Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Xoias aladas

Pinto Antón, J.A. - viernes, 14 de febrero de 2025
Os paxaros. Non os de A. Hitchcock, tan inquietantes. Mellor os que acompañan a nosa memoria e veciñanza. En 'Primavera silenciosa', Rachel Carson alertou do ominoso silencio dunha primavera que xa apunta, asolagada de plástico e velenos biocidas, asasinos silandeiros gardiáns da cobiza humana.
Din os ornitólogos que a agricultura intensiva é responsable do declive das aves europeas cos monocultivos e a soupa de pesticidas e fertilizantes. Os monocultivos xeran paisaxes sen diversidade onde é difícil que as xoias aladas atopen comida, refuxio e casiña para a familia. SEO-Birdlife di que a poboación de gorrións reducíuse en España un 20% en 25 anos, no resto de Europa o 60%. Polo cambio climático de irresponsabilidade humana, contaminación, exceso de ruido, desmesurado desenvolvemento urbanístico e falta de insectos. Sen paxaros, ¿quen nos protexerá dos insectos? ¿Ignoramos que un birrio, atleta do vento, come ata oitocentos cada día? 'Mirade as aves do ceo, que non sementan, nin segan, nin recollen en celeiros'. (Mt 6,26).
A cega cobiza humana provoca descensos asombrosos nas poboacións de aves de todo o mundo. Ao fin queda un planeta silandeiro, como profetizaba R. Carson en 1962. Homo sapiens, homo deus humilla a natureza poñendo todo ao seu servizo. Expulsa da vida a tantas especies que xa se fala da Sexta Extinción masiva. O que non comemos, son 'malas herbas'. O que non é madeira aproveitable é 'maleza'. Os fogares de tantos seres vivos, tantos paxaros, son arrasados. As paisaxes son uniformadas e deixan de ser herdanza social e patrimonio da biodiversidade.
Pradarías e bosques van desaparecendo e con eles a bicharada miúda, primeiro prato no banquete da vida. Sen eles, esmorecen anfibios e paxaros. Silénciase a voz das árbores nos bosques, o canto da natureza que esperta, as cancións de amor da primavera. Os birrios esquecen as súas vertixinosas xeometrías no encerado azul das tardes. Pronto sobrarán balcóns para que as andoriñas colguen os seus niños. Os humanizados gorrións foxen da veciñanza humana. E os mestres cantores, reiseñores da noite, merlos, xílgaros e verderoles deixan as clases de música. Outros, como chochíns, bisbitas, currucas, reizolos, zorzais, carboeiros abandonan o dicionario vivo da fala. Ningún neno os coñece, ningunha nena os viu. Non son capaces de diferencialos polo voo, polo canto. Paporroibos, alondras, a infinda variedade que contan e recontan as matemáticas da desesperanza. "Triste é o cantar que cantamos / máis que facer se outro mellor non hai", láiase a nosa Rosalía. Perder biodiversidade é apostar por unha natureza inhóspita. Incapaces de convivir nun planeta compartido rachamos a urdida da vida e destruímonos a nós mesmos. Desprezando, ignorando a boa veciñanza das xoias aladas.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES