curación das doenzas do espírito----------4 sextillas (4-7)-----24 versos (19-42)
2.- Segunda fracción:
Curación con agarimos ---------------------2 sextillas (8-9)-----12 versos (43-54)
Terceira parte: Bondade das pertenzas --------3 sextillas (10-12)—18 versos (55-72)

PRIMEIRA PARTE.- Nesta primeira parte o autor coméntanos as excelencias do fogar como un paraíso.

1ª SEXTILLA
¡Canta felicidade
n-este fogar tranquío,
homildemente ledo,
sinxelo, amorosiño,
que pr-á miña tristura
ten un nobre agarimo!
A primeira sextilla explícanos a felicidade e o agarimo que sente o autor no seu fogar que está pleno de adxectivación positiva para combater a tristeza súa, sendo este un fogar: tranquilo, humilde, ledo, sinxelo e amorosiño. Tan só nos últimos versos aparece a "tristura" que axiña desaparece ao xurdir "un nobre agarimo".

2ª SEXTILLA
Eiquí son respeitado,
tópome ben querido
i-a naide teño envexa
que, anqu-é probe o meu niño,
ind-é mellor que os pazos
que teñen moitos ricos.
Esta segunda sextilla quere ser a continuidade da primeira pois nela prosegue a adxectivación positiva do fogar, mais se a adxectivación anterior era referida soamente ao fogar, agora é referida ao poeta como membro dese fogar no que se sente "respeitado" e "benquerido". Tamén aparece a oposición: pobreza/riqueza, por medio da metáfora "niño": fogar : riqueza, con que remata a sextilla sen envexar nada a ninguén.

3ª SEXTILLA
Un ceio, no vieiro
do trafegar contino
é o fogar, mais aínda
se n-el hai catro fillos
e unha muller amante;
entón é un paraiso.
Con esta terceira estrofa cérrase a primeira parte do poema na que se describe o fogar como obxecto ou como lugar en si, pois ata aquí había unha serie adxectivábel do fogar e do propio Avelino, mais agora para rematar, aparece o fogar coma un "ceio" no que se introduce a aqueles que o poden converter nun paraíso, que son os seus catro fillos e a súa muller, Felisa Iduriaga, unha moza navarra seis anos máis nova ca el e formando un fogar do que se sentirá sempre moi orgulloso (1).
Os seus fillos foron tantos como el nos di, catro. O primoxénito chamado tamén Avelino (Avelino Félix Díaz Iduriaga) que morreu moi novo, aínda non cumprira 49 anos, e os outros tres chamados: Armando, Alfredo e Alberto, respectivamente.

SEGUNDA PARTE
Esta segunda parte, como xa expuxemos, ten dous constituíntes que se recoñecen pola aparición do verbo "Vir" no comezo das estrofas cuarta e oitava, rematando esta parte ao final da novena sextilla. En todas elas trata o tema da curación porque concibe o fogar como un lugar sandábel ou o sitio onde se recibe unha terapia plena.
PRIMEIRA FRACCIÓN
Abrangue as sextillas 4, 5 e 6 que representan a curación das doenzas do espírito.

4ª SEXTILLA
Vir coa frente afrebada
das ideias co xiro,
renegando de todo
e de todos fuxindo,
sen mais forcias pr-á loita
d-este vivir doído . . .
Estes seis versos son o comezo desta primeira fracción e preséntanos a súa situación antes de chegar ao seu fogar, temos a un Avelino triste e canso de traballar nas empresas industriais, posiblemente fose a empresa leiteira "La Martona", unha das empresas lácteas, das máis grandes que houbo na Arxentina, na que traballaba como inspector de controis de calidade.

5ª SEXTILLA
I-atopar n-esta casa,
cal tesouro escondido,
quen calme miñas dores,
quen me empreste aluvío
e me done menciñas
pr-as doenzas do esprito!
Despois de ter a un Avelino sen forzas e cansado do traballo, atopa no fogar os elixires máxicos que colman as súas dores, as menciñas precisas para seguir coa rutina diaria e que serven para a súa curación espiritual.

6ª SEXTILLA
Topar, do amor, os froitos
que teño conqueridos;
a doce compañeira
i-os nenos (uns feitizos)
que, con mimosa verba
me chaman papaiciño.
Aquí están as menciñas milagrosas coas que Avelino se reconforta, chámase AMOR e os seus froitos son a súa doce compañeira, Felisa e os seus catro nenos "feitizos" que lle chaman "papaiciño".

7ª SEXTILLA
Cando chego, i-ó colo
me botan seus braciños,
con certa maxestade,
xa sereos, xa surrindo,
me din. Moi arroutados,
¿Trouxéchesnos garridos?
Esta sextilla está toda ela dedicada ao amor dos fillos que ao chegar bótanse nos seus brazos e Avelino cólleos no seu colo con moito agarimo. Estamos diante dunha pintura doméstica chea de amor a presadas, onde os seus nenos moi "arroutados"; é dicir, sen pensar, de repente, dinlle ao pai o que din todos os nenos "¿Trouxéchesnos garridos?". A palabra "garridos" é pouco empregada hoxe en día e está referida aos pequenos regalos que se lle fan aos nenos; máis coñecida é a de "agasallos" ou incuso a de "presentes".

SEGUNDA FRACCIÓN
Esta segunda subparte abrangue as sextillas 8 e 9 e comeza tamén co verbo "Vir" que dá entrada a esta nova porción poética na que segue a curación das doenzas do autor mediante agarimos.

8ª SEXTILLA
Vir canso do traballo,
chegar adoecído
i-escoitar quen me dice
con doce e tenro mimo:
¿Que che doi? ¿Ves xeirado?
¿Trás fame? ¿Sintes frío?

Seguro que despois de botar unhas xornadas esgotadoras no seu traballo e chegando, posiblemente, ben canso, que haxa unha persoa como a súa dona, que lle faga preguntas a cerca das súas doenzas e dificultades na xeira diaria e da fame ou do frío, que son dos peores males cos que se pode chegar á casa, é moito de agradecer, mais se por riba diso che dan bicos como se sinala na seguinte estrofa . . .

9ª SEXTILLA
Bicos da ben amada
e, dos neniños, bicos:
co-eles o esquecemento
de canto fun sofrindo
i-as anovadas forcias
pr-andar o meu camiño.
O amor manifestado en bicos da súa dona e dos seus fillos provocan un estado de ánimo novo, mellorando a autoestima, porque activan a circulación sanguínea e axudan a enfermar menos e a vivir máis anos porque soben as defensas ao segregar e liberar o corpo as endorfinas debido a que cos bicos podemos expresar emocións relacionadas co amor, como poden ser: o desexo, a paixón, a confianza, a amizade, a calma e ata a seguridade, de aí que nos dous últimos versos nos fale da recuperación das forzas para andar un novo camiño, que é o camiño do traballo e da vida.

TERCEIRA PARTE
A parte terceira a nivel morfosintáctico está representada polo cuantitativo indefinido "todo" que aparece no primeiro verso de todas as sextillas (10,11 e 12)
10.- "Todo canto eiquí teño"
11.- "Todas as cousas teñen"
12.- "Pra que seia bon todo"
Sendo "todo" con categoría de pronome na primeira e na última sextilla desta terceira parte e "todas" está actuando como un predeterminante adxectivo na segunda das sextillas.
Neste "todo/as" están as cousas (mobles) que conforman o confort do fogar e que lle chamamos "A bondade das pertenzas" de Avelino cando estruturamos os contidos.

10ª SEXTILLA
Todo canto eiquí teño
ten para min agarimo;
o leito donde durmo,
a táboa donde escribo,
a lacena, as cadeiras
i-ó espello en que me miro.
Nesta estrofa fai relación dos mobles do seu fogar que para o autor teñen "agarimo" e son: o leito, a táboa, a lacena, as cadeiras e o espello.

11ª SEXTILLA
Todas as cousas teñen
anacos de min mesmo,
anceios d-outros tempos,
deseios xa cumpridos
e ledas esperanzas
pr-ó tempo que ven vindo.

E se todo o que hai no seu fogar está cheo de amor e bondade, desde a súa dona ata os seus fillos e incluso aparece o agarimo dos mobles que conforman ese espazo de convivencia, non podía faltar tampouco a presenza da bondade da veciñanza para que todo se enchese de felicidade nese fogar dos seus soños, nese fogar tan louvado polo autor onde Avelino se manifesta como unha persoa chea de cariño cara a familia e aos seus compoñentes, como un lugar cheo de dozura e de amor que chega incluso a ser terapéutico como se fose un balneario de doenzas non soamente naturais, senón tamén espirituais.

12ª SEXTILLA
Pra que seia bon todo,
son bos os meus veciños;
xunto da miña casa
o mundo é ben cativo.
¡Canta felicidade
n-este fogar tranquío!


NOTA:
1. FREIRE FREIRE, Marivel (2019).- Avelino Díaz. Unha voz comprometida coa Galicia emigrante. B.D.P.C. La Voz de la Verdad. Lugo. Ed. Facsimile. Páx 18.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES